luns, 20 de xullo de 2015

Inauguramos nova sección co Regulamento Orgánico do Concello de Narón


Así é, estimados lectores: acabamos de crear a sección Documentación no noso blog, que de agora en diante conterá todos aqueles documentos que resulten de interese para os habitantes deste concello. E facémolo con un documento histórico, aínda que descoñecido para nos ata hai uns días: o Regulamento Orgánico do Concello de Narón.

Curiosamente, chegou ós nosos oídos a existencia de tal regulamento tras conversas con membros de EU e ENE sobre a súa situación unha vez instalados nas dependencias municipais; conversas nas que nos relataron que precisaban deste regulamento, pero por ser anterior a 1990 - concretamente, do ano 1988 - non se achaba publicado na web do Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e que estaban en espera de que llelo proporcionasen dende secretaría. Parece ser que tras a súa entrada, o alcalde, dando mostras dun talante colaborativo, lles indicou que pediran directamente o que precisasen, que non era necesario demandalo metendo unha solicitude a través do rexistro. Sen embargo, levaban un par de semanas agardando polo citado regulamento, e seguían á espera.

Ó sabelo, nos fixemos a nosa petición por rexistro, da que obtivemos resposta nunha semana. Nela se nos convidaba a recoller unha copia nas oficinas da Secretaría Xeral do Concello. Alí, a funcionaria que nos atendeu dispoñía dunha copia da que facía uso ela, pero que ó ser unha copia dunha copia dunha copia ... perdera parte do contido polos marxes e algunha liña polo pe de páxina. Preguntámoslle sobre a posibilidade de levar copia do orixinal, que estimábamos estaría no arquivo, e amablemente buscou nos libros de actas de sesións plenarias do ano 1988, dando co texto na sesión correspondente ó 27 de Maio dese ano. O lector notará que hai partes cubertas con cadros negros: iso débese a que se tapou o contido do libro de actas que non corresponde a este regulamento, e os selos do Concello e sinaturas do entón Secretario. Polo demáis, o texto está íntegro, tal cual foi plasmado no libro. Tal é así, que contén parágrafos tan reveladores coma a seguinte:

DEBATE. - o Sr. Méndez Batán expón que o Concello Pleno en Setembro de 1.987, a proposta dos Grupos CDS, AP e BNG, acordou deroga-lo anterior Regulamento e elaborar un novo coa participación de tódolos Grupos Políticos, este acordo non se cumplíu xa que á Xunta de Portavoces presentouse un Regulamento xa elaborado, continúa a súa intervención expoñendo que este Regulamento non permite un xogo mínimamente democrático e ampliando aínda máis os poderes do Sr. Alcalde.

O Sr. López Díaz sinala que este Regulamento foi estudiado na Xunta de Portavoces con moita rapidez, ademáis non se adapta ás necesidades de Narón, sendo unha copia do da Coruña.

O Sr. Vigo Ramos fai unha crítica ó comportamento do PSG-EG e manifesta que non se crean canles para a participación cidadán, as Comisións Informativas deberían ser abertas ó público. Nos pedimos que os veciños sexan recibidos antes de trata-los seus problemas. Cada vez se cerra máis o esquema do goberno en Narón, cehgándose a ventilar intereses particulares.


Ainda así, o regulamento foi aprobado por 14 votos a favor (AP, PSOE e PSG-EG), tres en contra (BNG e CDS), e unha abstención dos independentes. Por aquel entón, a forza máis votada fora o PSG-EG (9), seguido de AP (4), PSDG-PSOE (4), CDS (2) e BNG (2).

A pesar da entrada en 1995 de UPN (Unidade Por Narón) como forza máis votada, que transformada en TEGA segue ata os nosos días, e a diversidade de socios de goberno que se foron sucedendo mandato tras mandato, parece que os razonamentos recollidos nesa acta do pleno se perderon no tempo, pois a día de hoxe o Regulamento segue en vigor. ¿Poderíamos afirmar que algúns políticos daquel entón tiñan unha visión máis progresista que os actuais? De ser así, lamentablemente non foron quen de facer que os seus herdeiros conservasen a mesma visión.

Se contamos con tempo e medios suficientes, tentaremos facernos cunha copia do anterior regulamento, coa fin de facer unha comparativa e desvelar se, como parece, o ímpetu democrático provinte da transición se foi esfarelando co tempo ata quedar no seu estado actual.


Ningún comentario:

Publicar un comentario