mércores, 27 de xaneiro de 2016

Sobre o pleno que ven - 28/01/2016

Para variar, entre as esixencias diarias das vidas dos membros deste equipo de redacción, temos que acabar roubando uns minutiños para poñer a disposición do público información. Neste caso trátase de datos que resultarán de interese para os asistentes ó pleno que terá lugar mañá 28 de xaneiro de 2016. Algo que na nosa opinión, podería facer ben de sobra o concello. Farémolo aportando información sobre os distintos puntos da orde do día deste pleno, extraído de novas, e información aportada polos propios partidos.

Imos aló!







1.- Aprobación, se procede, das actas das sesións de datas 22-12-15 e 30-12-15.

Este punto é unha cuestión rutinaria, xa que en cada sesión se aproba a acta da anterior. Neste caso se fai referencia a dúas datas, xa que o día 22 de decembro tivo lugar un pleno extraordinario.
Respecto ás actas, temos que celebrar que, despóis de meses, por fin temos as actas do ano pasado publicadas. Quen quera botarlles unha ollada, lembramos que pode facelo nesta ligazón: http://www.concellodenaron.com/web/cat/gal/concello/organizacion_municipal/info_institucional/


2.- Proposta de nomeamento de camiños rurais da entidade colectiva de San Xiao.

Lamentablemente, sobre este punto da orde do día non podemos dar ningunha información. De feito, é probable que moitos veciños de San Xiao non saiban a qué se refire este punto. Carece por completo de sentido que unha sesión plenaria sexa pública, pero non haxa ningún tipo de información pública sobre os asuntos que se tratan nela.


3.- Proposta de aprobación inicial da Ordenanza de transparencia, acceso á información pública, reutilización da información e bo goberno do Concello de Narón.

Un dos puntos álxidos deste pleno.  Esta ordenanza crease pola necesidade de adaptarse ó especificado na Disposición Final Novena da Ley 19/2013, de 9 de diciembre, de transparencia, acceso a la información pública y buen gobierno, que da un prazo de 2 anos ás administracións locais para comezar a aplicar o que está estipulado nesta lei.
Por desgraza, e para variar, o concello non puxo a disposición da cidadanía un borrador desta ordenanza, para permitir que plantexasen enmendas á mesma. Pola contra, parece que sí entregou este borrador ós grupos políticos -que nos corrixan se nos equivocamos-. En fin, que aínda seguimos moi, moi, moi lonxe de que este concello teña visos de ser participativo.
¿E qué agardamos nos? Se fora cousa de desexar, pediriamos que, aparte do estipulado na Lei 19/2013, o Concello tivera a ben publicar as bases dos convenios que asina. Sobre todo porque de sempre, e en contra do especificado na Lei de Subvencións de Galicia, a maior parte dos cartos empregados en subvencións a entidades asociativas e deportivas se entregan utilizando a fórmula do convenio. E se a cidadanía non coñece as bases destes convenios, non é capaz de coñecer se se están a tratar con ecuanimidade a tódalas entidades deportivas e asociativas.
Todo iso, se fora por desexar. Pero sendo realistas, o máis probable é que o goberno municipal decida manter a mesma pose que mantén co salario do alcalde e os 7 asesores dos que dispón: ceñirse estríctamente ó que a lei di, sen facer concesión algunha, ainda que ésta o permita.


4.- Proposta de aprobación do cadro de persoal e Relacións de Postos de Traballo ano 2016.

 Este punto corresponde á obriga especificada no artigo 90 da Ley 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de las Bases del Régimen Local,  de aprobar anualmente, a través del Presupuesto, la plantilla, que deberá comprender todos los puestos de trabajo reservados a funcionarios, personal laboral y eventual, e de facelo en arreglo a los principios de racionalidad, economía y eficiencia y establecerse de acuerdo con la ordenación general de la economía, sin que los gastos de personal puedan rebasar los límites que se fijen con carácter general
Dado que os nosos coñecementos nesta cuestión son bastante poucos, quedamos á espera dos comentarios e posibles enmendas que podan plantexar os partidos presentes na cámara.


5.- Proposta de aprobación dos orzamentos do Concello e do Padroado da Cultura, dos orzamentos xerais, das bases de execución dos orzamentos e do límite máximo de gasto non financiero para o exercicio 2016.

Velaquí o punto forte da sesión, os orzamentos. Un documento que describe en qué se empregarán os cartos dos que dispón o concello. Cartos entregados tanto pola cidadanía en forma de tributos, ou transferidos doutras administracións, pero que tamén proveñen de tributos. Por iso consideramos que se trata dunha cuestión tan importante: son cartos de todos, e deberían usarse para o ben común. Cabería neste punto facer unha reflexión sobre o noso nivel de satisfación sobre o concello,  o nivel de servizos, o estado do noso entorno, e os esforzos que poda estar a facer para axudar á cidadanía nos seus problemas cotiáns.

Recalcaremos que os orzamentos non son máis que iso: unha estimación pormenorizada de ingresos e gastos. Durante o ano iranse sucedendo modificacións de crédito que alterarán as distintas partidas en función das decisións tomadas en pleno. Así que a liquidación que se faga a final de ano pode variar respecto ó que había proxectado inicialmente.

Sobre esta cuestión, e grazas ó ruido mediático que se foi desencadeando froito do tema do IBI e a presión tributaria en Narón, foron surxindo distintas declaracións que aportan algo de información sobre os orzamentos que se discutirán no pleno.

Datos do Goberno municipal:
Na seguinte ligazón se pode acceder á nota de prensa emitida polo Concello sobre orzamentos: Orzamentos2016.pdf

Este documento amosa de forma moi resumida información sobre as partidas de ingresos e gastos dos orzamentos, e a súa evolución respecto o ano anterior. E non é información suficiente para que a cidadanía poda determinar se os cartos se invirten como e onde lle convén. Para iso sería preciso que se publicase o desglose das partidas, tal e como se amosan as liquidacións dos orzamentos no Consello de Contas de Galicia.

Respecto ós ingresos, cabe dicir que o Concello prevé recadar en 2016 un 2,83% máis que no 2015. Iso significa que, ainda que mínimamente, a presión fiscal segue a subir. Fronte a esta situación, o goberno declara que é algo debido -citamos textualmente- á correcta cuantificación do impacto do 10% da revisión do valor catastral que se realizou na Ponencia de Valores de 2008, compensándose o incremento que corresponde en 2016 coa rebaixa dos tipos. Unha explicación que, por complexa, moita xente abandonará a posibilidade -unha vez máis- de comprender o que lle dí unha administración, abrazando unha vez máis aquilo de "total, fan o que lles da a gana". Nos queremos explicar esta cuestión con claridade, e dar a nosa visión do que implica:
Os artigos do 66 ó 70 do RDL 2/2004 explican que a base liquidable da cuota do IBI se calcula aplicando ó valor catastral un coeficiente reductor. O primeiro ano que aplica a valoración catastral, o coeficiente é de 0,9: isto significa que o primeiro ano, a base liquidable será so o 10% do valor catastral. Este coeficiente vai descendendo, de 0,1 en 0,1 anualmente ata 0,1. Isto quere dicir, que o segundo ano, a base liquidable do IBI será o 20% do valor catastral, o terceiro será o 30%, ... e así ata chegar ó 90%. Por este motivo o IBI sube tódolos anos, SE NON HAI INTERVENCIÓN DO CONCELLO. A base liquidable non é o que paga o cidadán: despóis aplícaselle o tipo de gravame e as bonificacións, conceptos que dependen do concello, e que están regulados nas ordenanzas fiscais.
Volvendo ó caso concreto de Narón, se a valoración catastral é de 2008, a cota líquida a aplicar en 2015 sería do 70% do valor catastral, e en 2016 do 80%. Pero en 2016, e pola presión mediática, o goberno decide baixar o tipo de gravame de 0,70 a 0,66, amortiguando a suba. Deste xeito, a suba estimada da recadación queda nun 2,83%.
¿Aplauso para o goberno municipal? Pois non. Porque esta cuestión ten moitas máis voltas. A primeira delas é que segundo recollemos no noso artigo sobre o IBI, o prezo medio da vivenda na provincia da Coruña dende 2008 caeu máis dun 30%. Polo tanto, os valores catastráis están moi desfasados. Isto quere dicir que o Concello está a recadar moi por riba do valor real da maioría dos inmobles. Polo tanto, non hai aplauso. Pero ainda hai máis. Quen teña o gusto de ler o noso artigo, verá que a pesar da tasa de paro na comarca, non está a poñer a disposición da cidadanía bonificacións que podería facer por lei que poderían reducir a presión fiscal de familias con rendas baixas. Outro motivo para non aplaudir.
Polo tanto, cremos con estos argumentos desarmada a complexa frase, e podemos afirmar que o goberno está a actuar de xeito bastante insensible -ata descarado- en materia tributaria.

Outra cousa que achamos en prensa e á que non lle achamos explicación é a afirmación que da titular a esta noticia: La Voz de Galicia - La inversión en obras en Narón este año subirá a casi cuatro millones
Na nota de prensa citada arriba, o concelleiro de Facenda, Pablo Villamar, só facía mención a un aumento previsto na partida de Inversión Real do 61% (de 1,14M€ en 2015 a 1,83M€ en 2016). Sen embargo, e salvo que se prevea a recepción de subvencións por 2M€, non atopamos fundamento para tal afirmación.

A última hora, atopamos na páxina de Facebook do BNG declaracións sobre os orzamentos, na seguinte ligazón: O orzamento municipal ascenderá a 28,9 millóns de euros en 2016.
Cuestións curiosas: o primeiro, que parece que lle da unha explicación distinta ó pequeno aumento previsto da presión fiscal da que daba a alcaldía. Neste caso, a cuestión é debida a á corrección da previsión coa que se elaborou o Orzamento de 2015. Cremos que con isto se refire a que para o orzamento de 2015 estaba previsto recadar de IBI 7,7M€ e finalmente se recadaron 8,2M€. Despóis si que fai mención ó mesmo tema que a alcaldía.
Outra cuestión que queremos resaltar é a mención seguinte: "As contas", explicou Villamar, "obedecen á situación de crise que vivimos, priorizando o gasto social e o mantemento dos servizos públicos e reducindo a débeda bancaria". A nosa opinión é que dende hai uns anos, a gran prioridade do goberno municipal está a ser reducir a débeda o máis rápido posible, mantendo conxeladas tódalas demáis cuestións. So invirte, e mínimamente, cando percibe inxeccións dende outras administracións.

Reincidimos de novo na necesidade de datos pormenorizados para poder emitir un xuizo respecto ós orzamentos. Así é imposible saber en qué se empregaran eses máis de 28M€. 

Enmendas do PP:
Estes últimos días o PP publicou na prensa que presentara determinadas enmendas ós orzamentos. Pois ben, tiveron o detalle de poñerse en contacto con nos e enviarnos un documento coas enmendas que propoñían, e que está accesible na seguinte ligazón: EnmiendasPresupuesto'16.doc

Este documento está dividido en dúas seccións. A primeira, co título "partidas en baja", representa as partidas das que propoñen retirar a suma indicada. A segunda, co título "partidas en alta", representa a qué destinarían os cartos minorados das partidas en baixa.

Á vista da información presentada, tamén botamos en falta unhas cantas explicacións respecto a estas enmendas:
Hai partidas nas que a simple vista se sabe que se pode facer unha minoración sobre elas (publicidad y progaganda, fiestas), ou unha transformación (como entendemos que é o caso dos convenios en subvencións, algo que xa propuxeran en pleno hai uns meses). Pero sobre outras, por descoñecemento, non saberiamos aseverar se sería viable.
Respecto ás partidas en alta, tamén as hai que resultan máis ou menos claras a simple vista, pero a maioría poderían considerarse unha cuestión de maxia se non veñen explicadas de xeito razonable e orzamentadas a grosso modo. Por exemplo, a gratuidade do transporte público (¿cantos beneficiarios, viaxes por unidade de tempo, etc ...?), plans de formación, promoción, etc ...
A pesar diso, temos que recoñecer que fan referencia a ideas interesantes, pero que precisan desenrolo. Por exemplo, a existencia dun mercado daría posibilidades de comercializar os seus productos a pequenos productores, fomentando o comercio de proximidade, a soberanía alimentaria da zona, e a activación productiva do rural.

Pode que haxa a quen lle pareza inxusto unha análise tan seca, pero algo que pretendemos promover é a figura do elector esixente: unha cidadanía que non so se quede en bandeiras, colores, símbolos, sorrisos, filosofías e publicidade para votar, e que esixa un proxecto ben definido de concello, onde poda participar nas decisións que marquen cómo se vai desenrolar. E en honor a este obxectivo, non podemos dedicarlle loubanzas a aquilo que non está suficientemente desenrolado como para consideralo viable. Doutro xeito, estariamos a caer no máis que recurrido argumento da confianza que esgrimen os políticos e que teñen -ou deberían- á cidadanía bastante escarmentada.

Opinión de ENE:
De momento, en canto ós orzamentos, de Eliximos Narón so atopamos a seguinte nota de prensa:

A Narón pan e circo”, esa é a política do tripartito.
(Nota remitida a prensa hoxe martes, 26 de xaneiro de 2016)

Os políticos romanos decidiron que a política de «pan e circo» era a forma máis efectiva de subir e manterse no poder. Esta era a práctica romana de prover pan gratis aos cidadáns romanos así como custosas formas de entretemento (o teatro, as carreiras e as loitas) como medio para gañar a súa confianza e, sobre todo, de mantelos afastados dos asuntos políticos.

A pesar do paso dos séculos esa práctica, adaptada aos nosos días, segue vixente e é a política do goberno de Narón. Neste caso o «pan» ven a ser a asistencia social para garantir a subsistencia, mentres que o «circo» son as festas, os deportes e as actuacións culturais.

Así o reflexan os orzamentos con:

• Asistencia social primaria: 2,5 millóns de euros (62,9 €/hab., no mesmo orde que a media outros concellos galegos no rango dos 20.000 a 50.000 habitantes).

• Festas populares e festexos: 215.000 €, un 18,2% mais que concellos similares (5,4 fronte 4,1 €/hab.).

• Deporte: 1,91 millóns de euros €, un 21% mais que concellos similares (48,4 fronte 35,9 €/hab.).

• Equipamento y promoción cultural: 2 millóns de euros €, un 215,8% mais que concellos similares (50,4 fronte 14,3 €/hab.).

En total, Festas + Deportes + Cultura = 4,1 millóns de euros €, 1,73 millóns (un 72,2%) mais que concellos similares (104,3 €/hab. fronte aos 54,3 €/hab. dos demais concellos).

Pola contra, as actuacións de carácter económico dos tres sectores levan 371.000 euros, fronte a 1.458.000 doutros concellos similares, un -74,6% (9,4€/hab. fronte aos 14,3 €/hab. dos outros).

Os gastos en fomento do emprego de 253.000 euros tamén se encontran un -55,5% por debaixo dos concellos similares.

En resumen, a aposta política do tripartito e «pan e circo» que levan 6,6 millóns de euros (aínda que moito mais «circo» que «pan») fronte as actuacións de carácter económico e fomento de emprego que levan 1,7 millóns de euros.

Dende Eliximos entendemos que cada cousa ten que ir na súa medida, e que as actuación de carácter económico e o fomento do emprego deberían ter un maior peso para que os naroneses teñan traballo e, por tanto, poidan ganar o pan.

Esta redacción coincide que o mellor que ten este Concello está sempre relacionado co ocio. Lamentablemente, tanto a nivel normativo -xa mencionamos as ordenanzas fiscais- como en inversións, se comporta con deixadez en temas tan importantes como o do emprego e os servizos sociais. E xa non falemos de transparencia e participación.

Non sabemos se ENE ten pensado plantexar, ou se xa plantexou enmendas. Ante estas declaracións, debería estar pensando en facer ese exercicio, algo que lle vai resultar moi necesario se non quere perder fol ante outras propostas políticas en Narón.


Respecto a Esquerda Unida, non atopamos ningunha publicación súa falando de enmendas ou opinións respecto ós orzamentos. Tan so unha reseña na seguinte nova, na que declaraban que o seu grupo estaba a estudialos: La Voz de Galicia - Críticas de la oposición naronesa al retraso en los presupuestos
Salvo que nos chegue algo de última hora, teremos que agardar á súa intervención no Pleno.


6.- Moción do Grupo Mixto Municipal (EU) relativa ao pago do IBI pola igrexa católica.

Respecto a este punto, o concelleiro André Abeledo tivo a ben publicar o texto desta moción, que está accesible na seguinte ligazón: http://elcomunista.net/2016/01/19/esquerda-unida-de-naron-leva-o-pleno-de-ordinario-de-xaneiro-unha-mocion-para-esixir-que-a-igrexa-catolica-pague-o-ibi/

Aproveitamos para explicar que a exención sobre este imposto que se lle practica ós bens da Igrexa é algo que ven expresado no artigo 62.1.c do Real Decreto Legislativo 2/2004, de 5 de marzo, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley Reguladora de las Haciendas Locales, e que non só afecta á igrexa católica, senón tamén ás demáis asociaciones confesionales no católicas legalmente reconocidas, en los términos establecidos en los respectivos acuerdos de cooperación suscritos en virtud de lo dispuesto en el artículo 16 de la Constitución
O caso da igrexa católica ven desenrolado no artigo IV dos acordos económicos coa Conferencia Episcopal de 1979, no que especifica: 

A) Exención total y permanente de la Contribución Territorial Urbana de los siguientes inmuebles:

1) Los templos y capillas destinados al culto y, asimismo, sus dependencias o edificios y locales anejos destinados a la actividad pastoral.
2) La residencia de los Obispos, de los canónigos y de los sacerdotes con cura de almas.
3) Los locales destinados a oficinas de la Curia diocesana y a oficinas parroquiales.
4) Los seminarios destinados a la formación del clero diocesano y religioso y las Universidades eclesiásticas en tanto en cuanto impartan enseñanzas propias de disciplinas eclesiásticas.

5) Los edificios destinados primordialmente a casas o conventos de las Órdenes, Congregaciones religiosas e Institutos de vida consagrada.


Sen a existencia deste acordo, a Igrexa podería beneficiarse de determinadas exencións cun plantexamento ecuánime, xa que poden ser aplicados sobre bens de calquer propietario. Por exemplo, no RDL 2/2004 especifica que tamén estarán exentos do IBI os que estean catalogados como monumentos ou conxuntos históricos. O que non ten moito sentido na nosa opinión é que non paguen o imposto os inmobles que sirven de residencia, sobre todo cando hai casos que son exemplo de luxo e despilfarro: eldiario.es - La reforma del ático de lujo de Rouco cuesta a la Iglesia más de medio millón de euros

As exencións reguladas nese artigo 62 do RLD 2/2004 son bo material para o debate, xa que incluen ás confesións legalmente recoñecidas e á Cruz Vermella Española, pero non a outras organizacións sen ánimo de lucro que podan estar aportando un beneficio á sociedade nun determinado momento. Tamén aparecen contemplados os colexios concertados, outro elemento controvertido.


7.- Moción do Grupo Mixto Municipal (ENE) relativa á modificación da Ordenanza do IBI en relación a inmobles de características especiais.

Lamentablemente, no momento de escribir este artigo, Eliximos Narón non ten publicada ningunha información sobre esta moción.
Para evitar sustos, explicaremos que os bens inmobles de características especiais están definidos no artigo 8 do Real Decreto Legislativo 1/2004, de 5 de marzo, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley del Catastro Inmobiliario, e fan referencia a:

a) Los destinados a la producción de energía eléctrica y gas y al refino de petróleo, y las centrales nucleares.

b) Las presas, saltos de agua y embalses, incluido su lecho o vaso, excepto las destinadas exclusivamente al riego.

c) Las autopistas, carreteras y túneles de peaje.

d) Los aeropuertos y puertos comerciales.

Botando unha ollada á Ordenanza Fiscal nº2 reguladora do imposto sobre bens inmobles do Concello de Narón, e ó noso artigo Analizamos o misterio sobre o IBI en Narón, só se nos ocurre que estéan a demandar a modificación do tipo de gravame para estes inmobles (que actualmente está en 1,14 e que pode oscilar entre 0,4 e 1,3), ou solicitar para eles a bonificación especificada no artigo 74.3 do RDL 2/2004, e que permite bonificar a cota destes bens ata nun 90%.

Teremos que agardar para sabelo.

8.- Moción do Grupo Mixto Municipal (ENE) para instar ao goberno municipal a elaborar un Plan anual de estatística sobre a situación socio-económica do Concello.

Sobre esta moción, Eliximos Narón sí enviou ós medios a seguinte nota de prensa:

Eliximos Narón pide ao tripartito un Plan Anual de Estatística do Concello.
Dende Eliximos, consideramos que o uso anual regular de estatísticas sobre a situación social e económica é unha ferramenta útil e moi necesaria para un coñecemento obxectivo do Concello.
Esta ferramenta pódese usar cara ao futuro para priorizar e dirixir as actuacións, inversións e recursos do Concello a aqueles aspectos que mais o requiran, e tamén de cara ao pasado para coñecer os efectos e a eficacia de ditas accións levadas a cabo polo Concello.
Ao mesmo tempo, as estatísticas obxectivamente elaboradas, tratadas e publicadas son unha importante ferramenta de transparencia sobre o Concello.
Eliximos presentou hoxe unha moción instando a o Tripartito a poñer en funcionamento esta ferramenta, para o cal e necesario un Plan consensuado no que se recollan os aspectos a estudar, a relación de estatísticas a elaborar que permitan dito estudo, e unha dotación orzamentaria para o Plan nos presupostos para este ano 2016 que están pendentes de se aprobar.

Consideramos que é unha moción moi interesante, xa que podería abrir a porta a que a cidadanía poda estudar a evolución das actuacións do concello ó longo do tempo. Por ese mesmo motivo cremos que non vai achar moitos apoios no goberno municipal.
Esta redacción xa se amosou máis dunha vez interesada por que se faga un seguemento da efectividade dos plans de formación, dos alumnos que obteñen un traballo, do tipo de contrato, e a duración do mesmo.


9.- Actividade de control do pleno: Mocións urxentes.

10.- Actividade de control do pleno: Dación de conta resolucións órganos de goberno.

11.- Actividade de control do pleno: Rogos e preguntas.


Agardamos que, como público do pleno, en directo ou diferido, todo o mencionado sexa de utilidade para a xente que nos le.

En caso de que algún grupo político desexe que incorporemos algunha información a este artigo antes do comezo da sesión, quedamos á sua disposición na nosa dirección de email

Ler máis »