Temos constancia de que a empresa que está a facer os traballos lle solicitou a un cidadán a posibilidade de colocar a arqueta de conexión entre a súa propiedade e a do seu veciño, argumentando motivos técnicos para ese feito. Este cidadán non veu problema algún, así que deu o seu beneplácito para que a empresa realizase tal operación.
Días despois, tras o avance das obras, este cidadán e o seu veciño decatáronse dun feito singular: os dous domicilios quedaron conectados á mesma arqueta.
Neste punto, tanto a estes veciños coma a esta redacción se lles plantexou un dilema: ¿trátase dun caso de picaresca por parte da propia empresa, ou dun feito xustificado por motivos técnicos? No primeiro caso, a empresa estaría a aforrar material, incrementando os seus beneficios, e tal vez creando problemas de futuro no funcionamento da rede de saneamento, e incluso nos fogares destes cidadáns.
Poderiamos dar unha resposta precisa de ter acceso ós planos do proxecto de saneamento, onde teñen que vir reflexados de forma pormenorizada os puntos de conexión coas vivendas, e a situación de cada unha das arquetas. De feito, recomendamos a tódolos cidadáns que teñan dúbidas acudan ó departamento de urbanismo do Concello e soliciten información sobre tódolos detalles da obra na súa propiedade, incluindo os planos da rede nesa zona.
O feito é que, sexa cal sexa o motivo, as dúbidas e sospeitas que podan levantar este tipo de acontecemenos son debidas principalmente á falta de información que se brinda ós cidadáns respecto ás actuacións que se fan dende o Concello. A administración local adícase a enviar de forma rigorosa as facturas da taxa pola acometida á rede xeral de saneamento na zona rural, que segundo a actual Ordenanza Fiscal nº8, reguladora da taxa da rede de sumidoiros, é de 862,07€/vivenda, baixando a 732,76€/vivenda se se solicita durante a realización da obra e construcción da rede. Sen embargo, este cobro non ven acompañado dun documento onde se especifican todas as actuacións que teñen que realizar a empresa encargada de realizar a obra, deixando ós cidadáns a mercede das circunstancias.
Por este motivo, facemos dende esta publicación o seguinte chamamento:
- Se é vostede un habitante de Narón do rural, e está pendente das obras da acometida, ou ten sospeitas sobre a forma na que se fixo a mesma:
- Acoda ó Concello, ó departamento de Urbanismo, e solicite os planos e as actuacións que estaban planeadas para a acometida á rede na túa propiedade. Está no seu dereito. En caso de que lle neguen esta ou outra documentación da que é interesado, non dubide en contactarnos para axudalo a denuncialo públicamente.
- Ten que saber que hai outra forma de facer as cousas: hai un Regulamento de Participación Cidadá que non está sendo posto en práctica, e que ten por obxectivo establecer canles de comunicación áxiles entre a cidadanía e administración local. De feito, é preciso que saiba que coma individuo foi excluído do proceso de participación cidadá, xa que o regulamento o priva de participar nos órganos de participación territoriais e sectoriais se non é a través dunha asociación. Algo que non ocorre, por exemplo, no veciño Concello de Ferrol. Esta situación pode cambiarse solicitando a modificación deste regulamento.
- Se é vostede un concelleiro con ganas de traballar:
- Aproveitando esa vantaxe teórica da que dispón para acceder a información, fágase cunha copia dos planos do proxecto de saneamento e vaia dar un paseo pola zona onde se están facendo as obras de acometida en O Val para verificar que se cumple o estipulado no plano.
- Lembre que se estivese a funcionar o Regulamento de Participación Cidadá, e se os habitantes de Narón tivesen espazo dentro dos órganos de participación coma individuos, non tería vostede que andar correndo de parroquia en parroquia convocando ás asociacións para que lle conten os seus problemas, coa fin de ter material que levar ó pleno. Bastaría con que asistise ás convocatorias dos Consellos Territoriais e Sectoriais e tomase nota do que alí se debate. Está na súa man pedir que o Regulamento comece a poñerse en práctica, e propoñer enmendas para a súa mellora.
A os vecinos cobranlle 350€ por la arqueta poñana ou non
ResponderEliminar