Narón
Pleno
Evidentemente, o asunto estrela desta semana é o pleno que tivo lugar o xoves 30 de xuño, e xa en horario de verán -10:00h-. Sobre deste asunto, Ferrol360 publica na noticia Narón aproba, de xeito inicial, o Regulamento de cesión de uso de locais e dependencias municipais o contido da nota de prensa enviada polo Concello, mentres que en Galicia Ártabra fan unha análise un pouco máis detallada na noticia Pleno de Narón. Nueva tasa, no a la ayuda a iglesias Sedes y regulamiento de locales municipales Antes de nada, temos que aclarar que erramos en pensar que EU presentaría a moción sobre os desafiuzamentos neste pleno. No seu lugar, e polo que parece, presentaron co PSdeG-PSOE unha moción relativa ao proxecto experimental de escola rural en Sedes que tal e como comentan as citadas noticias, foi aprobado.
Foto: Galícia Ártabra
Así pois, tras a lectura do acontecido, vemos que a cuestión fundamental neste pleno -e sen dúbida a que terá maior incidencia sobre a xente de Narón e os seus petos- é a correspondente aos puntos 3 e 6 da orde do día nos que, respectivamente, se falaba do compromiso de Narón en relación cos custos de explotación dos interceptores xerais do saneamento, e a incidencia destes compromisos económicos nas taxas de auga e saneamento reguladas na ordenanza nº 8. Para quen non estea ao tanto, a cuestión ten que ver co Convenio para la ejecución y explotación de la obra del interceptor general de la margen derecha de la ría de Ferrol: Tramo Cadaval-Neda" asinado entre ACUAES, a Xunta e o Concello de Narón o 26 de marzo de 2015. Este convenio acordaba as normas para o financiamento e construcción dos citados interceptores, e a súa explotación. De xeito resumido, a Narón tocáballe poñer sobre 1,5M€ para a obra dun total de 7,3M€. Quitando 4,2M€ aportados polos fondos FEDER europeos, e 0,84M€ da Xunta, o resto tería que devolvelo Narón ao longo de 45 anos, xunto cos custos de explotación da citada infraestructura. E aínda se está á espera de saber se a parte que será executada este ano será financiada por unha prórroga solicitada aos FEDER, ou terá que ir tamén por conta de Narón.
A cuestión non foi aprobada sen máis, senón que foi levada a un Pleno Extraordinario que tivo lugar o 13 de febreiro de 2015, na que foi aprobada polos votos a favor de TEGA, PP e CxG, abstención de PSdeG-PSOE e en contra do BNG. Os argumentos esgrimidos por este último partido eran que, sendo unha infraestructura de interese estatal, non debería correr por conta do Concello, senón do Estado. Como nota divertida a todo este proceso, convidamos a quen nos lea a botar unha ollada á noticia Narón rechaza las condiciones de financiación del saneamiento de la ría, onde o Concello amosa unha postura mediáticamente combativa respecto a un convenio que finalmente remata acatando. Un "moito ruido e poucas noces" sobre a sempre recurrida defensa dos intereses da xente de Narón no que polo menos o BNG se mantén coherente (El BNG de Narón reitera que tenía razón al votar en contra del convenio de saneamiento).
Pois ben, a cuestión presentada a Pleno era cómo satisfacer para este ano a débeda con ACUAES. E o que se aprobou ven resumido nas noticias A taxa de depuración por un recibo doméstico de ata 30 metros cúbicos de cota de consumo terá un custe de 76,29 euros ao ano, e Narón comenzará a aplicar la tasa de saneamiento a partir de octubre. Sobre os prezos, cada persoa terá que facer as súas contas, pero a suba resulta máis que notable. Respecto á forma de cargarlle este morto á cidadanía, queremos facer varias apreciacións:
- Segundo as novas, o alcalde tivo a cara de dicir «Trátase dun custe que sabiamos que había que asumir». Cremos que debería ir co seu equipo de goberno a explicar polos barrios esta cuestión, para escoitar de primeira man canta previsión tiña a veciñanza sobre este gasto. Pero non terán o valor de facelo.
Por outra banda, e contando con esa previsión, tampouco sacaron partido das convocatorias dos Consellos Territoriais de participación cidadá para expoñer a cuestión coa fin de que a cidadanía expresase a súa opinión respecto á forma de recadar os cartos para saldar a débeda contraída coa sinatura do convenio. - Respecto á forma de recadar eses cartos:
- ¿Por qué fixan o mínimo en 30 metros cúbicos? ¿Qué porcentaxe de usuarios supera esa cantidade? Sería preciso comprobalo para ver se o listón está moi alto, e resulta que quen menos consume se ve gravado excesivamente. Polo menos, en cuestión de consumo de auga, ENE xa fixo públicas as súas reservas sobre os prezos da auga en tales situacións. Para poder sabelo, sería necesario que se publicase nun lugar como o Portal de Transparencia un informe anual de COSMA que dese información sobre estas cuestións, algo que actualmente non existe, ou non demos atopado.
- “A maior tramo de consumo, maior será tamén o importe da citada taxa, como corresponde”, indicaba tamén o alcalde. Pero descoñecemos se se refire á parte da taxa correspondente ao pago da obra, á que corresponde ao seu mantemento, ou ás dúas. Dado que a obra é algo común a tódolos usuarios, a cota a aportar pola súa construcción debería ser a mesma en tódolos casos. Sendo así, e dado que a obra beneficiará a usuarios actuais e futuros, debería correr por conta das arcas municipáis, e non por conta das aportacións na factura dos usuarios actuáis. ¿Terán eles más dereitos sobre a obra que os futuros usuarios? ¿Haberá vantaxes para os usuarios que paguen durante 45 anos, sobre os que paguen durante 20?
Para finalizar este punto, faremos mención á Posición de EU Narón sobre a taxa da auga e o saneamento que publicaron despóis do Pleno. Respecto a ésta, queremos pararnos na seguinte afirmación: “EU Narón vaise abster neste punto por responsabilidade, porque sabemos que cando se da un servizo este ten un custo, e non tivemos nin tempo nin medios para facer un estudo de ata que punto estes custos están xustificados". Cremos que é necesario invocar á responsabilidade cando o voto é decisivo sobre unha cuestión. E sabendo o resultado que ven da Xunta de Portavoces -que descoñecemos, pero cremos que viría co respaldo do tripartito ao completo- un podería votar en contra coa conciencia tranquila. Máxime, sabendo que non é unha cuestión urxente, xa que ata Outubro non entraría en vigor.
Por certo, segundo o anuncio no BOP, o acordo de modificación da ordenanza nº 8 estará exposto no Concello durante 30 días -ata o 5 de agosto- para quen quixese presentar reclamacións ao respecto.
Cambiando de punto, imos á moción presentada polo PP, que no seu título so facía mención a condenar os ataques ás igrexas de Sedes, pero que traía algo máis de cola. Tanto é así, que titulares como La izquierda naronesa rechaza una moción del PP sobre los ataques a iglesias de Sedes poderían levar a un a engano se non se le o contido da noticia. Isto débese a que a moción realmente demandaba «condenar los hechos ocurridos en Sedes, instar al concello a promover los valores incluidos en la Constitución Española de cara a la libertad de culto, y dotar una partida presupuestaria para contribuir en caso de ser necesario a reparar los daños». Se ben os dous primeiros termos son asumibles sen apenas disertación, o terceiro non o é, xa que se trata de bens privados pertencentes á Igrexa. E xa que falamos da Constitución, sería preciso facer mención ó seu artigo 16.3, no que declara ao Estado como aconfesional. E o citado punto excede as relacións de cooperación que se mencionan no mesmo. De feito, de ser aprobado algo así, calquera persoa ou colectivo que sufrisen un ataque vandálico ou un incendio sentiríanse con dereito a reclamar un trato semellante.
Máis ou menos nesta liña vai a noticia EU Narón contesta a Moción do PP de Narón sobre os actos de vandalismo contra dúas igrexas en Sedes, na que ademáis fan referencia a unha abordaxe desta cuestión na que parece que se pretenda obter beneficio político. Sorprende ver cómo ENE se abstén en cuestións deste tipo, xa que non se trata dun tema tanto ideolóxico, como de ecuanimidade. ¿Cuestión de estratexia, para evitar ser sinalado por uns ou outros?
E deixamos para o final o primeiro punto, ou mellor dito, a visión do Pleno do PSdeG-PSOE: Narón da luz verde ao regulamento de cesión de uso de locais e dependencias municipais é un artigo publicado na súa páxina web no que se fai un resume do pleno. E sempre resulta de agradecer que os partidos dean máis información que a contida nas notas de prensa oficiais.
- Respecto á cuestión do regulamento, reprochan a ENE que “pretenda dicirlle aos técnicos como redactar os regulamentos” e lembra
que os grupos deben centrarse en aportar ideas que melloren o documento e
non na súa redacción. En todo caso, incidiu a edil, “os que terían que
opinar serían os representantes das asociacións, que son a quen lle vai
influír”. Neste punto -e correndo o risco de opinar sen coñecer a intervención completa de ENE- temos que discrepar: os representantes municipais teñen todo o dereito a dar a súa opinión, incluíndo o resultado do traballo dos técnicos. Dubidamos moito que as "regras" aludidas estean contidas na lexislación que regula a actividade dos concelleiros. Por desgraza, parece que a base de repetición se pretende facer que a xente rexeite criticar o traballo dos funcionarios. Funcionarios que, como calquera ser humano, non é perfecto, pode equivocarse, e probablemente dentro dun ano saiba facer mellor o seu traballo que agora, e grazas a todo tipo de aportacións que poda recibir ao respecto.
Sobre o documento, a nosa queixa non será formal, senón conceptual: exite un borrador que hai uns anos foi elaborado no seno dos Consellos de participación cidadá. Pero parece que este modelo de participación, en lugar de respectar as aportacións da cidadanía, se dedica a desbotalas sistemáticamente. Se logo se preguntan por qué a xente non asiste aos Consellos Territoriais, ou non aporta aos borradores que fan os técnicos, aquí poden ter un motivo.
Por certo, unha cousa máis: o regulamento afectará non so ás asociacións, senón tamén á cidadanía en xeral. Sen embargo non se lles está a dar unha canle para opinar ao respecto, porque todavía non teñen voz nin voto en materia de participación, se non é a través dunha entidade asociativa. - En canto ao pago da débeda establecida coa construcción dos interceptores, parece que o mantra que repiten quenes votaron a favor é o de "hai que pagar a obra". Evidentemente: pero ten tanta importancia o xeito do que se paga a débeda. Máis arriba explicámolo con máis detalle, pero o fundamental é que non debería cargarse o custo so aos usuarios do saneamento, pois é unha obra que beneficia a todo o Concello. Máis aínda: recoñecendo que se trata dunha obra que debería pagar o Estado por ser de "interese xeral", o abono dende o Concello debería seguir o mesmo modelo: facelo dende os orzamentos, e non cargando sobre os consumidores.
Varios
O alcalde e edís da corporación recibiron no concello á nova directiva da AVV do Couto. Segundo a nova, na reunión abordaron "varios asuntos de interese da citada parroquia naronesa". Curiosamente, e sendo de interese para a veciñanza do Couto, nin se cita cales, nin a qué conclusións se chegaron. Por desgraza, trátase da dinámica habitual.ENE informa nun artigo que andamos A voltas co contrato eléctrico tamén en Narón. Para quenes non estean ao tanto do tema -sería ben raro, xa que é un tema candente no veciño Concello de Ferrol-, poden botar unha ollada a esta Intervención da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos e pola Remunicipalización no pleno de Ferrol pedindo o desestimento do Contrato Eléctrico e a investigación da actuación do bufete asesor Lama&Asociados - Vídeo e Texto, onde se pode ver cómo unha plataforma cidadá, advertida de que o contrato eléctrico pendente de asinar e que fora redactado polo anterior goberno é ilegal, está a mobilizarse para conseguir que o actual goberno non o asine.
Pois ben, parece que en Narón tamén está a haber presións das eléctricas para asinar un contrato de suministro e mantemento unificado, cando no caso de Ferrol se indica que é unha das irregularidades. Tamén se comenta que se estaba plantexando mancomunar este servizo.
Respecto ao resto do artigo, está bastante difuso, xa que enlaza con unha cuestión posta de manifesto no Pleno do 28 de abril de 2016, no que se abordou a cuestión do "recoñecemento extraxudicial de créditos". Un tema que explica moi ben o artigo Pagos extrajudiciales, ¿y eso qué es?, e que supón resumidamente, aceptar facturas correspondentes ao período anterior que non tiñan crédito asignado no orzamento sen ter que chegar aos xulgados. Pero non so iso: a situación viña "complicada" porque había un informe de Intervención (PRE10I02Y do 18/04/2016) en contra de certas prácticas relacionadas con tales facturas. Por desgraza, tampouco atopamos este informe de Intervención no portal de transparencia, e lamentamos que non haxa ningún grupo político que estea a demandar a publicación desta información nel. Tampouco descartamos solicitalo, xa que a pouco que buscamos, atopamos casos de administracións que non teñen reparo algún en publicar tales informes, como é o caso do Concello de Pozuelo de Alarcón. Unha mostra máis da indixencia en materia de transparencia na que vivimos en Narón.
E a seguinte non se trata dunha noticia de Narón, pero sí está directamente relacionada co noso concello. Resulta que en Madrid, Carmena baja el IBI entre un 20% y un 40% en 22 barrios del sur de Madrid. Non se equivoquen: non se trata de facer apoloxía da alcaldesa de Madrid, senón de facer un sinxelo paralelismo entre ese concello e o noso respecto ao sempre controvertido tema do IBI:
Madrid | Narón |
---|---|
A raíz dun estudo realizado entre o Concello de Madrid en colaboración con Catastro, conclúen que en Madrid os valores catastrais rondan -de media- o 55% do prezo de mercado. Actualmente, considéranse como "normais" os valores catastrais que rondan o 50% do valor de mercado. | No pleno de 30 de abril de 2015 o Concello de Narón aproba solicitar a Facenda a rebaixa dos valores catastrais urbáns. Tras varios meses de silencio, un artigo pola nosa parte (Analizamos o misterio do IBI en Narón, no que indicamos entre outras cousas unha caída dos prezos do mercado de máis dun 30% dende 2008), e indagacións por parte dos grupos da oposición, sae á luz que a petición fora "traspapelada". Despóis de posteriores contactos de ENE con Catastro, e numerosas insinuacións ao goberno municipal sobre que Facenda non era a porta á que había que chamar, chegan novas dunha reunión entre Catastro e o Concello de Narón. Desta reunión, se informa que os valores catastráis de Narón rondan -de media- o 56% do valor de mercado. |
O Concello de Madrid en colaboración con Catastro decide realizar unha ponencia de valores parcial nos barrios onde se detectaron maiores variacións con respecto á valoración realizada en 2012, aplicando reduccións de entre o 20% e o 40%. | Na citada reunión con Catastro, e segundo a versión do goberno municipal (tal e como se recolle nas noticias La Dirección Xeral do Catastro propondrá bajar el valor de los inmuebles de Narón en el 2017, e O Concello de Narón anuncia una próxima rebaixa do valor catastral dos inmobles, e na acta do Pleno de 28 de abril de 2016), é Catastro quen lles ofrece a aplicación dun coeficiente reductor de 0,92 (un 8%) para tódolos bens inmobles, e comentan que non lles recomenda unha nova ponencia de valores, según lles comenta Catastro, os valores entre o 40% e o 60% do prezo de mercado son "normais". |
¿Non lle resulta a ninguén extraña a comparación? Narón tiña unha ponencia de valores aprobada en tempos máis próximos ao estoupido da burbulla inmobiliaria que Madrid (2008 vs 2012), e o mercado inmobiliario non deixou de caer dende entón. É certo que non se pode comparar os prezos de vivenda nun e noutro concello, pero porcentualmente, en Narón tiveron que experimentarse caídas, non só semellantes, senón maiores, no prezo de mercado, e dependentes do tipo de inmoble e a súa ubicación. ¿Como é que so corresponde unha baixada do 8% por "consello" de Catastro?
Sospeitamos que a decisión de Catastro non se fixo en base as súas propias conclusións sobre os prezos de mercado, senón tamén ás directrices marcadas polo Concello de Narón, e para evitar unha caída nos seus ingresos derivados deste tributo. Desgrazadamente, temos que deixalo en mera suposición, xa que non imos ter acceso a informe ningún que nos sirva para corroboralo, nin por parte do Concello de Narón, nin de Catastro. Bendita transparencia ...
Outra nova que tampouco é de Narón, pero que pode ser de interese no noso concello é a Moción sobre a Sanidade Pública no Concello de Oleiros, e que podería servirlle de modelo a algún dos grupos políticos do Concello. Nela se demanda o rexeite do peche de camas nos hospitais, o bloqueo das axendas dos centros de saúde en verán (ver Usuarios de los centros de salud denuncian "bloqueos" de citas por falta de personal), e a derogación da modificación do Artigo 135 da Constitución coa fin de antepoñer a saúde das persoas a excusas de tipo económico.
Por outra banda, seguen os problemas para os Afectados pola Cooperativa de Pedroso, que están a reclamar ao seu administrador concursal as contas de 2015, sen éxito. Mentres dure o problema, nos seguiremos a facer difusión del.
E ainda que temos que lamentar que A Comisión Europea prorroga ‘in extremis’ o glifosato por só 18 meses, polo menos temos o pequeno consolo de que se prohibiu o seu uso en parques públicos, zonas de xogo infantil e xardíns. Algo que deberían anotar no Concello, xa que hai uns meses fomos testemuñas do uso de herbicidas nun parque da zona do Alto, e sabendo que é dos máis usados, hai grandes probabilidades de que fose Glifosato. Por certo, tamén deberían tomar nota que hai concellos -como o de Ponteareas- que se declararon "libres de Glifosato", e que se poden ver neste mapa. Para aqueles grupos políticos interesados, neste artigo da Asociación Galega de Apicultura poderán encontrar un modelo de moción a presentar: A plataforma Fumigacións Non lanza a campaña: #LibresdeGlifosato. Chuvia de mocións para paralizar o uso de Glifosato en espazos públicos. O malo é que esta moción só atinxe ao uso destes productos en espazos públicos, e por desgraza o seu uso agrícola tamén pode derivar na súa filtración cara os acuíferos, para pasar a acumularse nos organismos vivos que o inxiran.
Ferrolterra
Aparte do xa citado na sección de Narón, seguen en Ferrol os avances en materia de remunicipalización. Parece que o impulso cidadán está a conseguir sensibilizar ao goberno deste concello, xa que nesta noticia o seu alcalde Jorge Suárez asegura que non renuncia á remunicipalización do ciclo da auga. E todo grazas a bos argumentos como os que se atopan en artigos como Ferrol cara a remunicipalización, ... Por Alexandre Carrodeguas, un dos membros dunha Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización de Ferrol que está a facer unha estupenda labor. E isto é o que máis nos gusta: o poder cidadán!En canto á novela negra que protagoniza Reganosa na Ría de Ferrol, temos un novo episodio. Neste caso, e debido á entrada dun gaseiro posterior á ilegalización da planta polo Tribunal Supremo, Declara nos Xulgados de Ferrol o director xeral de Reganosa por unha denuncia do Comité Cidadán de Emerxencia
Cousas que nos parecen interesantes, xa que supoñen a explotación e posta en valor do patrimonio da Comarca, que é moito, e moi desaproveitado: Rutas geológicas por las minas de Moeche en julio y agosto, e a repetición das Rutas turísticas en barco por la ría de Ares los fines de semana de verano
E rematamos no Concello de Mugardos, no que levan 15 días encerrados os empregados do GES, que viven na indefinición sobre a continuidade do servizo. Para chamar a atención sobre eses 15 días, protagonizaron esta Espectacular protesta del GES de Mugardos con descenso en rápel por la fachada del Concello. Segundo relata a noticia, síntense unha arma arroxadiza entre o actual goberno municipal -do PP en minoría- e o anterior goberno -bipartito EU e BNG-, xa que actualmente, e por avances nesa guerra (La auditoría a las cuentas del bipartito mugardés saca a la luz más de media docena de «dedazos») atópanse nun abandono absoluto. O máis importante e que, dende o seu punto de vista, cren que existe unha alternativa real que permita que o servizo sexa rendible, e permita pagar a débeda acumulada de 120.000€, cobrando as saídas que realizaban, cousa que non fixeron ata o momento.
Agardamos polo seu ben, o das súas familias, e da cidadanía de Mugardos, atenazada máis que de sobra pola ameaza de Reganosa e a Forestal do Atlántico.
Continuamos a semana que ven!
Ningún comentario:
Publicar un comentario