U-la convocatoria de pleno? - Imaxe tomada o 27/11/16 |
Recapitulando, ¿a qué tanta importancia como para movernos a publicar unha das nosas -últimamente escasas- informacións? Moi sinxelo: a citada nova fala da realización dun Pleno Extraordinario o luns 28 de novembro, ás 12:00h -este último dato non se menciona curiosamente- con caracter simbólico para reprobar a actitude do concelleiro Alfonso Casal de ENE. A pesares dese feito, o citado pleno faise en base a un "expediente reservado" -citamos textualmente da nova- asinado por tódolos partidos políticos con presenza no Concello -salvo ENE- e do que apenas se coñece o que brinda a propia noticia:
- Abuso do servizo de fotocopiadora municipal
- Críticas á labor realizada polo persoal do Concello
- Críticas á labor do Concello, entre as que se citan
- ao Regulamento Orgánico Municipal
- aa accesibilidade ao salón de plenos, arquivada pola Valedora do Pobo
- alegacións á Conta Xeral do 2015
De feito, faise énfase na "investigación" realizada no caso das fotocopias, respecto á cal hai redactado un informe que asinan a xunta de persoal e o comité de empresa do Concello. Por outra banda, parece que as críticas á labor do Concello foron quen de crear suficiente irritación como para esixirse resposabilidades políticas dende os representantes dos empregados municipáis.
Curiosamente, e a pesares da aparente gravidade que parecen revestir as acusacións que se lle imputan ao concelleiro de ENE -abondo para (por primeira vez na historia do Concello) convocar un Pleno Extraordinario, e facer uso deste órgano público para amonestalo- , apenas trascendeu información á prensa do caso, nin sequera declaración pública algunha por parte do Concello, que soe ser bastante amigo de dar roldas de prensa para anunciar aquilo que considera salientable.
Por este motivo, consideramos máis que interesante que a cidadanía asista a este pleno, porque das argumentacións que se escoiten alí se sacará en conclusión se facer un xuízo político a un representante cidadán empregando un órgano municipal como é o Pleno era algo necesario, ou se cadra un abuso do órgano plenario co fin de defenestrar un adversario político molesto. Evidentemente, unha manobra semellante terá un resultado positivo ou negativo para quen a empregue en función dos argumentos que a respalden. De resultar que aquilo polo que se pretende amonestar ao concelleiro non é máis que froito do exercicio das súas competencias como representante electo, e do seu dereito a criticar a actividade do goberno, non rebasando en ningún momento os límites da legalidade, tanto os partidos que respaldan a reprimenda, como os traballadores ou mesmo o goberno municipal quedarán como artífices dunha sorte de linchamento político dun elemento "molesto" que pretende alterar o "statu quo" do Concello. Un "statu quo" no que indagar demasiado na actividade municipal delataría dinámicas que non interesa que trascendan públicamente, e no que as oposicións se plantexan únicamente de xeito ideolóxico, ou partidista, pero nunca de xeito práctico e sobre a realidade de Narón.
Non deixen que a prensa lles conte a versión oficial que en forma de nota de prensa entregará o goberno municipal: asistan vostedes mesmos e saquen conclusións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario