xoves, 20 de xullo de 2017

ALERTA PXOM NARÓN - Período de información pública: 17/07/2017 - 18/09/2017

Aínda que agardabamos atopar na prensa un aviso sobre o comezo do período de información pública do PXOM de Narón, acabamos de levar a sorpresa de ter que descubrir que dito período comezou o pasado luns 17 de xullo de 2017, e que tan so se prolongará ata o vindeiro -tamén luns- 18 de setembro de 2017.


Poden atopar toda a documentación publicada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio na seguinte URL: [Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Narón]

Dada a ausencia de interese por parte do Concello de Narón en sequera informar sobre este feito (ver Concello de Narón - Novas) -xa non digamos en facer actos explicativos polas parroquias informando sobre as novidades que supón o novo PXOM para os seus habitantes- , tocaralle á cidadanía organizarse para poder abordar en conxunto a súa análise e presentar emendas no que consideren lesivo para os seus intereses ou para o interese xeral.

Novas do Concello de Narón do 14/07/2017 - 19/07/2017. Do PXOM, nadiña ...


Da a casualidade que esta semana, os representantes do tecido asociativo de Narón recibiron a seguinte mensaxe de email, relativa á organización dos vindeiros Consellos Territoriais de Participación Cidadá:


Coincidencia ou non, a convocatoria dos Consellos Territoriais pretende demorarse ata o mes de setembro, eliminando a posibilidade de que o PXOM poda ser abordado dentro dos procesos participativos municipáis. Aínda así, o Regulamento de Participación Cidadá establece o seguinte:

Artigo 52. Normas xerais de funcionamento (Consellos Sectoriais)
(...) Reuniranse, como mínimo, unha vez ó semestre con carácter ordinario, e con carácter extraordinario cantas veces sexa preciso a xuízo da presidencia ou cando o soliciten un mínimo de un tercio dos membros do Consello.

Artigo 59. Normas xerais de funcionamento (Consellos Territoriais)
(...) Reuniranse, como mínimo, unha vez ó semestre con carácter ordinario, e con carácter extraordinario cantas veces sexa preciso a xuízo da presidencia ou cando o soliciten un mínimo de un tercio dos membros do Consello.

Artigo 66. Normas xerais de funcionamento (Consello Xeral) 
  1. O Consello Xeral de Participación Cidadá reunirase unha vez ó semestre con carácter ordinario e, con carácter extraordinario, cantas veces sexa preciso a xuízo da Presidencia ou o solicite, polo menos, a metade dos membros.
Evidentemente unha posibilidade pasaría por que os membros ou a presidencia destes Consellos solicitase convocatoria inmediata para poder abordar esta cuestión. Lamentablemente como xa expresamos noutros artigos, no concepto actual de Participación Cidadá que manexa Narón o cidadán non asociado non pinta nada, xa que a súa figura non está contemplada nos citados Consellos, que son os órganos recoñecidos polo Concello para temas de Participación. Así que neste caso estase a mercede da vontade que teñan as entidades que compoñen os Consellos -ou as presidencias dos mesmos -alcaldía ou concelleiros delegados-.

Noutro caso, a cuestión pasaría por que a cidadanía se organizase, analizase a información dispoñible co apoio daquelas persoas con máis coñecementos en urbanismo, e plantexar emendas de xeito individual e colectivo. Isto, curiosamente, supón unha verdadeira Participación Cidadá, xa que non se realiza baixo a tutela -interesada ou non- de administracións ou organizacións, non se somete a prazos, e expresa a vontade da cidadanía sen cortapisas. Evidentemente a relación coas administracións é un paso ineludible, pero esta independencia de operación permite a pervivencia do Movemento Participativo máis aló da duración das lexislaturas e do interese de quen ostenta un goberno ou determinado proxecto político. A combinación dun esforzo semellante en coordinación coa aplicación dun Regulamento de Participación Cidadá -aínda tan deficitario coma o do Concello de Narón- daría para unha verdadeira Participación Cidadá.

Coma sempre, o fundamental queda nas mans da cidadanía. Pola nosa parte, e co tempo limitado co que contamos, botaremos unha ollada á documentación e buscaremos axuda desinteresada para ofrecer información aberta e o máis obxectiva posible para a cidadanía de Narón respecto a esta cuestión. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario