Neste punto, temos que desculparnos ante os lectores por unha imprecisión na nosa convocatoria: se ben os concelleiros debían acceder ao salón de plenos no segundo andar, o público debía facelo dende o terceiro, onde están as bancadas. Algo que teremos en conta para vindeiras ocasións.
A sesión comezou puntual. O secretario procedeu á lectura dos artigos da Ley 5/1985 que recollimos no noso artigo "¿E agora que xa foron as eleccións, que vai ser?" , explicando o plan para a sesión.
Primeiro, a creación da mesa presidida polos membros de maior e menor idade de entre os concelleiros electos. Neste caso, Jose Manuel Blanco, por TEGA, con 62 anos e Marcos López, polo PP e con 35 anos. Ambos pasaron a ocupar un sitio na mesa de presidencia.
Unha vez feito, procedeuse ao xuramento do cargo en orde alfabética, que ten que obligatoriamente facerse prometendo lealdade ao rei e defender a constitución. Neste punto, en función da súa ideoloxía, varios dos concelleiros elixiron facer pequenas modificacións a este xuramento. André Abeledo (EU) prometeu a pesar do citado, seguir sendo fiel ós seus ideais republicanos. Por outra banda, Hipólito Fariñas xurou polo seu honor defender o cargo. Pablo Villamar (BNG) indicou que facía o xuramento por imperativo legal, supoñemos que en virtude das discrepancias do seu partido respecto á coroa e ao ordenamento constitucional. Durante o proceso de xuramento puidemos comprobar que, se ben os concelleiros de TEGA, EU e algúns do PP eran aplaudidos, e ENE recibiu algún aplauso tímido, o PSdeG-PSOE e BNG non recibiron apenas ningún.
Tras isto, procedeuse a realizar a votación do alcalde. O voto, segredo, foi introducido nunha urna de cristal situada fronte a mesa de presidencia polos concelleiros, que foron pasando de novo en orde alfabética, ainda que os últimos votos introducidos foron os dos compoñentes da mesa, primeiro Marcos López, e por último José Manuel Blanco. A continuación fíxose o reconto, do que resultou o seguinte:
- José Manuel Blanco: 14 votos
- Miguel de Santiago: 5 votos
- André Abeledo: 1 voto
- En branco: 1 voto
O xa alcalde procedeu a facer un pequeno discurso prometendo manter a Narón no bo camiño do crecemento, e agradecendo a confianza depositada. Tras isto, entregóuselle o bastón de mando, durante o cal recibiu o aplauso dunha parte importante do público (a bancada esquerda, e a parte baixa da dereita). Despóis, procedeu á entrega dos colgantes que acreditan ós novos concelleiros coma tales, tamén co aplauso do público. Unha vez feito isto, o alcalde comunicou que xa fora da orde do día habería "uns pinchos" na cafetería situada na planta superior. O noso corresponsal non asistiu, pero nos agardamos que non se tratase dun acto ostentoso nin excesivo, xa que correrá a cargo do erario público de Narón.
Conclusións e curiosidades varias
- Os resultados da votación fannos crer que de novo se inviste como alcalde a José Manuel Blanco co apoio de PSdeG-PSOE e BNG. Isto contrasta con determinado feito: durante o xuramento dos cargos, os concelleiros de ámbalas dúas forzas non recibiron recoñecemento algún dos seus socios de TEGA. ¿Cómo pode ser isto? Parece un tanto triste que a esta asociación non sexa valorada entre as filas de TEGA, e fai pensar que, máis que sociedade, é unha relación desigual, con trato de inferioridade para estas dúas forzas.
- Sorpréndenos o voto en branco. Sospeitamos que este voto foi o emitido polo concelleiro de ENE, ainda que descoñecemos cal é o significado deste xesto. Por unha banda foi o primeiro en dicir ante a prensa que rexeita pactar con TEGA, máis despois aparece un voto en branco. Queremos destacar que un voto en branco é un risco porque non permite garantir con fiabilidade quen o emite. De feito, podería ter ocurrido que alguén das filas de PSdeG-PSOE ou BNG emitisen tal voto en branco. Nese caso, pertencería a Alfonso Casal un dos votos a Blanco (que non é o mesmo). Deixamos este feito para a reflexión dos lectores, e do propio concelleiro.
- Outra cousa que nos parece curiosa é o feito de facer a elección do alcalde mediante voto segredo, pero ó final da mesma dar a posibilidade de que os concelleiros poidan explicar a súa decisión. Isto resulta cando menos paradóxico.
- Nalgún momento tras a votación do alcalde, fíxose lectura dunha cifra sobre a cal o noso corresponsal non anotou o concepto claramente. Falábase de algo máis de 8 millóns de euros nas arcas do concello, pero descoñecemos se é o saldo actual dunha conta, ou a qué corresponde a cifra. Dende aquí nos gustaría comentar que para facer unha análise do estado contable do concello non chega con citar o saldo dunha conta. Hai que ter en consideración outras moitas cousas. Por exemplo, os créditos, servizos, etc ... pendentes de abono por parte do Concello. Por este motivo, consideramos que se trata de algo meramente publicitario e carente de rigor.
Por outra banda, os lectores tamén poden consultar o seguinte artigo de La Voz de Galicia onde se relatan as investiduras da comarca, minuto a minuto: http://www.lavozdegalicia.es/retransmision/ferrol/ferrol/2015/06/13/directo-sesiones-investidura-ferrol-comarca/01071434181724885409891.htm
Para calquera colaboración, os lectores poden escribirnos a
Ningún comentario:
Publicar un comentario