luns, 16 de novembro de 2015

As disfuncionalidades da Escola de Participación de Narón


Dende o punto de vista da cidadanía, o mundo do asociacionismo e a participación cidadá en Narón, ó igual que a maioría dos temas relevantes do Concello, está envolto nunha especie de "calma chicha" que xera sensación de seguridade e de benestar. Xa se sabe, se non hai novas, ninguén se plantexa outra cousa distinta de que todo vai ben.  Pero nada máis lonxe da realidade: éste non é máis que un dos efectos da falta de información á que xa nos teñen acostumados no Concello. Por sorte, esta redacción conta coa inestimable axuda de colaboradores pertencentes ó tecido asociativo que nos brindan de cando en cando certa información que nos permite ver máis aló do superficial.

Como xa comentamos, e en virtude do aprobado no Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Narón, deberían estar constituídos os órganos de participación (consellos territoriais, sectoriais, e de participación) e reunirse como mínimo semestralmente. No seu lugar, e coa excusa de que non se sabe traballar de forma participativa, a concellería de participación cidadá puxo en funcionamento a Escola de Participación Cidadá.

Se ben, a existencia desta escola nunca nos pareceu xustificación suficiente como para deter o funcionamento da participación cidadá en Narón, co paso do tempo cada vez dubidamos máis da súa utilidade. E últimamente temos probas máis que consistentes para respaldar a nosa afirmación.

Supostamente esta escola debería ter a capacidade de ensinar ás asociacións a resolver os problemas máis comúns cos que se atopan no desempeño da súa actividade. Pero por desgraza, o seguinte email que reproducimos demostra o contrario.



Convidamos ós lectores a que lle boten unha ollada a esas dúas ligazóns incluídas no email e a que despóis fagan o exercicio de describir os pasos que teñen que dar para rexistrar un ficheiro de datos persoais. Cremos poder afirmar que calquera que non tivera rexistrado un ficheiro previamente se vería incapaz de resolver esa cuestión. De feito, unha forma de sintetizar nunha frase o contido do correo sería "buscádevos a vida". Porque se a autora deste email tivese investigado un pouco máis, tería chegado á páxina da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD). Botando unha olladiña por alí, atoparía a sección Guías, e indagando un pouquichiño máis acharía dous documentos onde se relatan as tarefas precisas para rexistrar un ficheiro de datos. A saber:
Chegada a este punto,  a remitente terían comprendido a complexidade da tarefa de rexistrar un ficheiro de datos, e o que lle pode supoñer a unha asociación. E nese momento, probablemente -agardamos que así fose- sería consciente de que para as entidades asociativas de Narón é imprescindible que a Escola de Participación, ou Concellería de Participación Cidadá lles ofreza un servizo gratuíto de formación e tramitación en materia de protección de datos. Noutro caso, veríanse na obriga de falar con unha asesoría que, símplemente por encher unha plantilla, lles cobraria uns cartiños dos que moitas veces non dispoñen.
Pero o feito é que non é o único caso. Nos últimos meses, as entidades recibiron emails da Escola de Participación sobre cuestións semellantes, como xestionar o IVE nas asociacións. A resposta, moi semellante:


Ainda que neste caso houbo un pouco máis de esmero á hora de informarse, o tema do IVE trátase tamén dunha cuestión complicada, que máis aló da lectura dunha pouca información na web, precisaría dun asesoramento detallado. Do contrario, podería estarse incurrindo en conductas punibles pola Axencia Tributaria. E dada a economía de moitas asociacións iso suporía un grave problema para elas. Como tamén o sería ter que pagar a unha xestoría. Polo tanto, tamén se fai imprescindible para as asociacións que o concello lles proporcione formación e asesoramento xeral nesta materia, e non puntual e sobre temas concretos.

A estas alturas, gustaríanos preguntarlle ó lector se tiña coñecemento sobre todas estas carencias e vicisitudes relacionadas co mundo das entidades asociativas. O máis probable é que a resposta sexa que non. ¿E por qué? Pois por un motivo máis de disfuncionalidade: secretismo e control. A Escola de Participación, en lugar de convertirse nun catalizador da participación cidadá, se estableceu coma punto central de tránsito de toda a información en materia de participación. A Escola controla todo este tránsito de información, eliminando a posibilidade de crear espazos de encontro abertos entre as entidades e o concello. So hai reunións se o concello as convoca, nas que participan so aqueles que son convocados, e polos motivos que se lle antolle ó concello. E os correos divulgados pola Escola conteñen fundamentalmente comunicados de prensa do concello, actividades promovidas polo concello para seren difundidas, e de vez en cando algunha convocatoria ou información como a amosada en materia de participación. Non existen canles de comunicación participativas -como podería ser un grupo de correo, no que todos os participantes poden ler todo o que envían os demáis-, so unha dirección de email.
Todo isto vai en consoancia coas declaracións que un dos nosos colaboradores escoitou por boca da propia concelleira de participación, Catalina García: nelas comentaba que o seu ideal de participación sería conseguir que as entidades colaborasen entre elas -algo que consideramos estupendo-, e que no momento en que o goberno municipal precisase convocar á cidadanía para protestar contra accións de outras administracións que o prexudicasen, ésta acudise en bloque -é dicir, ter domesticada á cidadanía para usala no seu beneficio, cousa que xa non vemos nada ben.
En fin, trátase dun mecanismo de control das asociacións, máis que un espazo de participación libre onde veciños e administración debaten conxuntamente para acadar obxectivos comúns.

O certo é que de haber vontade por parte das entidades, habería reunións periódicas de coordinación entre elas, desmarcándose da disciplina que lles está a impoñer o concello. Sen embargo, partimos dunha situación na que xa nunca houbo unha grande unidade nesta materia, máis que para cuestións concretas que afectaban de forma extensiva a tódolos veciños, coma foi o saneamento. De feito, as dinámicas de funcionamento do concello promoven máis a división e unha actitude dócil que a unidade e reivindicación conxunta:
  • O maior volume -en euros- de subvencións a entidades fanse usando a fórmula do covenio -é dicir, a dedo-, polo que o único xeito de obter un respaldo económico xeneroso por parte do concello é "portarse ben". De feito, á procura de información non é a primeira vez que damos tanto con respostas temerosas ou desmarcándose (non é algo da nosa incumbencia, mantédenos á marxe, etc ...), ou agresivas (vos o que queredes é incordiar, ...) por parte das entidades; un feito que en condicións de normalidade non se daría.
  • O concello desenténdese por completo da xestión dos locais sociais, permitindo que nos casos nos que hai desencontros entre as entidades, o enfrentamento perviva e se enquiste, en lugar de mediar para resolvelo, ou aplicar a normativa en caso de incumplimentos ou abusos por parte de alguén. Actualmente sabemos que se están a dar situacións así -como mínimo- nos locais sociais de Piñeiros e Santa Icía.
  • O concello non está a velar por que as entidades cumplan os seus estatutos. Coñecemos varios casos nos que asociacións veciñais realizan un cambio na directiva sen convocar eleccións nin dar oportunidade de que se presenten candidaturas. Un caso recente é o da AVV do Val, que hai poucos meses mudou a súa directiva sen realizar este proceso. Se ben pode parecer unha cuestión de responsabilidade exclusiva dos socios destas entidades, o concello tamén se convirte en responsable se lles concede subvencións. No caso da AVV do Val, aínda non o sabemos, pero apostaríamos que a pesar dos feitos citados, se verán beneficiados pola convocatoria de subvencións deste ano.
Ademáis, quen ten a responsabilidade de promover a participación cidadá en base ós regulamentos que aprobou en sesión plenaria, é o propio concello. De feito, actualmente, o maior problema da participación en Narón é responsabilidade do concello, xa que está a incumplir o citado regulamento de participación ó non convocar os consellos semestralmente.

Unha tentativa "seria" de Escola de Participación centraríase tamén en abordar os obstáculos a nivel administrativo para conquerir unha participación cidadá de verdade. Sen embargo, coma persoal laboral a servizo dunha concellería, ou dunha empresa prestando os seus servizos ó concello, -estamos seguros de que non se trata de funcionarios-, e probablemente temerosos da perda dun posto de traballo ou cliente, mantéñense na pose do mutismo. Por este motivo, en ningún momento sairá da citada escola información sobre as cuestións que relatamos.

De tódolos xeitos, en caso de querer facer algo bo da que denominan Escola de Participación Cidadá, recomendamos que se doten de coñecementos e medios para desempeñar cuestións que máis arriba demostramos fundamentais para as entidades asociativas:
  • Realización dos trámites para rexistrar na AEPD os rexistros de socios das entidades asociativas do concello
  • Labores de xestoría e formación para entidades sen ánimo de lucro que teñan a obriga de tributar ante Facenda
  • Mediación real ante conflictos entre entidades do concello, abrindo expedientes para cada caso que teñan asociadas accións específicas para a súa resolución, e dos que quede constancia documental no concello.
Seguiremos informando

Ningún comentario:

Publicar un comentario