Continuamos coa serie de artigos relativos ós Consellos Territoriais de Participación Cidadá 2016. Como xa comentaramos no
anterior artigo desta serie, esta primeira convocatoria de reunións dos Consellos Territoriais faise de xeito "tutelado" polo Concello, xa que é este quen plantexa a orde do día, cun único punto: realizar unha análise DAFO de cada parroquia.
Unha análise DAFO non é máis que unha sinxela análise realizada a base de detallar Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades daquilo que se pretende estudar -neste caso unha parroquia-. Non é máis que un dos milleiros de métodos que poden empregarse para orientarse sobre qué cuestións é preciso abordar nun asunto, e para facerse unha imaxe global da situación antes de actuar.
Neste punto pode que moita da xente de Narón que nos le plantexe unha queixa do estilo "eu xa sei o que fai falla na miña parroquia e no meu concello". Non dubidamos que sexa o caso. Pero hai que ter en conta unha cousa: é posible que sexan os propios membros da corporación municipal quenes máis precisen facer este exercicio para poñerse en situación, e dado que forman parte do proceso participativo, é xusto poñer o listón o máis baixo posible. Polo tanto rogamos que teñan paciencia con eles. Por outra banda, tódalas suxestións que podan facer poden ser enmarcadas na sección de "oportunidades", ou como solución a debilidades ou ameazas que se detecten, así que tamén serven para facer un debuxo máis preciso da situación.
En fin, que postos a xogar, e polo ben do concello, quixemos facer unha análise DAFO xenérica e poñela a disposición do público, por se algunha entidade o vise interesante e quixese empregala nas reunións destes Consellos Territoriais. Nos polo momento non podemos facelo, xa que non estamos constituídos como asociación. E agardamos que en breve se aborde seriamente o grave feito de que o Regulamento de Participación so permite que participen as entidades asociativas, e non as persoas a título individual, algo que -por exemplo- sí recolle o regulamento vixente no Concello de Ferrol.
Nun principio nos plantexamos realizar un so DAFO, pero a medida que ía crecendo o seu tamaño, decidimos fraccionalo en varios: proceso de participación cidadá, termo municipal e administración local. Deste xeito é moito máis manexable e lexible. Non entraremos en cuestións exclusivas de cada barrio ou parroquia, xa que cremos que é a veciñanza que alí reside quen mellor poden falar sobre elas.
Velaquí os DAFOs:
Proceso de participación cidadá e consellos territoriais
Análise Interna |
Análise Externa |
Debilidades |
- Falta de vontade política: a participación estivo a funcionar, pero paralizouse. Leva na mesma situación 5 anos. Non se traballou nas conclusións extraídas das sesións da Escola de Participación.
- Horario de celebración dos Consellos Territoriais non apto para a xente que traballa
- Non se permite a participación de persoas a título individual
- Non se pon a disposición das asociacións servizos de apoio: tributación, protección de datos, formación, etc ...
- Ausencia de autonomía: participación dirixida dende o Concello e a Escola de Participación.
- Dificultade de relación coa administración local: complexidade normativa, falta de información, falta de transparencia
- Proceso non vinculante: as decisións tomadas nos órganos de participación poden ser desbotadas polo Concello sen xustificación
- Ausencia de normativa de uso e cesión de locais sociais. Non mediación do Concello nos conflictos entre entidades asociativas.
- Falta de promoción da participación no eido educativo
|
|
Ameazas |
- Falta de relevo nas asociacións
- Descrédito no proceso participativo
- Sociedade orientada ó lecer e consumismo
- Eliminación de órganos de participación por outras administracións: comisións de participación cidadá das áreas sanitarias
- Normativa autonómica e estatal en materia de participación e transparencia: pouco rigorosa ou inexistente
|
|
Fortalezas |
- Antecedentes participativos: creación dos padroados, mobilizacións cidadás, patrimonio local construído en común por veciños e asociacións (pistas polideportivas, locais, cooperativas, ...)
- Gran número de asociacións
|
|
Oportunidades |
- Fondos de cohesión da Unión Europea: esixen a participación da cidadanía para a elaboración de proxectos.
- Plan Salud 2020 da OMS/UE: definición de xeito participativo de estratexias de mellora da saúde
|
|
Termo municipal de Narón
Análise Interna |
Análise Externa |
Debilidades |
- Dispersión da poboación
- Desequilibrio do nivel de servizos entre a zona rural e urbán: saneamento, telecomunicacións, ...
- Pobre ou nula infraestructura de transporte público no rural
- Patrimonio histórico e paisaxístico sen explotar ou en mal estado de conservación
- Ria contaminada
- Existencia de industrias contaminantes e de risco (Megasa, cementeira)
- Taxa de paro do 25%
- Poucas medidas de accesibilidade en edificios e mobiliario urbán.
|
|
Ameazas |
- Non se albisca un fin da crise
- Destrucción do motor industrial da comarca: o naval
- Ausencia de alternativas económicas ó naval
- Ausencia de plans de formación ou emprego con perspectivas de reducir a taxa de desemprego
- Emigración
- Envellecemento da poboación
- Núcleos de tráfico de estupefacientes
- Desmantelamento do transporte ferroviario (FEVE, RENFE)
- Política e normativa autonómica, estatal e europea con pouca orientación social
|
|
Fortalezas |
- Patrimonio histórico relevante
- Patrimonio paisaxístico
- Proximidade a núcleos de interese turístico
- Proximidade á Universidade
- Proximidade ó CHUF
- Conexión con grandes eixos de comunicación (AP-9, AG-64)
- Productos con denominación de orixe local: pemento do Couto
|
|
Oportunidades |
- Fondos de cohesión da Unión Europea
- Mancomunado con outros concellos de servizos comúns na comarca
|
|
Administración local
Análise Interna |
Análise Externa |
Debilidades |
- Falta de transparencia: descoñecemento dos ingresos completos dos cargos electos, mínima información sobre actuacións municipáis e asuntos tratados en comisións ou plenos, ausencia de informes anuais xustificativos das concellerías, non publicidade de bases de convenios, mínima difusión de posibles bonificacións e subvencións ás que pode concorrer a cidadanía, etc ...
- Falta de orientación participativa do goberno municipal
- Falta de progresividade tributaria e en taxas como a da auga.
- Axudas da administración reducidas á caridade en situacións extremas, e xestionadas por institucións caritativas.
- Ausencia de métricas que permitan coñecer a situación económica e necesidades das familias: infrautilización da concellería de estatística
- Ausencia de bonificacións dos servizos municipais para persoas empadronadas respecto a persoas alleas ó concello
- Poucas bonificacións das taxas respecto ó que permite a lei (por exemplo IBI ...)
- Ausencia de proxecto municipal, máis aló do mantemento dos servizos existentes
- Ausencia de vivendas sociais de aluguer como alternativa habitacional a desafiuzados, familias con poucos recursos, mulleres víctimas de violencia machista, etc ...
- Ausencia de mediación municipal nos procesos de desafiuzamento
- Ausencia de plans de formación contra o desemprego
- Ausencia dunha bolsa de emprego municipal
- Utilización mínima de cláusulas sociais nos contratos: máis orientados a minimizar o custo que a maximizar as prestacións sociais.
- Ausencia de programas nos centros educativos en materia de igualdade, participación, e bullying
- Sociocomunitario con pouco persoal e desbordado
- Ausencia de conexión entre a concellería de salubridade co SERGAS
- Salario da alcaldía moi por riba da situación económica das familias de Narón
- Bonificacións por asistencia non dependentes do tempo de duración das sesións.
- Existencia dun servizo de emerxencias en lugar dun de bombeiros
- Gasto en festas excesivo en proporción a outras cuestións máis urxentes/relevantes (emprego, formación, servizos sociais)
|
|
Ameazas |
- Normativa e política estatal: LRSAL, art. 135 da Constitución Española
- Enfrontamentos políticos coa administración autonómica (p.ex: centro de saúde)
- Normativa e política europea: TTIP
|
|
Fortalezas |
- Bo nivel de programación cultural, servizo de biblioteca e normalización lingüística.
|
|
Oportunidades |
- Fondos de cohesión da Unión Europea
- Posibilidade de establecer acordos coa Universidade para desenvolver oportunidades de negocio emerxentes ou sen explotar, formación, etc ...
- Mancomunado con outros concellos de servizos comúns na comarca
- Remunicipalización/mancomundado do servizos privatizados (saneamento, auga, lixo, xardinería)
|
|
Quedamos a disposición da xente que nos le para corrixir estes DAFOs, contestar a dúbidas, ou incorporar cuestións que escapen ó noso coñecemento, e agardamos que sexan de utilidade nos procesos partipativos que estean en curso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario