luns, 5 de xuño de 2017

PXOM (II) - Un artigo de ADEGA titulado "Plans de Ordenamento Urbano"

Na nosa busca de información para destacar a importancia do PXOM de Narón, atopamos este artigo de ADEGA (Asociación para a Defensa da Ecoloxía Galega) publicado na súa revista CERNA Nº56, titulado "Plans de Ordenamento Urbano" e escrito por Lois Manoel Toirán.

A continuación reproducimos íntegro o contido dese artigo, ao que engadiremos comentarios sobre as particularidades do caso de Narón:

Portada da revista CERNA - Nº56




PLANS DE ORDENAMENTO URBANO

Lois Manoel Toirán*

Os PXOUs ou PXOMs son os Plans Xerais de Ordenación Urbana ou Municipal, un instrumento do que dispoñen os concellos para, moito máis aló de ordear o crecemento urbanístico ou o desenvolvemento do rural, a ordenación do territorio: cales van ser os seus usos, incluíndo temas esenciais como economía, medio ambiente, infraestruturas, etnografía... ou mesmo a calidade de vida da veciñanza. Paralelamente leva consigo unha normativa que rexerá as futuras actuacións.

PASOS PREVIOS
Na teoría estes documentos precisan para a súa planificación dunha serie de estudos iniciais sobre os que traballar, así como ter en conta a variada lexislación que deben recoller. Ao mesmo tempo deberan de reflectir tamén tanto as necesidades e sensibilidades sociais, como as propostas políticas dos gobernantes do que consideran o camiño a seguir. Pero indo máis aló, estes proxectos terían ao mesmo tempo que ter en conta aspectos comarcais, nacionais, estatais e mesmo internacionais. Aí temos por exemplo a AXENDA 21 ou o cambio climático, os espazos naturais, protección e fomento do rural, ou determinadas políticas galegas ou doutros niveis máis xerais, etc. A coordinación entre institucións debera ser fundamental.
En canto ás fontes de información de partida indicadas neste parágrafo, non temos coñecemento da existencia de estudos iniciais, nin da posibilidade de consultalos, salvo no caso da lexislación. Tampouco sabemos a importancia que lle deron á AXENDA 21, aínda que polo de agora en materia de política municipal a verdade é que a ignoraron en gran medida: de feito, non atopamos informe ou documentación algunha no Portal de Transparencia relativa ao grao de implantación da mesma. O que temos moi claro é que non tiveron modo de obter información sobre as sensibilidades e necesidades sociais, xa que a participación cidadá é moi deficitaria e non inclúe nin ten en conta a toda a cidadanía. De feito, o caso da Cementeira de Castro foi un flagrante caso de insensibilidade urbanística. 
Pero que é o que ocorre en incontábeis casos? Non é nada inusual, para o abraio de todo o mundo, que o propio equipo técnico redactor (que pode ser de Madrid ou de calquera outro sitio e descoñecedor da realidade) conte con cartografía incorrecta ou desfasada para empezar a traballar, con que non haxa nin se realicen catálogos correctos dos bens etnográficos, que non se teña en conta zonas de inundacións e que nin aparezan inventariados os espazos naturais a protexer.
En canto a inundacións, habería que ter en conta os casos reflectidos nas novas dos últimos anos:

Respecto a bens etnográficos, hai que ter moito ollo, xa que hai advertencias de desprotección ou actuacións nefastas:

A esas, nos engadimos o enguedellado traxecto do Camiño Inglés entre A Gándara e o Couto: https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=8329713

Sobre espazos naturais a protexer, o principal e máis magoado é a ría: e a ubicación actual de industrias contaminantes como Megasa, integrada tamén nun núcleo de poboación deixa bastante que desexar. Temos que lembrar que no seu momento se fixo unha ampliación desta planta facendo un recheo da ría. Haberá que ter ollo para saber se se reservan espazos para usos semellantes.

Por outra banda, mesmo se dan casos nos que o concello teña elaborada a Axenda 21 coa participación da veciñanza e que esta nin apareza mencionada nos estudos ambientais, económicos ou doutra índole nos documentos de ordenación. O mesmo pasa con temas como o cambio climático que quedan exentos e relegados a celebracións e actos propagandísticos do Día da Bicicleta, da Árbore ou doutras efemérides.
Sobre a Axenda 21 xa dixemos abondo arriba. Sobre o dos actos propagandísticos, deron plenamente no cravo.

As leis de aplicación para estes plans como a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Territorio ou as leis sectoriais (Augas, Patrimonio, Estradas, ...) poden quedar situadas nun segundo plano ante as presións do sector da construción. O exceso de edificabilidade ata límites escandalosos é unha das características máis comúns destes proxectos de urbanismo en moitas localidades.
Segundo a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL), en Narón hai 3.186 vivendas desocupadas, o que supón cerca do 16% da vivenda total existente. Dada a actual situación económica da comarca, que está a provocar o descenso de poboación -sobre todo no caso do veciño Concello de Ferrol- que busca oportunidades laborais, o feito de que a comarca acumule máis de 24.000 vivendas desocupadas (La Voz de Galicia - Ferrolterra, Eume y Ortegal aglutinan 24.442 viviendas desocupadas), o progresivo envellecemento da poboación, a reducción na distancia entre nacementos e defuncións, ... fan crer que a edificación de nova vivenda non debería ser unha gran prioridade para Narón a nivel social. Evidentemente, o sector da construcción e os responsables de recadación do Concello -as licenzas de construcción aportan interesantes sumas- dirán o contrario.





A REALIDADE
A Xunta, como nunca sucedera antes, tivo que adoptar medidas para parar este sen sentido hoxe demostrado, por exemplo, coa crise da construción. Non faltou tempo para que empresarios da construción como a APEC (Asociación de Empresarios da Construción) saíran nos medios criticando calquera medida que procurara unha mellora da situación nun panorama desolador. Mesmo a Lei do Hábitat non se salvaba da “Lei do Tixolo” ditada por aqueles empresarios carentes de sensibilidade.

Milleiros de novas vivendas, millóns de metros cadrados urbanizábeis, novas autoestradas, circunvalacións, viais en xeral, poñíanse ao servizo dos construtores e dos seus patrocinadores-alcaldes nas cidades e vilas para espallar un estilo de vida, unha cultura que ignora os milleiros de vivendas baleiras ou aquelas outras abandonadas sen restaurar, agredendo ao medio rural (especialmente o máis próximo aos núcleos urbanos) e ao contorno natural e desoíndo aos colectivos veciñais e de todo tipo, como os colexios profesionais de arquitectos, xeógrafos, ... a maiores dos ecoloxistas. Aquí hai que resaltar como os novos viais son a ferramenta máis idónea da que se valen os urbanizadores para penetrar en espazos ata o de agora libres deste desenvolvemento insostíbel. O uso dos medios de transporte privados multiplícase e satura as novas vías de comunicación entre a cidade e as urbanizacións ou concellos - dormitorio lindeiros.

https://www.google.es/maps/@43.5187847,-8.1628659,379m/data=!3m1!1e3


Por outra banda, ata o momento foi característico, especialmente das grandes cidades, o illamento e/ou aniquilamento dos núcleos rurais tradicionais e do solo rústico en xeral, nas súas distintas variantes de protección. A urbanización tipo chalé faise dona de determinados espazos, chegando a substituír a cultura, o estilo de vida e mesmo lugares característicos galegos protexidos do contorno rural e natural fornecedor de alimentos, de biodiversidade e de calidade de vida.

Non se libran deste culto á construción os bens etnográficos: castros, camiños reais ou mámoas e conxuntos líticos quedan desfeitos ou sepultados baixo as construcións, se non hai alguén que denuncie a súa existencia e posta en valor.

Pensando nas cidades e vilas non debera ser posíbel que ante os enormes e numerosos polígonos industriais que se instalan (non valoremos agora a súa idoneidade), que non veñan acompañados dunha liña ferroviaria de mercadorías como medio de transporte fundamental.

PERSPECTIVAS
Viuse como a política pola que a construción se convertera nun dos eixos do crecemento económico estaba fondamente errada. Pero o sentido común tamén aconsellaba a través das denuncias xa feitas dende hai décadas (sobre o crecemento negativo da poboación, as consecuencias do uso dos combustíbeis fósiles ou o mal uso das enerxías e a prol da protección dos nosos valores naturais e rurais) que os Plans de Urbanismo deberan ser un instrumento máis para o desenvolvemento sostíbel da sociedade. É visíbel e palpábel que numerosos concellos teñen problemas para a súa tramitación, sexa por recursos presentados por particulares ou colectivos, sexa pola intervención da propia administración autonómica. Nunca houbo tantas leis. Só é necesario, e dun xeito urxente, que se cumpran.

Un cambio favorábel parece que se está a albiscar, insuficiente en numerosos casos. Este cambio na sensibilidade ten que percorrer e limpar, en primeiro termo, ás corporacións municipais e, despois, a todo un sector da sociedade que durante anos aprendeu que a especulación era un xeito de gañar cartos a costa do que fora, do noso contorno, da calidade de vida ou das economías familiares.

* Lois Manoel Toirán é membro de ADEGA e da Plataforma: “Lugo, a mellor cidade do mundo!



Agardamos que o artigo fose do interese dos lectores, e amose a importancia dun PXOM e os vicios dos que adoecen polo xeral. Dende aquí convidamos tanto á cidadanía a organizarse para analizar a parte deste plan que lle corresponda, como a aquelas persoas con coñecementos sobre urbanismo que quixesen aportar a súa opinión de xeito desinteresado para aportar máis puntos de vista sobre este tema. A labor que quedará por facer nos 2 meses que nos da o Concello -pois é quen decidiu gardar a documentación fora do alcance da xente ata que a publique a Consellería de Medioambiente- será enorme, e inabordable se non se fai de xeito colectivo.

Seguiremos informando...
Ler máis »

venres, 2 de xuño de 2017

Ante a próxima aprobación do PXOM

Imaxe extraíde de http://xeografianaron.blogspot.com.es/
Fonte orixinal: www.planeamentourbanistico.xunta.es
Estamos de volta? Qué máis quixéramos... aínda que tamén podemos dicir que dado que nunca abandonamos a nosa faceta de cidadáns, non nos iremos de verdade ata que nos toque. E curiosamente hai cousas que farían espertar a un morto coa preocupación, xa que por afectar, ata poderían afectar aos cemiterios. Agardamos que non sexa o caso, pero o anuncio da próxima exposición pública do PXOM -Plan Xeral de Ordenación Municipal- preocúpanos bastante. Non só por antecedentes recentes de cuestións que non deberan resultar preocupantes, como aquel proxecto de senda peonil e ciclista entre Narón e Valdoviño (ver 1, 2 e 3), que pasou de puntiñas como algo irrelevante e resultou ter potenciais afectacións a veciños por mor de expropiacións, e que por falta de información case chegan tarde a presentar as alegacións. Tamén polas formas: acabamos de saber pola prensa (concretamente por La Voz de Galicia - Personal del equipo redactor del nuevo PXOM informará a los vecinos de las variaciones ) que se informou de que a apertura do período de información pública do PXOM terá lugar como moi tarde a finais deste mes de xuño, e que haberá 2 meses para presentar alegacións. Curiosamente este anuncio se fixo no recentemente estreado Consello de Participación Cidadá de Narón. E ata adiantan que porán o persoal do concello a disposición da cidadanía para resolver dúbidas durante 2 días á semán nese período. Ata aquí parece que todo pinta ben, sempre que non se teñan en conta os seguintes detalles:
  • A participación cidadá en Narón presenta numerosas taras, tal e como puidemos ir sinalando durante o tempo de funcionamento desta publicación. Tal é así, que o Consello de Participación Cidadá debería terse constituído no comezo da lexislatura -por non dicir antes- e que polo tanto leva 2 anos de retraso. Maís aínda se lembramos que os propios Consellos Territoriais teñen o defecto de que tan so convocan aos representantes de entidades asociativas, deixando fora da súa labor a toda a cidadanía non asociada. Cuestión que aínda se agrava máis se pensamos que as actas das reunións destes Consellos non se publican nin se poñen a disposición da veciñanza. 
  • Tendo en conta a situación da participación cidadá, a cousa empeora se pensamos que dende o comezo dos traballos para elaborar o PXOM, non se lle foi entregando a estes órganos de participación a documentación que se ía elaborando para que a cidadanía puidera debatir sobre ela e así adiantar posibles problemas que puideran xurdir.  Pode crer o lector que pedimos moito, salvo que botemos unha ollada á paxina web da CMAOT - Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM): alí observaremos que no comezo do proceso de elaboración do PXOM se desenrola un borrador do plan e un documento inicial estratéxico, e que podería ser un bo material para entregar a estes Consellos de Participación co fin de elaborar un PXOM o máis participativo posible. Pero non so iso: nun período de consultas previas as persoas interesadas -por exemplo, veciños afectados- poderían manifestar as súas alegacións ao respecto. Lamentablemente, isto non tivo lugar, e foi evidentemente por falta de vontade do Concello.
    Pero iso non é todo: na nota de prensa publicada polo Concello (Os orzamentos municipais e o borrador do novo PXOM abordáronse na reunión do Consello Xeral de Participación) indican que haberá que agardar ata que Medioambiente emita informe, e que "Unha vez resolva, Medio Ambiente colgará na súa páxina web o documento para que se poida consultar e durante dous meses poderán presentarse alegacións medioambientais e doutros concellos limítrofes". Non so se trata de agardar ata entón cruzados de brazos, senón que despóis, quen saiba facelo, terá que encargarse de descargar a información. Para qué usar o noso flamante e galardoado Portal de Transparencia? Quén querería dar unha volta nun Ferrari puidendo telo aparcado na palleira?
  • Para máis inri, a "axuda" que ofrece o Concello adoece das taras de sempre: faise de xeito individualizado e unipersoal. Básicamente un "divide e vencerás" que ten as seguintes consecuencias:
    • Os consultantes nunca van coñecer se a súa situación é única, ou se hai máis xente coa mesma problemática. Isto péchalles a porta á hora de facer un fronte común respecto a unha medida prexudicial.
    • Relacionado co anterior, non existe a garantía de que a resposta que se lle dea a dúas persoas coa mesma problemática sexa a mesma, xa que moi probablemente esta sexa de caracter verbal.
    • Unha das vantaxes do debate público é que pode "abrir mentes": pode que haxa cousas que non nos parecesen un problema, ata que escoitamos a outra persoa facer un relato e nos deamos conta de que iso nos pode prexudicar a nos tamén.
Comprenden agora a nosa preocupación ao respecto? E máis se botamos a mirada atrás e lembramos manobras de ordenación do territorio como a que permitiu a operación da cementeira de Castro: unha instalación que finalmente foi declarada ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e refrendada polo Tribunal Supremo. Citando a La Voz de Galicia - Los vecinos de Castro buscan que la Xunta paralice la cementera:

«A sentencia deixou sen efecto a autorización ambiental outorgada no seu día polo departamento da Xunta desestimando a modificación do Plan Xeral que se levou a cabo coa aprobación dun plan sectorial, por considerar que dita modificación vai en contra do principio de xerarquía nominativa» 

Cómo se quedaron? Pois velaí o noso motivo para volver a escribir. E volveremos a facelo nos próximos días, aportando información sobre os riscos que supón non elaborar un proceso de debate veciñal colectivo sobre o PXOM que ven, e que fundamentalmente poderían resumirse en que fose redactado para o interese duns poucos, en lugar de para estar ao servizo de toda a cidadanía.

Ata a próxima entrega... 
Ler máis »