xoves, 14 de abril de 2016

Narón: moito evento de nivel, e pouca planificación

Este luns chegaba á nosa páxina de Facebook a queixa de veciños da Gándara respecto ó estacionamento desordeado existente o domingo no entorno do pavillón de deportes, concretamente na zona da rúa Irmáns Pita. O móvil da queixa era que un dos vehículos situados sobre a beirarrúa impedía a un dos veciños da zona acceder ó seu garaxe.

Se ben, as imaxes que acompañaban o relato amosaban unha situación na que probablemente xa pasase o peor -aprécianse bastantes espazos libres para aparcar-, o feito de que haxa vehículos sobre a beirarrúa delata a existencia de certo caos, que contrasta coa "orde" existente na ocupación dun dos carrís de circulación, ou a mediana na parte da rúa que discorre paralela ó pavillón.


¿Cal foi o motivo? Segundo nos dan a entender as novas desta fin de semana, ese día tivo lugar o XIII Trofeo de Baile Deportivo “Cidade de Narón”, unha competición que tivo lugar de 11:00h a 21:00h [1], na que se agardaba a participación de entre 200 parellas de bailaríns [1] e da que a prensa dí que finalmente participaron uns 500 bailaríns [2]. Respecto a público, se ben inicialmente se falaba dun límite de 1.000 localidades [1], o concelleiro de deportes Román Romero falaba dunhas 1.200 persoas [3] as que se achegaron a ver o evento.
Deixando a un lado o curioso "baile" de cifras, a nos parécenos unha cantidade máis que razoable de asistentes ó entorno do pavillón como para realizar unha planificación dende o punto de vista de estacionamento e tráfico. Máxime, tendo en conta que según nos contan os veciños, unha carpa ocupaba o frontal do pavillón, eliminando así un bo número de prazas.

Polo que comentan os veciños, non houbo aviso ningún da Policía Local sobre o evento, nin a grande afluencia de vehículos que podería ter lugar. E aínda que existía certa "orde" que puidera deberse á acción dalgunha autoridade -como un dos carrís de circulación ocupado, así como a mediana- non había ningún axente nos arredores, nin ningunha sinalización indicando esta eventualidade na vía. Tampouco na páxina de Facebook da Policía Local de Narón, que soe emitir comunicados a este respecto. Na nota de prensa publicada polo Padroado de Deportes [4] so atopamos unha reseña a páxina www.bailegalicia.net, na que se di que está toda a información da competición. Tras entrar nela, so podemos ver información básica do evento, horarios e prezos, pero ningunha en relación a lugares de estacionamento e acceso ó pavillón.

Neste punto, e sabendo que o Concello contaba con información da cantidade de asistentes que tería o evento, e que se trataba da 13º ano que se organizaba, o único que se nos ven á cabeza é que se trata dunha cuestión de deixadez e falta de planificación. Algo ó que, polo que parece, o Concello non da moito valor, pois segundo [3][4] declaran que "Narón e todo un referente a nivel estatal neste tipo de competicións". Se ben é certo que congregan a moita xente, non o fan con moita elegancia -algo que aparentemente está relacionado con este deporte- , xa que hai asistentes que teñen que rematar deixando o coche enriba dunha beirarrúa, ocasionando ademáis así molestias ós veciños. Para poder considerarse unha referencia, debería haber unha organización de referencia. E aténdonos ás circunstancias, uns cantos detalles que se nos ocorren para acadalo serían:
  • Ordenar o tráfico de xeito que os participantes tivesen opción de baixar fronte a porta. Os que viñeran sos no seu vehículo, darlles opción a estacionar o máis preto posible do lugar. Idem para persoas con mobilidade reducida.
  • Que os conductores dos vehículos tivesen suficientes indicacións para acceder de xeito organizado a un lugar onde estacionar cómodamente: 
    • na contorna hai varios centros comerciais
    • hai a posibilidade de organizar a circulación facendo a rúa Irmáns Pita de sentido único, usando un dos carrís para estacionar sinalizándoa de xeito apropiado e informando públicamente da eventualidade á cidadanía. Segundo [5], a rúa ten 1.330m de lonxitude, así que deixando 4m por vehículo teriamos espazo nun carril para algo máis de 300 vehículos.
    • proporcionando planos sobre acceso, circulación e estacionamento á organización, federación, participantes, etc ...
    • dispoñendo dun número de axentes e efectivos apropiado para que todo funcione de xeito fluído, e evitando comportamentos incívicos ou de risco
Aparte diso, evitaríanse molestias ós veciños da zona ó mínimo, de xeito que a administración local estaría aportando un verdadeiro servizo tanto ós visitantes, como ós propios naronenses.

Por certo, e xa para despedir, queremos dar a noraboa ós deportistas locais polo bo nivel demostrado. Tamén redundaría no seu propio beneficio unha mellor organización destes eventos.

Fontes:
[1] Galicia Ártabra - XIII Trofeo de Baile Deportivo “Cidade de Narón” http://www.galiciaartabradigital.com/archivos/79647
[2] Diario de Ferrol - Más de 500 bailarines compitieron en el polideportivo de A Gándara http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/mas-500-bailarines-compitieron-polideportivo-gandara/20160411003409151247.html
[3] La Voz de Galicia - O Club de Baile Deportivo Narón domina o galego de latinos  http://galego.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/naron/2016/04/12/club-baile-deportivo-naron-domina-gallego-latinos/0003_201604F12C10991.htm
[4] Padroado de Deportes - Máis de medio milleiro de persoas participarán no xv trofeo de baile deportivo cidade de narón e campionato galego de latinos http://www.padroadodeportesnaron.com/web/cat/gal/noticias/get/217
[5] Concello de Narón - Abre ó tráfico o vial perimetral da gándara, de máis dun kilómetro de lonxitude http://www.concellodenaron.com/web/cat/gal/noticias/get/658/

Ningún comentario:

Publicar un comentario