Amosando publicacións coa etiqueta Marián Ferreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marián Ferreiro. Amosar todas as publicacións

sábado, 28 de maio de 2016

O útil das actas da Mancomunidade, e a tomadura de pelo da devolución no recibo da auga pola crise dos trihalometanos


Saúdos, lectoras e lectores! Tal vez polas datas correspondese máis unha análise do primeiro ano de goberno do mandato 2015-2019, pero vai ser un exercicio que coste bastante máis esforzo que expoñer a presente cuestión.

Como saberán, dentro da inquedanza na procura de coñecemento sobre os qués, cómos e porqués da nosa administración local, a transparencia é unha das nosas cuestións máis demandadas. Unha das fontes de información máis valiosas soen ser as actas de sesión das administracións e os seus órganos. E entre elas, está a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, un ente local supramunicipal ao que está vinculado o Concello de Narón, xunto cos de AresCabanasCedeiraFeneFerrol, Mugardos, Neda e Valdoviño. Poden acceder aos estatutos que a rixen na seguinte ligazón: [Estatutos]. Neles se describe o obxectivo deste ente -que de xeito resumido é aproveitar as vantaxes económicas que supón a xestión conxunta de determinadas cuestións que de xeito individualizado sería máis custoso ou inviable- e o seu funcionamento. Tamén ven a conto lembrar que hai uns meses o noso alcalde -José Manuel Blanco- foi nomeado vicepresidente da Mancomunidade.

Volvendo ao tema das actas, nun xesto de transparencia que no seu momento agradecemos, e seguimos a agradecer, ao principio deste mandato a Xerencia da Mancomunidade engadiu unha sección na web onde publicar as actas das sesións desta entidade. Ainda así, ata hai uns días permanecían so publicadas as actas do ano 2015, algo que nos inquedaba, polo que volvemos a pedir a súa publicación. Haberá quen pense que este "pasatempo" -nos preferimos chamarlle compromiso cidadán- non ten máis resultado que quentarlle a cabeza a xente moi ocupada, pero neste caso deu algún froito interesante -realmente sempre os da, pois o saber é un, pero neste caso cremos que atraerá a atención da xente-.

Para poñernos en situación, compre lembrar a crise dos trihalometanos que tivo á cidadanía de varios concellos da comarca sen poder consumir auga potable dos seus grifos durante tres días no mes de xullo de 2015. Ainda que había voces da veciñanza que consideraban reclamable unha parte do recibo polo perxuizo causado, e que o Concello de Ferrol aplicara un desconto na tarifa por este motivo, en Narón non houbo movemento algún ao respecto ata que no Pleno do 29 de outubro de 2015 o PP presentaba unha moción solicitando que se realizase a citada devolución co seguinte texto:



MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR PARA QUE SE APLIQUE NA
FACTURA DE COSMA UN DESCONTO POLOS DÍAS NOS QUE O AUGA NON FOI
APTA PARA O CONSUMO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Debido á que se veu en chamar como “crise do auga” houbo uns días en que o consumo de auga foi restrinxido o conter valores superiores aos permitidos no nivel de Trihalometanos. O día en que se estableceu a restricción foi o 16 de xullo, que durou ata o 19. Coñeceuse posteriormente, tras a restrición, que os primeiros resultados anómalos databan de mostras tomadas o 29 de xuño. Se ben é certo que en Narón temos unha compañía de augas propia, Cosma, da que o alcalde é o seu presidente, o cal non informou de que se houbese detectado nada, o feito fundamental é que Ferrol é quen nola suministra en última instancia. Polo tanto, o caso é que os veciños viñeron pagando por un suministro que non puideron consumir por non reunir os requisitos mínimos.

PROPOSTA
1º.- Instar ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, onde ten maioría, descontos na facturación polos días en que os veciños recibiron auga non apta para o consumo.

2º.- Instar ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, do mesmo xeito, que se inicie un procedemento de reclamación contra o Concello de Ferrol, para que desconte tamen a parte proporcional onde o auga non foi apta para o consumo.

En Narón, a 23 de outubro de 2015
Asinado: Marcos López Balado -  Voceiro Municipal do Partido Popular


Lembraremos tamén que nesa ocasión, e tal e como indica a acta dese Pleno, a moción foi desestimada polos votos en contra de TEGA, PSdeG-PSOE, BNG, EU e a abstención de ENE. Estivemos a buscar na hemeroteca e non atopamos referencias nas que ampararnos, pero lembramos claramente que os motivos que se aduciran para a desestimación eran complicacións co programa informático de xestión que emprega COSMA, e que lles impedía facer esa operación. Algo que no seu momento sinalamos como excusa ridícula, e que esas limitacións caían dentro da responsabilidade de COSMA, non na dos seus clientes.

Pois ben, o 28 de abril de 2016 o PP, tras un informe favorable á devolución enviado pola Valedora do Pobo, -e a negativa do Pleno a admitir a moción en marzo por vía urxente, por estar agardando resposta da Valedora a alegacións feitas polo Concello-, volve a presentar a seguinte moción para o desconto no recibo da auga do consumo estimado de auga potable para os días correspondentes á crise dos trihalometanos:


MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO PP PARA CUMPLIR INFORME DA
VALEDORA DO POBO E APLICAR COMPENSACIÓN NO RECIBO DE COSMA
POLOS DÍAS QUE A AUGA NON FOI APTA PARA O CONSUMO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS 
O Grupo Municipal Popular presentou unha moción ao pleno de outubro de 2015, na que se instaba ao goberno de Narón a propoñer no Consello de Administración de Cosma unha compensación na facturación aos usuarios, polos días en que os veciños recibiron un auga non apta para o consumo, nos días que durou a chamada “crise do auga”. Debido a esa “crise”, recordemos, houbo uns días en que o consumo de auga foi restrinxido o conter valores superiores aos permitidos no nivel de Trihalometanos. O día en que se estableceu a restricción foi o 16 de xullo, que durou ata o 19. Coñeceuse posteriormente, tras a restrición, que os primeiros resultados anómalos databan de mostras tomadas o 29 de xuño. Con data 11/02/2016 a Valedora do Pobo remitía aos concellos afectados pola mencionada “crise do auga” un escrito no que se lles suxería a eses Concellos “que no caso de non telo feita xa se determine unha eventual compensación derivada da falta de subministro de auga para consumo durante os días que durou o incidente obxecto das queixas, tal e como xa fixo un dos concellos afectados, e que se faga de forma proporcional aos días que durou o incidente”. En base ao exposto, este grupo municipal ven a facer a seguinte 

PROPOSTA
1º.- Instar novamente ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, onde ten maioría, que se determine unha compensación derivada da falta de suministro de auga polos días en que os veciños recibiron auga non apta para o consumo.

2º.- Instar ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, do mesmo xeito, que se inicie un procedemento de reclamación contra o Concello de Ferrol, para que lle desconte tamen a parte proporcional onde o auga non foi apta para o consumo.

En Narón, a 23 de marzo de 2016

Asinado: Marcos López Balado Voceiro Municipal do Partido Popular

Neste caso -poden ler o debate completo na acta deste pleno de 28 de abril de 2016- a excusa para rexeitar de novo a moción é que segue sen haber contestación da Valedora sobre as alegacións feitas polo Concello de Narón. Ainda así, merece a pena ler o debate sobre esta proposta -e tódalas outras, pois a da rebaixa dos valores catastrais tampouco ten desperdicio algún-. Concretamente, sinalaremos esta parte da intervención do voceiro do grupo do PP:

"La valedora instó a todos los Concellos, a todos los que no lo hubieran hecho, a compensar a los vecinos porque hay ayuntamientos que ya lo hicieron, hablo de Ferrol, por ejemplo, el ayuntamiento de Ferrol ya compensó a sus vecinos. Y los ayuntamientos de Ares, Mugardos y Fene acaban de enviar un escrito también entre los tres para proceder a hacer lo que decía la valedora. El único que está descolgado y sigue sin reconocerlo es el Ayuntamiento de Naron (...)"

Algo que podemos facer xa que a deste pleno é a PRIMEIRA acta que se publica ÍNTEGRAMENTE tal e como comprometía a Ordenanza de Transparencia do Concello de Narón. ¿Ven o estupendo da transparencia? Permítenos comprender todo o que hai detrás dunha simple nota de prensa do Concello onde se preden tódolos matices importantes das cuestións tratadas en Pleno.

Volvendo ao caso, aquí é onde enlazamos coas actas da Mancomunidade, pois o que menciona o concelleiro Balado ven reflectido na acta da sesión plenaria da Mancomunidade do 14 de marzo de 2016. Literalmente:


É dicir, que estaban a reclamar a Emafesa, non so o custo da auga, senón que algún alcalde -o de Ares- suxería que se tivese en conta o custo da auga mineral que pagaron os concellos durante os días nos que o consumo estivo prohibido.

Pero isto non é todo. Na nosa lectura da acta da Mancomunidade do 11 de abril de 2016, atopamos algo se cabe máis interesante e revelador:




 É dicir, que Emafesa lle devolveu ao Concello de Narón -é dicir, COSMA- a cantidade correspondente ao consumo a deducir pola crise dos trihalometanos. Unha cuestión bastante sangrante polos seguintes motivos:

  1. Polo que vemos, o grupo municipal do PP -e supoñemos que o resto de grupos da oposición- descoñecían que EMAFESA tivese feito a devolución desta cantidade ao Concello de Narón, xa que o punto 2 da súa moción mantén a demanda desa devolución ao Concello de Ferrol. Isto plantéxanos dúbidas sobre a cantidade e nivel de información que flue cara os grupos da oposición nas comisións. ¿Informouse desta cuestión? ¿Hai obriga de facelo por parte do Concello? Dende hai un tempo deixaron de publicar a orde do día das sesións destes órganos, coincidindo cos cambios -supostamente a mellor- en materia de transparencia. ¿Haberá algún grupo político que se convirta no noso paladín e defenda as nosas demandas en materia de transparencia no Concello? Polo que se ve, tamén redundaría no seu beneficio.
  2. A pesar de ter ingresado a devolución, o Concello de Narón segue a porfiar a devolución deses cartos aos consumidores con alegacións á Valedora. ¿Acaso, se a Valedora as admite a trámite, devolverá Narón eses cartos a EMAFESA?
  3. Volvendo ao debate da última moción presentada polo PP, concretamente á intervencion da concelleira Ferreiro de TEGA:

    "Cando falan dos 6000 euros…. 6000 euros sería como xa lle aclaramos no seu momento, se houbese un corte total de suministro, pero é que non o houbo, é dicir, houbo unha restricción de auga para o consumo humano en 2 días, que non temos valorado canto serían esas cantidades porque non o podemos valorar e cando fala dos 500 euros da auga que puxo o concello, sobrou auga, é dicir, se lle puxo auga para os veciños e sobrou que se levou ao centro de recursos. Co cal esa cantidade de 500 euros foi máis que suficiente para as necesidades nese momento dos veciños de Narón. Nada máis. Moitas grazas."

    Resulta bastante divertido que nun pleno que tivo lugar DESPOIS -11 de abril vs 28 de abril- de que a Mancomunidade dese conta da devolución dunha cantidade dende EMAFESA a Narón, TEGA teña o valor de dicir que descoñecen qué cantidade deberían devolver e como valorala. ¿Acaso non o fixo xa EMAFESA?
 Tras ler estas liñas: ¿QUÉDANLLE DÚBIDAS Á CIDADANÍA DE NARÓN SOBRE O FEITO DE QUE O GOBERNO MUNICIPAL NOS ESTÁ A TOMAR O PELO?"

Agardamos que a próxima vez que esta cuestión se presente a Pleno, a cidadanía ateigue as bancadas do salón portando cartaces nos que expresen as súas demandas e o seu descontento. Cremos que esa é a mellor guía que teñen os distintos grupos políticos para saber cando están a cumplir co seu cometido dentro da administración local.
Ler máis »

xoves, 14 de abril de 2016

Narón: moito evento de nivel, e pouca planificación

Este luns chegaba á nosa páxina de Facebook a queixa de veciños da Gándara respecto ó estacionamento desordeado existente o domingo no entorno do pavillón de deportes, concretamente na zona da rúa Irmáns Pita. O móvil da queixa era que un dos vehículos situados sobre a beirarrúa impedía a un dos veciños da zona acceder ó seu garaxe.

Se ben, as imaxes que acompañaban o relato amosaban unha situación na que probablemente xa pasase o peor -aprécianse bastantes espazos libres para aparcar-, o feito de que haxa vehículos sobre a beirarrúa delata a existencia de certo caos, que contrasta coa "orde" existente na ocupación dun dos carrís de circulación, ou a mediana na parte da rúa que discorre paralela ó pavillón.


¿Cal foi o motivo? Segundo nos dan a entender as novas desta fin de semana, ese día tivo lugar o XIII Trofeo de Baile Deportivo “Cidade de Narón”, unha competición que tivo lugar de 11:00h a 21:00h [1], na que se agardaba a participación de entre 200 parellas de bailaríns [1] e da que a prensa dí que finalmente participaron uns 500 bailaríns [2]. Respecto a público, se ben inicialmente se falaba dun límite de 1.000 localidades [1], o concelleiro de deportes Román Romero falaba dunhas 1.200 persoas [3] as que se achegaron a ver o evento.
Deixando a un lado o curioso "baile" de cifras, a nos parécenos unha cantidade máis que razoable de asistentes ó entorno do pavillón como para realizar unha planificación dende o punto de vista de estacionamento e tráfico. Máxime, tendo en conta que según nos contan os veciños, unha carpa ocupaba o frontal do pavillón, eliminando así un bo número de prazas.

Polo que comentan os veciños, non houbo aviso ningún da Policía Local sobre o evento, nin a grande afluencia de vehículos que podería ter lugar. E aínda que existía certa "orde" que puidera deberse á acción dalgunha autoridade -como un dos carrís de circulación ocupado, así como a mediana- non había ningún axente nos arredores, nin ningunha sinalización indicando esta eventualidade na vía. Tampouco na páxina de Facebook da Policía Local de Narón, que soe emitir comunicados a este respecto. Na nota de prensa publicada polo Padroado de Deportes [4] so atopamos unha reseña a páxina www.bailegalicia.net, na que se di que está toda a información da competición. Tras entrar nela, so podemos ver información básica do evento, horarios e prezos, pero ningunha en relación a lugares de estacionamento e acceso ó pavillón.

Neste punto, e sabendo que o Concello contaba con información da cantidade de asistentes que tería o evento, e que se trataba da 13º ano que se organizaba, o único que se nos ven á cabeza é que se trata dunha cuestión de deixadez e falta de planificación. Algo ó que, polo que parece, o Concello non da moito valor, pois segundo [3][4] declaran que "Narón e todo un referente a nivel estatal neste tipo de competicións". Se ben é certo que congregan a moita xente, non o fan con moita elegancia -algo que aparentemente está relacionado con este deporte- , xa que hai asistentes que teñen que rematar deixando o coche enriba dunha beirarrúa, ocasionando ademáis así molestias ós veciños. Para poder considerarse unha referencia, debería haber unha organización de referencia. E aténdonos ás circunstancias, uns cantos detalles que se nos ocorren para acadalo serían:
  • Ordenar o tráfico de xeito que os participantes tivesen opción de baixar fronte a porta. Os que viñeran sos no seu vehículo, darlles opción a estacionar o máis preto posible do lugar. Idem para persoas con mobilidade reducida.
  • Que os conductores dos vehículos tivesen suficientes indicacións para acceder de xeito organizado a un lugar onde estacionar cómodamente: 
    • na contorna hai varios centros comerciais
    • hai a posibilidade de organizar a circulación facendo a rúa Irmáns Pita de sentido único, usando un dos carrís para estacionar sinalizándoa de xeito apropiado e informando públicamente da eventualidade á cidadanía. Segundo [5], a rúa ten 1.330m de lonxitude, así que deixando 4m por vehículo teriamos espazo nun carril para algo máis de 300 vehículos.
    • proporcionando planos sobre acceso, circulación e estacionamento á organización, federación, participantes, etc ...
    • dispoñendo dun número de axentes e efectivos apropiado para que todo funcione de xeito fluído, e evitando comportamentos incívicos ou de risco
Aparte diso, evitaríanse molestias ós veciños da zona ó mínimo, de xeito que a administración local estaría aportando un verdadeiro servizo tanto ós visitantes, como ós propios naronenses.

Por certo, e xa para despedir, queremos dar a noraboa ós deportistas locais polo bo nivel demostrado. Tamén redundaría no seu propio beneficio unha mellor organización destes eventos.

Fontes:
[1] Galicia Ártabra - XIII Trofeo de Baile Deportivo “Cidade de Narón” http://www.galiciaartabradigital.com/archivos/79647
[2] Diario de Ferrol - Más de 500 bailarines compitieron en el polideportivo de A Gándara http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/mas-500-bailarines-compitieron-polideportivo-gandara/20160411003409151247.html
[3] La Voz de Galicia - O Club de Baile Deportivo Narón domina o galego de latinos  http://galego.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/naron/2016/04/12/club-baile-deportivo-naron-domina-gallego-latinos/0003_201604F12C10991.htm
[4] Padroado de Deportes - Máis de medio milleiro de persoas participarán no xv trofeo de baile deportivo cidade de narón e campionato galego de latinos http://www.padroadodeportesnaron.com/web/cat/gal/noticias/get/217
[5] Concello de Narón - Abre ó tráfico o vial perimetral da gándara, de máis dun kilómetro de lonxitude http://www.concellodenaron.com/web/cat/gal/noticias/get/658/
Ler máis »

luns, 29 de xuño de 2015

Pleno do 19/06/2015: as tribulacións dun corresponsal amateur


Supoñemos que os nosos estimados lectores estarían agardando a publicación dun novo, emocionante, rigoroso e preciso artigo sobre a actualidade política de Narón.  Se é así, as circunstancias obrígannos a dicir que non será moi preciso, pero tentaremos manter o rigor no noso máximo. ¿Cal é a circunstancia que nos impide falar de precisión? Unha suma que iremos describindo no que segue.

Primeiro, para poder facer un artigo preciso, é necesario un corresponsal que estea puntualmente no pleno, de xeito que non perda detalle dende o principio. Neste caso, chegou 4 minutos tarde.  Inocente, pensaba que esta falta non tería repercusións, pero botando unha ollada á orde do día decatouse de que xa se despacharan 2 puntos da mesma. Isto fala ben do sentido da puntualidade no concello, e ó contrario, da do corresponsal en cuestión.

Superado este susto, o noso corresponsal, boligrafo e papel en man, dispúxose a seguir anotando o relativo ós seguintes puntos da orde do día. Sen embargo, naqueles puntos nos que se citaba máis dun nome, foille prácticamente imposible tomar nota dos que saían por boca do secretario, debido á grande velocidade á que falaba. Non agardábamos tampouco que o secretario actuase coma lendo un dictado para alumnos de primaria, pero tampouco que unha persoa que foi quen de tomar apuntes nunha facultade se achase nesa situación. Vista a velocidade á que estaban a sucederse os puntos, e a pouca información que era capaz de anotar, decidiu grabar un fragmento do pleno que deixamos aquí para a evaluación dos nosos lectores:


En canto ó vídeo, queremos resaltar que cando a mesa de presidencia se decatou de que estaban a ser grabados, a velocidade de lectura se reduciu por momentos. Ainda así da un bo exemplo do transcurso da sesión plenaria.

En fin, temos que recoñecer que a nosa primeira tentativa de cobertura dun pleno foi un fracaso. Sen embargo, tamén sabemos que non hai mellor escola ca esa: así que de todo isto sacamos unhas cantas conclusións positivas que podemos aplicar en vindeiros plenos:
  • A puntualidade é imprescindible.
  • Dada a imposibilidade de utilizar bolígrafo e papel para anotar todo aquilo que se dí, será preciso recurrir á tecnoloxía para tomar rexistro de todo o que se fala na sesión. Chegados a esta conclusión, estamos a avaliar a posibilidade de facer un proxecto máis ambicioso: a grabación e publicación das sesións de pleno no concello. Sobre este feito, avanzaremos máis información nunha vindeira publicación.
  • Algo falla na concepción dos plenos: como xa comentamos máis arriba, non pedimos que se faga un dictado de primaria, senón un equilibrio. Un pleno, coma acto público, ten que permitir ós seus asistentes enterarse do que esta a ocorrer. Senón, esa publicidade perde todo o sentido. Dende aquí, cremos que se gañaría moito poñéndose en práctica o seguinte:
    • A lectura de textos debería facerse a unha velocidade e volume apropiado para que calquera persona fose capaz de entender qué se está a dicir.
    • Proporcionar á cidadanía unha base de información sobre a que facer consideracións respecto ó que se vai a debatir. ¿De qué serve poder ir a un pleno se, a pesar de oir o que se fala, non se entende de qué trata, e non se teñen datos para razonar ó respecto? Por exemplo, dispoñer do texto das propostas que le o secretario sería de moita utilidade. De ser así, a velocidade de lectura non sería un tema tan relevante.
      Este punto merece un artigo aparte, xa que habería que abordalo tamén considerando o estado actual da normativa municipal, o regulamento de participación cidadá que non está a ser aplicado, etc ...
Deixando as leccións a un lado, ¿qué hai do contido do pleno? O feito é que a acta todavía non foi publicada, pero a pesar de todo, usaremos os medios á nosa disposición para informar. Entre eles a prensa, e o feito de que para este caso sí se actualizou a páxina web do concello, a pesar de que permanecera en silencio respecto ao anuncio do pleno do que estamos a falar.

En canto ós cargos, inauguramos unha nova páxina na que deixamos publicada a composición do goberno e as súas responsabilidades, e que iremos completando a medida que vaiamos tendo máis información. E non so nos referimos ó acordado neste pleno, senón tamén ás negociacións que están a ter lugar entre TEGA e BNG. Esta situación mantén sen asignar todavía as concellerías de Xestión Orzamentaria, Promoción e Xestión de Polígonos Industriais, Promoción Económica e Infraestruturas Públicas, así como as de Promoción Social e Igualdade, ostentadas no anterior mandato polos edís do BNG Pablo Villamar e Teresa Sabio, respectivamente. Segundo o comentado por TEGA e BNG á prensa, é posible que se chegue a un acordo esta semana que entra, tras debatir internamente no BNG determinadas cuestións "de forma" das que non temos coñecemento. Sabendo de tales negociacións, andivemos buscando pola web e redes sociais convocatorias de reunión entre o BNG e os seus afiliados e simpatizantes, pero non atopamos ningunha. Dende esta publicación lamentamos que non sexa así, sobre todo tendo en conta o plantexamento que tivo este partido durante a campaña electoral, na que sí reuniu a simpatizantes en busca de propostas programáticas e de apoios. Cremos que sería de lei continuar esa aposta e convocar a afiliados e simpatizantes para explicar os termos do acordo de goberno, e permitirlles opinar ó respecto. Por desgraza, so temos constancia de o único partido que está a proceder deste xeito é EU. Aparte de agardar que sigan así, gustaríanos ver que outros partidos se unen a esta mesma dinámica, e nos prestamos a difundir polas redes tales convocatorias.

Outro dos puntos sobre o que podemos informar é respecto ás dedicacións exclusivas. Segundo indica a prensa, no pasado mandato gozaban de tal privilexio Xosé Manuel Blanco, Pablo Mauriz e Catalina García; neste, se lle concede o mesmo beneficio a Marián Ferreiro. Sobre este punto da orde do día o PP votou en contra. Tras ser preguntados ó fin da sesión, so manifestaron que estaban en contra do incremento de gasto que supuña esa dedicación. Coma curiosidade atopada na busca de información, comentaremos que ata o ano 2004 o Concello foi quen de funcionar sen concelleiros con adiación exclusiva. Pola nosa banda, tentaremos facer un seguemento estreito da actividade dos concelleiros con este estatus, para determinar se tal é preciso ou non. No tocante a Catalina García, expresamos xa as nosas reservas nun anterior artigo; ademáis, a aplicación do Regulamento de Participación Cidadá está paralizada dende hai anos, cousa que tampouco di nada no seu favor.


Ao marxe do citado, quedarían outros puntos sobre os que informar dos que non fomos quen de obter información todavía: o mantemento dos postos de persoal eventual, os criterios de productividade e a periodicidade das sesións plenarias. Sobre todos estes, informaremos tan pronto coma nos sexa posible.

Fontes:
Ler máis »