Amosando publicacións coa etiqueta Ferrol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ferrol. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de xuño de 2016

Un novo formato: análise da semana do 13 ao 19 de xuño

Esta redacción está a adoecer de dúas inconveniencias: falta de máns para atender a cantidade de cuestións que -potencialmente- poden facerse, e falta de tempo.

É por este motivo que imos tentar os poucos que estamos, e co pouco tempo que contamos, a elaborar un novo formato que sexa abordable por nos, e útil para a xente que nos lea. Lamentablemente, teremos que resignarnos e deixar de ser altofalante de anuncio de eventos, e quedarnos símplemente na análise do sucedido ao longo dunha semana.



Neste caso, como xa foi cuberta nas redes sociais parte da semana, comezaremos dun xeito lixeiro, relatando aquelas cuestións interesantes que quedaran fora do tinteiro.

Narón

EU Narón alerta de que peligra a acollida veraniega de nenos saharauis por burocracia e fondos, indicando que o problema é que, ainda que a administración colabora económicamente, non adianta os cartos, senón que os entrega unha vez se xustifique con facturas. Queremos lembrar que a Lei de Subvencións de Galicia permite que se entreguen os cartos por adiantado. De feito, temos un exemplo no Concello de Narón, que asinaba na acta da Xunta de Goberno do 2 de xuño de 2016 o adianto do pago do convenio asinado co Club Escudería Siroco Narón para a realización do XXIX Rally de Narón. Anuncian que haberá persoas da Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS) -como promotores do programa Vacacións en Paz- recollendo doazóns da cidadanía interesada en colaborar. É unha pena que, dado que o que precisan é o adianto, aparte de que se solicite ás administracións que empreguen unha fórmula de subvención que permita a realización deste programa, non se ofreza como posibilidade á cidadanía que colabore con microcréditos, que serían devoltos unha vez pague a administración a subvención correspondente.

O Borrador do REGULAMENTO MUNICIPAL DE CESIÓN DE USO/UTILIZACIÓN DE LOCAIS E DEPENDENCIAS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE NARÓN irá a Pleno este 30 de xuño para debater a súa aprobación. O 8 de abril, a Escola de Participación Cidadá enviaba este regulamento ás entidades asociativas e daba un prazo de 15 días para aceptar enmendas a este texto. Lamentablemente, non se fixo unha reunión para explicar este regulamento, e debater sobre él. Tampouco se presentou á cidadanía en xeral, a pesares de que serán usuarios destes locais. Temos que dicir que este borrador non ten nada que ver co documento que presentaran hai uns anos as entidades asociativas, elaborado en conxunto nos Consellos Territoriais de Participación Cidadá. Se non se lle da lexitimidade ao proceso participativo, nin ás conclusións ás que chega a veciñanza, ¿de qué serve?

Outra cuestión que tamén irá a Pleno será o da escola infantil rural en Sedes. Nas noticias NARÓN- Gobierno y EU demandan un proxecto educativo integral da escola rural e EU Narón defende o proxecto educativo para escola rural presentado polos veciños de Sedes, e denuncia a actitude do PP que rexeita o proxecto e tenta esconder esta realidade detrás de declaracións de intencións baleiras
explícase como o PP votou en contra do proxecto dos veciños de Sedes que levara AGE ao Parlamento de Galicia, pois ofertaban un Punto de Atención Infantil para nenas e nenos de 0 a 3 anos, en lugar dunha escola infantil para 0 a 6 anos. Por este motivo, plantexarán unha moción para instar que a Xunta se comprometa cun proxecto de escolas infantís rurais que tería como proxecto piloto a escola de Sedes, e do que se faría cargo a Xunta por ter as competencias en educación.

Por outra banda, ENE remitiu á prensa unha nota baixo o título O problema do punto limpo como reflexo do Concello de Narón, no que sinala que o Concello de Narón usa estas noticias para chamar a atención en prensa, mentres que as cousas levan anos sen cambiar. Nos non vemos moi ben fiada a relación, ainda que sí temos claro que, salvo en festas e programación cultural, o noso Concello está sumido no inmobilismo.

A Comarca

Por desgraza, e como ven sendo habitual a estas alturas do ano El Sergas bloquea 46 de las 400 camas del Marcide por el verano. Unha acción contra a que se manifestaron traballadores, e a Plataforma SOS Sanidade Pública. Algo que ven explicado neste artigo con Información sobre a última reunión da Plataforma SOS Sanidade Pública, no que, aparte dos peches de camas, se da información sobre mobilizacións que plantexa esta plataforma, e cuestións perigosas como a tentativa da Xunta de inxerencia nos comités de ética.  En canto aos peches de camas, o feito de que estean baleiras é decisión de Xerencia, que pode axilizar as listas de espera -permitindo hospitalizar a máis xente-, ou mover a pacientes a planta en lugar de telos ateigando os pasillos. Sobre esta cuestión, seguimos sen ter pronunciamento algún dende o Concello de Narón, a pesares de que a cidadanía é usuaria deste centro hospitalario.

Seguindo co tema dos hospitais, atopamos unha Carta aberta a Jorge Suárez da CIG-Saúde Ferrol ante a diminución do servizo de buses ao CHUF, xa que polo que comentan na mesma, foron eliminados servizos nas horas de maior demanda. Algo de interese para a cidadanía de Narón, que tamén é usuaria do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Ainda así, para as persoas de Narón, o maior hándicap segue a ser a escasez ou ausencia de servizos de transporte público para poder achegarse ata as liñas de Ferrol que viaxan cara o Marcide, sobre todo no rural.

Segue a voltas o tema de Reganosa: mentres O Comité Cidadán de Emerxencia presenta unha denuncia no Xulgado ante a chegada dun gaseiro a Reganosa, cando supostamente, ao carecer das licenzas non debería poder operar, e dado que o Supremo volveu a fallar na súa contra desestimando o recurso presentado hai uns días. Pola súa parte, O presidente do TSXG aclara que a nova situación procesal de Reganosa depende das partes, ou mellor dito, de como actúen. Respecto a isto, e tras 15 anos de loita, temos moi claro que o Comité Cidadan de Emerxencia non se botará atrás para conseguir que se respecte a legalidade, e se deixe de poñer en risco as vidas das persoas que viven próximas á planta, e o medioambiente.

E tras un par de semanas de queixas polas redes sociais da cidadanía, sae á luz que O auga de Ferrol aumenta levemente os seus niveis de cloro pola suba das temperaturas. E as queixas non eran sen motivo xa que segundo comentan na nova, o aumento nos niveis foi levado a cabo o 6 de xuño. Resulta ridículo que despóis de todo o que ocorreu o ano pasado se siga sen informar á cidadanía de xeito preciso nestas cuestións, e non se publiquen aínda os resultados das análises da auga. Isto tamén é transparencia.

E seguindo con servizos públicos -ainda que privatizados-, hai Tranquilidad en el Concello de Ferrol ante la posible venta de Urbaser a un grupo chino. A nos, o que nos sorprende é a propia venda, xa que neste noso país, os negocios máis rendables son sen dúbida as concesións de realización de servizos públicos.

Tamén en canto a servizos públicos, unha boa noticia para as xentes de Ferrol: O Xulgado da-lle a razón ao Concello de Ferrol, ante un recurso de Socamex/Urbaser, a parte privada de EMAFESA, dando por bo o acordo plenario de suspensión da taxa de depuración, suspensión á que só se opuxera o Partido Popular. É dicir, que os tribunais consideran adecuado suspender o cobro dunha taxa que se estaba a impoñer sen que se estivese a realizar o servizo de depuración. Volvendo ao tema de Urbaser, ¿entenden a nosa sorpresa sobre esa posible venda? Outro motivo máis para considerar a remunicipalización como a forma máis axeitada de abordar os servizos básicos para a cidadanía.

La asociación A Cortiña lleva a San Sadurniño a uno de los mayores expertos en pastos de España, un acto ao que polo visto, asistiu o concelleiro de ENE Alfonso Casal, que publicaba no seu Facebook esta nota: https://www.facebook.com/Eliximos.Naron/posts/1029329273770617. Un evento que podería aportar ideas moi interesantes que facilitasen a explotación sostible dos nosos recursos no rural. Polo que puidemos saber, o Concello de San Sadurniño asinou un convenio de colaboración con A Cortiña para promocionar a agroecoloxía. Algo que non lle viría nada mal ao rural de Narón. Para máis información sobre esta asociación: Facebook - Asociación Agroecolóxica A Cortiña

E unha cuestión que está a supor un gran problema para a agricultura en toda a comarca: o xabarín. Mentres La Xunta expone a entidades de Ferrol sus ayudas para daños causados por jabalíes, o Concello de Cerdido solicita a realización de novas batidas disuasorias polos danos ocasionados polo xabarín, por considerar que os perxuizos ocasionados están a exceder os medios implicados nesta cuestión.
Dende o noso punto de vista, parece que hai interese en que cada vez sexa máis complicado ter un cachiño de terra para realizar producción de subsistencia, en lugar de ter que mercar todo ás grandes explotacións, sobre as que non se ten información sobre cómo se produce. Meter por medio os intereses dos cazadores e poñelos por riba do dereito da xente a aproveitar as súas terras é unha forma de facelo ocultando a verdadeira motivación.

En canto a medioambiente, atopamos este titular: La ría de Ferrol, premio a la contaminación en las ‘Banderas Negras’ de Ecologistas en Acción. O estudo Bandeiras Negras 2016 realizado por esta organización ecoloxista sinala a Ría de Ferrol como un entorno cun gran potencial, pero degradado por mor da contaminación, a falta de saneamento e os recheos que obstaculizan a circulación das augas. Tamén que, para máis inri, coméntase que o grupo Popular Europeo está a tapar os resultados de contaminación que constataran os eurodiputados que visitaran a zona en 2013.

E na zona de información independente, temos un novo artigo de La Boca de la Ría de Ferrol que leva por título ¿Yolanda que haces ahí ?... Y con el DIEGO CALVO.... Ayyyy, e que aporta unha visión interesante sobre o consorcio Sociedade Mixta de Turismo Ferrol S.A., o seu historial, orzamentos, gastos, personalidades relacionadas, e que plantexa dúbidas sobre a súa necesidade e a inversión feita nela.


Ler máis »

sábado, 28 de maio de 2016

O útil das actas da Mancomunidade, e a tomadura de pelo da devolución no recibo da auga pola crise dos trihalometanos


Saúdos, lectoras e lectores! Tal vez polas datas correspondese máis unha análise do primeiro ano de goberno do mandato 2015-2019, pero vai ser un exercicio que coste bastante máis esforzo que expoñer a presente cuestión.

Como saberán, dentro da inquedanza na procura de coñecemento sobre os qués, cómos e porqués da nosa administración local, a transparencia é unha das nosas cuestións máis demandadas. Unha das fontes de información máis valiosas soen ser as actas de sesión das administracións e os seus órganos. E entre elas, está a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, un ente local supramunicipal ao que está vinculado o Concello de Narón, xunto cos de AresCabanasCedeiraFeneFerrol, Mugardos, Neda e Valdoviño. Poden acceder aos estatutos que a rixen na seguinte ligazón: [Estatutos]. Neles se describe o obxectivo deste ente -que de xeito resumido é aproveitar as vantaxes económicas que supón a xestión conxunta de determinadas cuestións que de xeito individualizado sería máis custoso ou inviable- e o seu funcionamento. Tamén ven a conto lembrar que hai uns meses o noso alcalde -José Manuel Blanco- foi nomeado vicepresidente da Mancomunidade.

Volvendo ao tema das actas, nun xesto de transparencia que no seu momento agradecemos, e seguimos a agradecer, ao principio deste mandato a Xerencia da Mancomunidade engadiu unha sección na web onde publicar as actas das sesións desta entidade. Ainda así, ata hai uns días permanecían so publicadas as actas do ano 2015, algo que nos inquedaba, polo que volvemos a pedir a súa publicación. Haberá quen pense que este "pasatempo" -nos preferimos chamarlle compromiso cidadán- non ten máis resultado que quentarlle a cabeza a xente moi ocupada, pero neste caso deu algún froito interesante -realmente sempre os da, pois o saber é un, pero neste caso cremos que atraerá a atención da xente-.

Para poñernos en situación, compre lembrar a crise dos trihalometanos que tivo á cidadanía de varios concellos da comarca sen poder consumir auga potable dos seus grifos durante tres días no mes de xullo de 2015. Ainda que había voces da veciñanza que consideraban reclamable unha parte do recibo polo perxuizo causado, e que o Concello de Ferrol aplicara un desconto na tarifa por este motivo, en Narón non houbo movemento algún ao respecto ata que no Pleno do 29 de outubro de 2015 o PP presentaba unha moción solicitando que se realizase a citada devolución co seguinte texto:



MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR PARA QUE SE APLIQUE NA
FACTURA DE COSMA UN DESCONTO POLOS DÍAS NOS QUE O AUGA NON FOI
APTA PARA O CONSUMO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Debido á que se veu en chamar como “crise do auga” houbo uns días en que o consumo de auga foi restrinxido o conter valores superiores aos permitidos no nivel de Trihalometanos. O día en que se estableceu a restricción foi o 16 de xullo, que durou ata o 19. Coñeceuse posteriormente, tras a restrición, que os primeiros resultados anómalos databan de mostras tomadas o 29 de xuño. Se ben é certo que en Narón temos unha compañía de augas propia, Cosma, da que o alcalde é o seu presidente, o cal non informou de que se houbese detectado nada, o feito fundamental é que Ferrol é quen nola suministra en última instancia. Polo tanto, o caso é que os veciños viñeron pagando por un suministro que non puideron consumir por non reunir os requisitos mínimos.

PROPOSTA
1º.- Instar ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, onde ten maioría, descontos na facturación polos días en que os veciños recibiron auga non apta para o consumo.

2º.- Instar ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, do mesmo xeito, que se inicie un procedemento de reclamación contra o Concello de Ferrol, para que desconte tamen a parte proporcional onde o auga non foi apta para o consumo.

En Narón, a 23 de outubro de 2015
Asinado: Marcos López Balado -  Voceiro Municipal do Partido Popular


Lembraremos tamén que nesa ocasión, e tal e como indica a acta dese Pleno, a moción foi desestimada polos votos en contra de TEGA, PSdeG-PSOE, BNG, EU e a abstención de ENE. Estivemos a buscar na hemeroteca e non atopamos referencias nas que ampararnos, pero lembramos claramente que os motivos que se aduciran para a desestimación eran complicacións co programa informático de xestión que emprega COSMA, e que lles impedía facer esa operación. Algo que no seu momento sinalamos como excusa ridícula, e que esas limitacións caían dentro da responsabilidade de COSMA, non na dos seus clientes.

Pois ben, o 28 de abril de 2016 o PP, tras un informe favorable á devolución enviado pola Valedora do Pobo, -e a negativa do Pleno a admitir a moción en marzo por vía urxente, por estar agardando resposta da Valedora a alegacións feitas polo Concello-, volve a presentar a seguinte moción para o desconto no recibo da auga do consumo estimado de auga potable para os días correspondentes á crise dos trihalometanos:


MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO PP PARA CUMPLIR INFORME DA
VALEDORA DO POBO E APLICAR COMPENSACIÓN NO RECIBO DE COSMA
POLOS DÍAS QUE A AUGA NON FOI APTA PARA O CONSUMO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS 
O Grupo Municipal Popular presentou unha moción ao pleno de outubro de 2015, na que se instaba ao goberno de Narón a propoñer no Consello de Administración de Cosma unha compensación na facturación aos usuarios, polos días en que os veciños recibiron un auga non apta para o consumo, nos días que durou a chamada “crise do auga”. Debido a esa “crise”, recordemos, houbo uns días en que o consumo de auga foi restrinxido o conter valores superiores aos permitidos no nivel de Trihalometanos. O día en que se estableceu a restricción foi o 16 de xullo, que durou ata o 19. Coñeceuse posteriormente, tras a restrición, que os primeiros resultados anómalos databan de mostras tomadas o 29 de xuño. Con data 11/02/2016 a Valedora do Pobo remitía aos concellos afectados pola mencionada “crise do auga” un escrito no que se lles suxería a eses Concellos “que no caso de non telo feita xa se determine unha eventual compensación derivada da falta de subministro de auga para consumo durante os días que durou o incidente obxecto das queixas, tal e como xa fixo un dos concellos afectados, e que se faga de forma proporcional aos días que durou o incidente”. En base ao exposto, este grupo municipal ven a facer a seguinte 

PROPOSTA
1º.- Instar novamente ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, onde ten maioría, que se determine unha compensación derivada da falta de suministro de auga polos días en que os veciños recibiron auga non apta para o consumo.

2º.- Instar ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, do mesmo xeito, que se inicie un procedemento de reclamación contra o Concello de Ferrol, para que lle desconte tamen a parte proporcional onde o auga non foi apta para o consumo.

En Narón, a 23 de marzo de 2016

Asinado: Marcos López Balado Voceiro Municipal do Partido Popular

Neste caso -poden ler o debate completo na acta deste pleno de 28 de abril de 2016- a excusa para rexeitar de novo a moción é que segue sen haber contestación da Valedora sobre as alegacións feitas polo Concello de Narón. Ainda así, merece a pena ler o debate sobre esta proposta -e tódalas outras, pois a da rebaixa dos valores catastrais tampouco ten desperdicio algún-. Concretamente, sinalaremos esta parte da intervención do voceiro do grupo do PP:

"La valedora instó a todos los Concellos, a todos los que no lo hubieran hecho, a compensar a los vecinos porque hay ayuntamientos que ya lo hicieron, hablo de Ferrol, por ejemplo, el ayuntamiento de Ferrol ya compensó a sus vecinos. Y los ayuntamientos de Ares, Mugardos y Fene acaban de enviar un escrito también entre los tres para proceder a hacer lo que decía la valedora. El único que está descolgado y sigue sin reconocerlo es el Ayuntamiento de Naron (...)"

Algo que podemos facer xa que a deste pleno é a PRIMEIRA acta que se publica ÍNTEGRAMENTE tal e como comprometía a Ordenanza de Transparencia do Concello de Narón. ¿Ven o estupendo da transparencia? Permítenos comprender todo o que hai detrás dunha simple nota de prensa do Concello onde se preden tódolos matices importantes das cuestións tratadas en Pleno.

Volvendo ao caso, aquí é onde enlazamos coas actas da Mancomunidade, pois o que menciona o concelleiro Balado ven reflectido na acta da sesión plenaria da Mancomunidade do 14 de marzo de 2016. Literalmente:


É dicir, que estaban a reclamar a Emafesa, non so o custo da auga, senón que algún alcalde -o de Ares- suxería que se tivese en conta o custo da auga mineral que pagaron os concellos durante os días nos que o consumo estivo prohibido.

Pero isto non é todo. Na nosa lectura da acta da Mancomunidade do 11 de abril de 2016, atopamos algo se cabe máis interesante e revelador:




 É dicir, que Emafesa lle devolveu ao Concello de Narón -é dicir, COSMA- a cantidade correspondente ao consumo a deducir pola crise dos trihalometanos. Unha cuestión bastante sangrante polos seguintes motivos:

  1. Polo que vemos, o grupo municipal do PP -e supoñemos que o resto de grupos da oposición- descoñecían que EMAFESA tivese feito a devolución desta cantidade ao Concello de Narón, xa que o punto 2 da súa moción mantén a demanda desa devolución ao Concello de Ferrol. Isto plantéxanos dúbidas sobre a cantidade e nivel de información que flue cara os grupos da oposición nas comisións. ¿Informouse desta cuestión? ¿Hai obriga de facelo por parte do Concello? Dende hai un tempo deixaron de publicar a orde do día das sesións destes órganos, coincidindo cos cambios -supostamente a mellor- en materia de transparencia. ¿Haberá algún grupo político que se convirta no noso paladín e defenda as nosas demandas en materia de transparencia no Concello? Polo que se ve, tamén redundaría no seu beneficio.
  2. A pesar de ter ingresado a devolución, o Concello de Narón segue a porfiar a devolución deses cartos aos consumidores con alegacións á Valedora. ¿Acaso, se a Valedora as admite a trámite, devolverá Narón eses cartos a EMAFESA?
  3. Volvendo ao debate da última moción presentada polo PP, concretamente á intervencion da concelleira Ferreiro de TEGA:

    "Cando falan dos 6000 euros…. 6000 euros sería como xa lle aclaramos no seu momento, se houbese un corte total de suministro, pero é que non o houbo, é dicir, houbo unha restricción de auga para o consumo humano en 2 días, que non temos valorado canto serían esas cantidades porque non o podemos valorar e cando fala dos 500 euros da auga que puxo o concello, sobrou auga, é dicir, se lle puxo auga para os veciños e sobrou que se levou ao centro de recursos. Co cal esa cantidade de 500 euros foi máis que suficiente para as necesidades nese momento dos veciños de Narón. Nada máis. Moitas grazas."

    Resulta bastante divertido que nun pleno que tivo lugar DESPOIS -11 de abril vs 28 de abril- de que a Mancomunidade dese conta da devolución dunha cantidade dende EMAFESA a Narón, TEGA teña o valor de dicir que descoñecen qué cantidade deberían devolver e como valorala. ¿Acaso non o fixo xa EMAFESA?
 Tras ler estas liñas: ¿QUÉDANLLE DÚBIDAS Á CIDADANÍA DE NARÓN SOBRE O FEITO DE QUE O GOBERNO MUNICIPAL NOS ESTÁ A TOMAR O PELO?"

Agardamos que a próxima vez que esta cuestión se presente a Pleno, a cidadanía ateigue as bancadas do salón portando cartaces nos que expresen as súas demandas e o seu descontento. Cremos que esa é a mellor guía que teñen os distintos grupos políticos para saber cando están a cumplir co seu cometido dentro da administración local.
Ler máis »

xoves, 30 de xullo de 2015

Corresponsal infiltrado en Ferrol: avances na participación cidadá do concello veciño

Pode que os lectores cun arraigado sentimento "naronista" se sintan traizoados pola nosa decisión de asistir o pasado mércores  22 de xullo á asemblea aberta sobre participación cidadá que tiña lugar en Ferrol, no Torrente Ballester, ás 20:00h. Máxime, sabendo que á mesma hora tiña lugar en Narón outra asemblea sobre participación. A motivación que nos levou a facelo é que, aparte de que a asemblea de Narón estaría só enfocada nas subvencións destinadas a asociacións, recibiramos informes sobre que o proceso participativo en Ferrol estaba máis avanzado que en Narón, e queriamos contrastalo.

Á reunión asistiron tanto o alcalde Jorge Suárez, coma os concelleiros de participación, Álvaro Montes, e da zona rural, Rosa Méndez. Tras unha breve presentación por parte dos tres, explicando as intencións de reiniciar o proceso participativo tras a parada que producida durante o anterior goberno, incluíndo a posibilidade de elaborar uns orzamentos participativos, e amosando disposición de diálogo con todas as asociacións, se cedeu a palabra ós asistentes. Das intervencións destes, fomos quen de extraer información do máis interesante, que resumimos a continuación:

  • No regulamento de participación cidadá de Ferrol, os cidadáns a título individual tamén teñen representación nos órganos de participación cidadá: para aqueles que o descoñezan, o Regulamento de Participación Cidadá de Narón so recolle a posibilidade de que as entidades inscritas no Rexistro de Entidades Cidadáns de Narón teñan un lugar nos órganos de participación cidadá (Consellos Sectoriais, Consellos Territoriais e Consello de Participación Cidadá). Os cidadáns que non estéan asociados non poderán participar en tales órganos.
    No seu momento, dende os Consellos Territoriais se elaborara unha proposta de modificación do noso regulamento que incluía este feito, ademáis de outras enmendas, pero foi desbotada polo goberno municipal.
    Tanto o feito de entrar en comparacións entre o regulamento de Ferrol e o de Narón, coma a historia pasada do proceso participativo en Narón darían para encher sendos artigos, así que reservamos o material do que dispoñemos a tal efecto.
  • En Ferrol xa se puxera en práctica a elaboración de orzamentos participativos: no noso Concello, o concepto de "orzamentos participativos" pertence ó ámbito xa non experimental, senón de ficción. De feito, na época na que os órganos de participación funcionaron, ante a proposta de facer algo así, o entón Concelleiro de Facenda tivo a ben respostar que os veciños non estaban capacitados para tomar decisións nese ámbito. Sen embargo, tal e como recolle a noticia Os Orzamentos Participativos 2010 investiránse nos barrios de Ferrol Vello, Canido, Esmelle e Covas , no ano 2010 os veciños decidiron en conxunto en qué empregar a partida de 1.650.000€ destinada a orzamentos participativos.
    De feito, algunas das intervencións das asociacións e veciños asistentes foron a prol de demandar que se completase o plan que se puxera en marcha entón.
  • As diferencias entre urbano-rural e "barrio grande"-"barrio pequeno" están tamén presentes: a pesar de levar vantaxe na aplicación da participación, segue a estar presente esa gran facilidade coa que se deixan ó marxe as zonas do rural respecto ás do urbán. O urbán ten a vantaxe de que máis da metade das actividades son promovidas polo Concello, mentres que no rural son as entidades as encargadas de facer todo o traballo.
    Respecto ós barrios, queda de manifesto que un regulamento de participación non pode plantexar medidas exclusivamente en función da poboación destes, senón tamén do nivel de servizos e de desenrolo. E tampouco deixalo da man de promesas políticas clientelares. Do contrario, moitos barrios quedarían completamente abandonados, tanto pola baixo número de habitantes como polo mínimo peso do voto dos seus veciños no resultado das eleccións. 
  • O sistema de subvencións "típico" é rexeitado polas entidades: con "típico" referímonos á preminencia de gasto en convenios de colaboración e subvencións nominativas, e á forma de pago das subvencións de concurrencia competitiva. As entidades prefiren que se faga unha partida única para subvencións de concurrencia na que se presenten os proxectos para os que se precisa subvención municipal. Respecto á forma de abono, algunha das entidades, facendo referencia á Ley 9/2007, de 13 de junio, de subvenciones de Galicia, indicaron que no seu artigo 31 se garante a posibilidade de facer abonos a conta ou anticipados da cantidade subvencionada cando veña xustificado pola natureza do proxecto. Por certo, en canto a este punto, nos consta que tamén é algo que foi demandado polas entidades de Narón na reunión que se mantiña nese mesmo momento no Alto do Castiñeiro.
  • Debe garantirse o funcionamento da participación independentemente do partido no goberno ou da celebración dunhas eleccións municipais:  como xa comentamos, a participación paralizouse no anterior mandato en Ferrol, e unha das cousas demandadas polas entidades eran garantías normativas que impedisen este feito. Un bo regulamento debe proporcionar vías de reclamación cando o goberno municipal se nega a convocar os órganos de participación con una periodicidade mínima que permita o funcionamento correcto dos mesmos.
    No caso do Concello de Narón, o regulamento di que os distintos órganos se reunirán como mínimo unha vez ó semestre, pero é algo que non se cumple dende hai moito tempo. ¿Qué posibilidades teñen as entidades e veciños de reclamar sobre este feito? ¿Recurso vía contencioso-administrativa? ¿Valedor do pobo?
  • As decisións tomadas nos órganos de participación deben ser vinculantes: algo no que insistiron todas as entidades foi neste feito. E non se trata de que estes órganos teñan tanto poder de decisión coma o Pleno, ou os órganos de goberno municipais, senón que os asuntos que aproban sexan tratados dentro da Comisión pertinente, ou se lles dea a mesma consideración que ás mocións que poden presentar os distintos grupos políticos. É dicir, que o seu destino sexa o ser debatidos en Pleno, e se lle poida dar turno de palabra ós implicados no proceso participativo.
Agardamos que a estas alturas o lector máis "naronista" non so nos teña desculpado o desliz, senon que ata o vise convinte, polo interesante dos datos recabados coma infiltrados nesta reunión. Conste que o de "infiltrado" so vai en ton humorístico, xa que ainda que o noso reporteiro desvelou a súa procedencia, se atenderon as súas preguntas e suxerencias con amabilidade e interese, tanto entidades coma os membros do goberno municipal. De feito a nosa aportación foi que, aproveitando que o Concello de Ferrol non ten todavía aprobado un protocolo de emerxencias, estuden a posibilidade de darlle nel un rol ós órganos de participación cidadá. Cremos que sería unha boa medida, xa que durante a asemblea algunhas das entidades se queixaron de problemas de comunicación co Concello durante os días que durou a crise da auga. Isto non só integraría máis a participación no funcionamento do Concello, tamén lle daría máis relevancia a esas estructuras de participación, e se aproveitaría a súa proximidade coa veciñanza para coordinala en tales situacións.


Fontes:

Ler máis »