sábado, 9 de xullo de 2016

Análise da semana do 27 de xuño ao 3 de xullo: o pleno, e máis cousas


Narón

Pleno

Evidentemente, o asunto estrela desta semana é o pleno que tivo lugar o xoves 30 de xuño, e xa en horario de verán -10:00h-. Sobre deste asunto, Ferrol360 publica na noticia Narón aproba, de xeito inicial, o Regulamento de cesión de uso de locais e dependencias municipais o contido da nota de prensa enviada polo Concello, mentres que en Galicia Ártabra fan unha análise un pouco máis detallada na noticia Pleno de Narón. Nueva tasa, no a la ayuda a iglesias Sedes y regulamiento de locales municipales Antes de nada, temos que aclarar que erramos en pensar que EU presentaría a moción sobre os desafiuzamentos neste pleno. No seu lugar, e polo que parece, presentaron co PSdeG-PSOE unha moción relativa ao proxecto experimental de escola rural en Sedes que tal e como comentan as citadas noticias, foi aprobado.


Foto: Galícia Ártabra

Así pois, tras a lectura do acontecido, vemos que a cuestión fundamental neste pleno -e sen dúbida a que terá maior incidencia sobre a xente de Narón e os seus petos- é a correspondente aos puntos 3 e 6 da orde do día nos que, respectivamente, se falaba do compromiso de Narón en relación cos custos de explotación dos interceptores xerais do saneamento, e a incidencia destes compromisos económicos nas taxas de auga e saneamento reguladas na ordenanza nº 8. Para quen non estea ao tanto, a cuestión ten que ver co Convenio para la ejecución y explotación de la obra del interceptor general de la margen derecha de la ría de Ferrol: Tramo Cadaval-Neda" asinado entre ACUAES, a Xunta e o Concello de Narón o 26 de marzo de 2015. Este convenio acordaba as normas para o financiamento e construcción dos citados interceptores, e a súa explotación. De xeito resumido, a Narón tocáballe poñer sobre 1,5M€ para a obra dun total de 7,3M€. Quitando 4,2M€ aportados polos fondos FEDER europeos, e 0,84M€ da Xunta, o resto tería que devolvelo Narón ao longo de 45 anos, xunto cos custos de explotación da citada infraestructura. E aínda se está á espera de saber se a parte que será executada este ano será financiada por unha prórroga solicitada aos FEDER, ou terá que ir tamén por conta de Narón.
A cuestión non foi aprobada sen máis, senón que foi levada a un Pleno Extraordinario que tivo lugar o 13 de febreiro de 2015, na que foi aprobada polos votos a favor de TEGA, PP e CxG, abstención de PSdeG-PSOE e en contra do BNG. Os argumentos esgrimidos por este último partido eran que, sendo unha infraestructura de interese estatal, non debería correr por conta do Concello, senón do Estado. Como nota divertida a todo este proceso, convidamos a quen nos lea a botar unha ollada á noticia Narón rechaza las condiciones de financiación del saneamiento de la ría, onde o Concello amosa unha postura mediáticamente combativa respecto a un convenio que finalmente remata acatando. Un "moito ruido e poucas noces" sobre a sempre recurrida defensa dos intereses da xente de Narón no que polo menos o BNG se mantén coherente (El BNG de Narón reitera que tenía razón al votar en contra del convenio de saneamiento).
Pois ben, a cuestión presentada a Pleno era cómo satisfacer para este ano a débeda con ACUAES. E o que se aprobou ven resumido nas noticias A taxa de depuración por un recibo doméstico de ata 30 metros cúbicos de cota de consumo terá un custe de 76,29 euros ao ano, e Narón comenzará a aplicar la tasa de saneamiento a partir de octubre. Sobre os prezos, cada persoa terá que facer as súas contas, pero a suba resulta máis que notable. Respecto á forma de cargarlle este morto á cidadanía, queremos facer varias apreciacións:
  • Segundo as novas, o alcalde tivo a cara de dicir «Trátase dun custe que sabiamos que había que asumir». Cremos que debería ir co seu equipo de goberno a explicar polos barrios esta cuestión, para escoitar de primeira man canta previsión tiña a veciñanza sobre este gasto. Pero non terán o valor de facelo.
    Por outra banda, e contando con esa previsión, tampouco sacaron partido das convocatorias dos Consellos Territoriais de participación cidadá para expoñer a cuestión coa fin de que a cidadanía expresase a súa opinión respecto á forma de recadar os cartos para saldar a débeda contraída coa sinatura do convenio.
  • Respecto á forma de recadar eses cartos:
    • ¿Por qué fixan o mínimo en 30 metros cúbicos? ¿Qué porcentaxe de usuarios supera esa cantidade? Sería preciso comprobalo para ver se o listón está moi alto, e resulta que quen menos consume se ve gravado excesivamente. Polo menos, en cuestión de consumo de auga, ENE xa fixo públicas as súas reservas sobre os prezos da auga en tales situacións. Para poder sabelo, sería necesario que se publicase nun lugar como o Portal de Transparencia un informe anual de COSMA que dese información sobre estas cuestións, algo que actualmente non existe, ou non demos atopado.
    • “A maior tramo de consumo, maior será tamén o importe da citada taxa, como corresponde”, indicaba tamén o alcalde. Pero descoñecemos se se refire á parte da taxa correspondente ao pago da obra, á que corresponde ao seu mantemento, ou ás dúas. Dado que a obra é algo común a tódolos usuarios, a cota a aportar pola súa construcción debería ser a mesma en tódolos casos. Sendo así, e dado que a obra beneficiará a usuarios actuais e futuros, debería correr por conta das arcas municipáis, e non por conta das aportacións na factura dos usuarios actuáis. ¿Terán eles más dereitos sobre a obra que os futuros usuarios? ¿Haberá vantaxes para os usuarios que paguen durante 45 anos, sobre os que paguen durante 20? 
Realmente, o que debería ter sido é que, como obra de interese estatal, fose financiada polos presupostos xerais do Estado. Respecto a isto, tamén podemos facer outra reseña "divertida": segundo a nova de Galicia Ártabra que referiamos arriba, "El portavoz de los populares, López Balado, señaló en el pleno que no estaba de acuerdo con la propuesta del grupo de gobierno porque supone cargar directamente todos los gastos a los vecinos sin que el ayuntamiento ponga ni un solo euro, para ejecutar una obra que tampoco está haciendo el gobierno local". A verdade é que nos costa conxugar estas declaracións, co feito de que fose o Partido Popular -tanto dende o Concello coma dende as administracións autonómica e estatal- quenes impulsaron a sinatura do Convenio que é o motivo polo que a cidadanía de Narón ten que cargar con este custo.

Para finalizar este punto, faremos mención á Posición de EU Narón sobre a taxa da auga e o saneamento que publicaron despóis do Pleno. Respecto a ésta, queremos pararnos na seguinte afirmación: “EU Narón vaise abster neste punto por responsabilidade, porque sabemos que cando se da un servizo este ten un custo, e non tivemos nin tempo nin medios para facer un estudo de ata que punto estes custos están xustificados". Cremos que é necesario invocar á responsabilidade cando o voto é decisivo sobre unha cuestión. E sabendo o resultado que ven da Xunta de Portavoces -que descoñecemos, pero cremos que viría co respaldo do tripartito ao completo- un podería votar en contra coa conciencia tranquila. Máxime, sabendo que non é unha cuestión urxente, xa que ata Outubro non entraría en vigor.

Por certo, segundo o anuncio no BOP, o acordo de modificación da ordenanza nº 8 estará exposto no Concello durante 30 días -ata o 5 de agosto- para quen quixese presentar reclamacións ao respecto.


Cambiando de punto, imos á moción presentada polo PP, que no seu título so facía mención a condenar os ataques ás igrexas de Sedes, pero que traía algo máis de cola. Tanto é así, que titulares como La izquierda naronesa rechaza una moción del PP sobre los ataques a iglesias de Sedes poderían levar a un a engano se non se le o contido da noticia. Isto débese a que a moción realmente demandaba «condenar los hechos ocurridos en Sedes, instar al concello a promover los valores incluidos en la Constitución Española de cara a la libertad de culto, y dotar una partida presupuestaria para contribuir en caso de ser necesario a reparar los daños». Se ben os dous primeiros termos son asumibles sen apenas disertación, o terceiro non o é, xa que se trata de bens privados pertencentes á Igrexa. E xa que falamos da Constitución, sería preciso facer mención ó seu artigo 16.3, no que declara ao Estado como aconfesional. E o citado punto excede as relacións de cooperación que se mencionan no mesmo. De feito, de ser aprobado algo así, calquera persoa ou colectivo que sufrisen un ataque vandálico ou un incendio sentiríanse con dereito a reclamar un trato semellante.
Máis ou menos nesta liña vai a noticia EU Narón contesta a Moción do PP de Narón sobre os actos de vandalismo contra dúas igrexas en Sedes, na que ademáis fan referencia a unha abordaxe desta cuestión na que parece que se pretenda obter beneficio político. Sorprende ver cómo ENE se abstén en cuestións deste tipo, xa que non se trata dun tema tanto ideolóxico, como de ecuanimidade. ¿Cuestión de estratexia, para evitar ser sinalado por uns ou outros?


E deixamos para o final o primeiro punto, ou mellor dito, a visión do Pleno do PSdeG-PSOE: Narón da luz verde ao regulamento de cesión de uso de locais e dependencias municipais é un artigo publicado na súa páxina web no que se fai un resume do pleno. E sempre resulta de agradecer que os partidos dean máis información que a contida nas notas de prensa oficiais.
  • Respecto á cuestión do regulamento, reprochan a ENE que  “pretenda dicirlle aos técnicos como redactar os regulamentos” e lembra que os grupos deben centrarse en aportar ideas que melloren o documento e non na súa redacción. En todo caso, incidiu a edil, “os que terían que opinar serían os representantes das asociacións, que son a quen lle vai influír”. Neste punto -e correndo o risco de opinar sen coñecer a intervención completa de ENE- temos que discrepar: os representantes municipais teñen todo o dereito a dar a súa opinión, incluíndo o resultado do traballo dos técnicos. Dubidamos moito que as "regras" aludidas estean contidas na lexislación que regula a actividade dos concelleiros.  Por desgraza, parece que a base de repetición se pretende facer que a xente rexeite criticar o traballo dos funcionarios. Funcionarios que, como calquera ser humano, non é perfecto, pode equivocarse, e probablemente dentro dun ano saiba facer mellor o seu traballo que agora, e grazas a todo tipo de aportacións que poda recibir ao respecto.
    Sobre o documento, a nosa queixa non será formal, senón conceptual: exite un borrador que hai uns anos foi elaborado no seno dos Consellos de participación cidadá. Pero parece que este modelo de participación, en lugar de respectar as aportacións da cidadanía, se dedica a desbotalas sistemáticamente. Se logo se preguntan por qué a xente non asiste aos Consellos Territoriais, ou non aporta aos borradores que fan os técnicos, aquí poden ter un motivo.
    Por certo, unha cousa máis: o regulamento afectará non so ás asociacións, senón tamén á cidadanía en xeral. Sen embargo non se lles está a dar unha canle para opinar ao respecto, porque todavía non teñen voz nin voto en materia de participación, se non é a través dunha entidade asociativa.
  • En canto ao pago da débeda establecida coa construcción dos interceptores, parece que o mantra que repiten quenes votaron a favor é o de "hai que pagar a obra". Evidentemente: pero ten tanta importancia o xeito do que se paga a débeda. Máis arriba explicámolo con máis detalle, pero o fundamental é que non debería cargarse o custo so aos usuarios do saneamento, pois é unha obra que beneficia a todo o Concello. Máis aínda: recoñecendo que se trata dunha obra que debería pagar o Estado por ser de "interese xeral", o abono dende o Concello debería seguir o mesmo modelo: facelo dende os orzamentos, e non cargando sobre os consumidores.

Varios

O alcalde e edís da corporación recibiron no concello á nova directiva da AVV do Couto. Segundo a nova, na reunión abordaron "varios asuntos de interese da citada parroquia naronesa". Curiosamente, e sendo de interese para a veciñanza do Couto, nin se cita cales, nin a qué conclusións se chegaron. Por desgraza, trátase da dinámica habitual.


ENE informa nun artigo que andamos A voltas co contrato eléctrico tamén en Narón. Para quenes non estean ao tanto do tema -sería ben raro, xa que é un tema candente no veciño Concello de Ferrol-, poden botar unha ollada a esta Intervención da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos e pola Remunicipalización no pleno de Ferrol pedindo o desestimento do Contrato Eléctrico e a investigación da actuación do bufete asesor Lama&Asociados - Vídeo e Texto, onde se pode ver cómo unha plataforma cidadá, advertida de que o contrato eléctrico pendente de asinar e que fora redactado polo anterior goberno é ilegal, está a mobilizarse para conseguir que o actual goberno non o asine.
Pois ben, parece que en Narón tamén está a haber presións das eléctricas para asinar un contrato de suministro e mantemento unificado, cando no caso de Ferrol se indica que é unha das irregularidades. Tamén se comenta que se estaba plantexando mancomunar este servizo.
Respecto ao resto do artigo, está bastante difuso, xa que enlaza con unha cuestión posta de manifesto no Pleno do 28 de abril de 2016, no que se abordou a cuestión do "recoñecemento extraxudicial de créditos". Un tema que explica moi ben o artigo Pagos extrajudiciales, ¿y eso qué es?, e que supón resumidamente, aceptar facturas correspondentes ao período anterior que non tiñan crédito asignado no orzamento sen ter que chegar aos xulgados. Pero non so iso: a situación viña "complicada" porque había un informe de Intervención (PRE10I02Y do 18/04/2016) en contra de certas prácticas relacionadas con tales facturas. Por desgraza, tampouco atopamos este informe de Intervención no portal de transparencia, e lamentamos que non haxa ningún grupo político que estea a demandar a publicación desta información nel. Tampouco descartamos solicitalo, xa que a pouco que buscamos, atopamos casos de administracións que non teñen reparo algún en publicar tales informes, como é o caso do Concello de Pozuelo de Alarcón. Unha mostra máis da indixencia en materia de transparencia na que vivimos en Narón.


E a seguinte non se trata dunha noticia de Narón, pero sí está directamente relacionada co noso concello. Resulta que en Madrid, Carmena baja el IBI entre un 20% y un 40% en 22 barrios del sur de Madrid. Non se equivoquen: non se trata de facer apoloxía da alcaldesa de Madrid, senón de facer un sinxelo paralelismo entre ese concello e o noso respecto ao sempre controvertido tema do IBI:

MadridNarón
A raíz dun estudo realizado entre o Concello de Madrid en colaboración con Catastro, conclúen que en Madrid os valores catastrais rondan -de media- o 55% do prezo de mercado.

Actualmente, considéranse como "normais" os valores catastrais que rondan o 50% do valor de mercado.
No pleno de 30 de abril de 2015 o Concello de Narón aproba solicitar a Facenda a rebaixa dos valores catastrais urbáns. Tras varios meses de silencio, un artigo pola nosa parte (Analizamos o misterio do IBI en Narón, no que indicamos entre outras cousas unha caída dos prezos do mercado de máis dun 30% dende 2008), e indagacións por parte dos grupos da oposición, sae á luz que a petición fora "traspapelada". Despóis de posteriores contactos de ENE con Catastro, e numerosas insinuacións ao goberno municipal sobre que Facenda non era a porta á que había que chamar, chegan novas dunha reunión entre Catastro e o Concello de Narón. Desta reunión, se informa que os valores catastráis de Narón rondan -de media- o 56% do valor de mercado.
O Concello de Madrid en colaboración con Catastro decide realizar unha ponencia de valores parcial nos barrios onde se detectaron maiores variacións con respecto á valoración realizada en 2012, aplicando reduccións de entre o 20% e o 40%.Na citada reunión con Catastro, e segundo a versión do goberno municipal (tal e como se recolle nas noticias La Dirección Xeral do Catastro propondrá bajar el valor de los inmuebles de Narón en el 2017, e O Concello de Narón anuncia una próxima rebaixa do valor catastral dos inmobles, e na acta do Pleno de 28 de abril de 2016), é Catastro quen lles ofrece a aplicación dun coeficiente reductor de 0,92 (un 8%) para tódolos bens inmobles, e comentan que non lles recomenda unha nova ponencia de valores, según lles comenta Catastro, os valores entre o 40% e o 60% do prezo de mercado son "normais".

¿Non lle resulta a ninguén extraña a comparación? Narón tiña unha ponencia de valores aprobada en tempos máis próximos ao estoupido da burbulla inmobiliaria que Madrid (2008 vs 2012), e o mercado inmobiliario non deixou de caer dende entón. É certo que non se pode comparar os prezos de vivenda nun e noutro concello, pero porcentualmente, en Narón tiveron que experimentarse caídas, non só semellantes, senón maiores, no prezo de mercado, e dependentes do tipo de inmoble e a súa ubicación. ¿Como é que so corresponde unha baixada do 8% por "consello" de Catastro?
Sospeitamos que a decisión de Catastro non se fixo en base as súas propias conclusións sobre os prezos de mercado, senón tamén ás directrices marcadas polo Concello de Narón, e para evitar unha caída nos seus ingresos derivados deste tributo. Desgrazadamente, temos que deixalo en mera suposición, xa que non imos ter acceso a informe ningún que nos sirva para corroboralo, nin por parte do Concello de Narón, nin de Catastro. Bendita transparencia ...

Outra nova que tampouco é de Narón, pero que pode ser de interese no noso concello é a Moción sobre a Sanidade Pública no Concello de Oleiros, e que podería servirlle de modelo a algún dos grupos políticos do Concello. Nela se demanda o rexeite do peche de camas nos hospitais, o bloqueo das axendas dos centros de saúde en verán (ver Usuarios de los centros de salud denuncian "bloqueos" de citas por falta de personal), e a derogación da modificación do Artigo 135 da Constitución coa fin de antepoñer a saúde das persoas a excusas de tipo económico. 


Por outra banda, seguen os problemas para os Afectados pola Cooperativa de Pedroso, que están a reclamar ao seu administrador concursal as contas de 2015, sen éxito. Mentres dure o problema, nos seguiremos a facer difusión del.

 

E ainda que temos que lamentar que A Comisión Europea prorroga ‘in extremis’ o glifosato por só 18 meses, polo menos temos o pequeno consolo de que se prohibiu o seu uso en parques públicos, zonas de xogo infantil e xardíns. Algo que deberían anotar no Concello, xa que hai uns meses fomos testemuñas do uso de herbicidas nun parque da zona do Alto, e sabendo que é dos máis usados, hai grandes probabilidades de que fose Glifosato. Por certo, tamén deberían tomar nota que hai concellos -como o de Ponteareas- que se declararon "libres de Glifosato", e que se poden ver neste mapa. Para aqueles grupos políticos interesados, neste artigo da Asociación Galega de Apicultura poderán encontrar un modelo de moción a presentar: A plataforma Fumigacións Non lanza a campaña: #LibresdeGlifosato. Chuvia de mocións para paralizar o uso de Glifosato en espazos públicos. O malo é que esta moción só atinxe ao uso destes productos en espazos públicos, e por desgraza o seu uso agrícola tamén pode derivar na súa filtración cara os acuíferos, para pasar a acumularse nos organismos vivos que o inxiran.


Ferrolterra

Aparte do xa citado na sección de Narón, seguen en Ferrol os avances en materia de remunicipalización. Parece que o impulso cidadán está a conseguir sensibilizar ao goberno deste concello, xa que nesta noticia o seu alcalde Jorge Suárez asegura que non renuncia á remunicipalización do ciclo da auga. E todo grazas a bos argumentos como os que se atopan en artigos como Ferrol cara a remunicipalización, ... Por Alexandre Carrodeguas, un dos membros dunha Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización de Ferrol que está a facer unha estupenda labor. E isto é o que máis nos gusta: o poder cidadán!


En canto á novela negra que protagoniza Reganosa na Ría de Ferrol, temos un novo episodio. Neste caso, e debido á entrada dun gaseiro posterior á ilegalización da planta polo Tribunal Supremo, Declara nos Xulgados de Ferrol o director xeral de Reganosa por unha denuncia do Comité Cidadán de Emerxencia


Cousas que nos parecen interesantes, xa que supoñen a explotación e posta en valor do patrimonio da Comarca, que é moito, e moi desaproveitado: Rutas geológicas por las minas de Moeche en julio y agosto, e a repetición das Rutas turísticas en barco por la ría de Ares los fines de semana de verano


E rematamos no Concello de Mugardos, no que levan 15 días encerrados os empregados do GES, que viven na indefinición sobre a continuidade do servizo. Para chamar a atención sobre eses 15 días, protagonizaron esta Espectacular protesta del GES de Mugardos con descenso en rápel por la fachada del Concello. Segundo relata a noticia, síntense unha arma arroxadiza entre o actual goberno municipal -do PP en minoría- e o anterior goberno  -bipartito EU e BNG-, xa que actualmente, e por avances nesa guerra (La auditoría a las cuentas del bipartito mugardés saca a la luz más de media docena de «dedazos») atópanse nun abandono absoluto.  O máis importante e que, dende o seu punto de vista, cren que existe unha alternativa real que permita que o servizo sexa rendible, e permita pagar a débeda acumulada de 120.000€, cobrando as saídas que realizaban, cousa que non fixeron ata o momento.
Agardamos polo seu ben, o das súas familias, e da cidadanía de Mugardos, atenazada máis que de sobra pola ameaza de Reganosa e a Forestal do Atlántico.


Continuamos a semana que ven!
Ler máis »

xoves, 30 de xuño de 2016

Análise da semana: do 20 ao 26 de xuño

Narón

Desafiuzamentos

A nosa concelleira de servizos sociais, Catalina García, visitou o colexio de avogados para enterarse de como vai iso do convenio entre o Consello da Avogacía Galega e o Instituto Galego de Vivenda e Solo para implantar medidas destinadas a asesorar a persoas en risco de perder a súa vivienda. Ainda que o titular da nova reza que Personas en riesgo de perder su vivienda recibirán asesoramiento jurídico gratuito, o feito é que xa se estaba a ofrecer dende se aprobou tal convenio. Algo que, no exercicio do seu cargo debería ter máis que claro, e que debería estar sobradamente comunicado ao personal de servizos sociais. Por desgraza, non era así, e hai unhas semanas, unha persoa cun aviso de lanzamento que foi en busca de axuda, tan so recibiu a suxerencia de achegarse pola súa conta, e sen que a acompañase ninguén, a falar coa xuiz que instruía a causa, pois se trataba dunha "persoa moi comprensiva".

Foto: Ártabra 21
Dende o pasado mes de agosto de 2015, levaba perdida no rexistro unha petición da Rede de Apoio Mútuo de Ferrolterra e STOP Desafiuzamentos solicitando medidas claras e sinxelas para garantir mínimamente os dereitos das persoas en risco de ser desafiuzadas. Esta petición levaba axunta a solicitude de ser distribuída entre tódolos grupos políticos, cousa que non se fixo. Tivo que darse este caso en Narón para que un grupo político -EU Narón- recuperase esta petición e elaborase unha moción que se presentará no pleno deste xoves 30 de xuño, como recolle Ártabra 21 no seu artigo Esquerda Unida Narón presenta unha Moción para o Pleno deste mes coa intención de declarar "Narón cidade libre de desafiuzamentos" e polo dereito a unha vivenda digna e adecuada. O interesante desta moción non estará so no seu contido, senón na forma de reaccionar dos distintos grupos políticos frente a ela. Se ben, no caso de desafiuzamento citado arriba a alcaldía e TEGA se moveron para conseguir dar alternativa habitacional a esta familia e prorrogar o lanzamento ata entón, dada a súa forma de proceder habitual cremos que fuxirá de todo o que supoña facer un protocolo xenérico que permita a calquera persoa obter o mesmo trato e facilidades dende a administración, e seguirá ofrecendo a porta de atrás e o silencio mediático para estes casos, tanto para deber favores, como para evitar romper a imaxe idílica de Narón que circula pola prensa da man das notas elaboradas dende a administración local. E supoñemos idem para o resto de grupos do goberno: no caso do PSdeG-PSOE, tería unha opción nesta moción para redimirse fronte á súa deixadez xeral, e particular no citado caso. Pero dado que no último, a súa principal preocupación era a "mala prensa" que suporía esta cuestión, non temos moitas esperanzas.
No caso dos grupos da oposición, tememos que o PP saia por peteneras, non vote a favor ou se absteña, e se adique a facer un discurso guarístico, onde mediante uso e abuso aritmético argumenten canto teñen feito dende outras administracións, e por qué non consideran necesario mollarse nesta cuestión.

Ven a conto desta cuestión un fragmento de texto que atopamos na páxina de Facebook do colectivo "Os Ninguéns" de Vigo, de A valedora do Pobo, sobre o patrimonio municipal baleiro, no que ésta manifesta a necesidade da xestión dende os concellos do parque de vivenda desocupada para satisfacer as necesidades da poboación e garantir o cumplimento do dereito constitucional á vivenda. Un tema que lles debería ser de especial interese aos partidos que se consideran eminentemente constitucionalistas, e que deberían selo para todo, e non so nas partes da Constitución que máis lles interesa ou convén.

Afectados polo afundimento da Cooperativa de Pedroso

O sábado 25 de xuño tivo lugar unha nova Protesta de afectados por la quiebra de la cooperativa de Pedroso. Titulares como «Aquí yacen mis ahorros», Los afectados de la cooperativa de Pedroso suman ya dos años sin poder acceder a sus ahorros, ou Dos años a la espera de recuperar los ahorros de toda una vida, relatan dun xeito pouco detallado o complexo dunha situación que está a ser un calvario para pequenos aforradores. Aforradores víctimas de descoñecemento da situación económica real da cooperativa, que foi encuberta polos reponsables da mesma. Víctimas de non coñeceren cales eran as súas obrigas de fiscalizar o funcionamento desa entidade para velar polos seus aforros. Víctimas dunha lexislación laxa nesta materia, que permite ás administracións desentenderse do problema, convertíndoo nunha cuestión "persoal" cos administradores da cooperativa. Persoas con problemas de saúde, persoas desempregadas, estudantes sen perspectivas de poder continuar os seus estudos.

Foto - La Voz de Galicia - José Pardo
Lamentablemente, esta situación tamén permite radiografiar a sociedade, obtendo unha imaxe desagradable: atópanse sos, sen apoio da súa veciñanza, nin das asociacións veciñais da zona. Parte dos acreedores dos créditos asinados coa cooperativa néganse dende hai un tempo a pagar, complicando ainda máis a posibilidade de que os depositantes recuperen os seus aforros. Na concentración dese sábado, non habería máis de 30 persoas.

Descoñecemos tamén calquera tipo de movemento dende a administración local para analizar a situación das persoas afectadas e ofrecerlles axudas en función da súa situación, coma exencións tributarias, becas, axudas de transporte, etc...
Coma sempre, e tratándose de veciños en apuros, tentaremos brindarlles o maior apoio posible á súa causa, e convidámolos a ir redactando de xeito pormenorizado a historia deste pesadelo para sensibilizar á cidadanía de Narón respecto á súa historia.


Escolas infantís

Levamos tempo ao tanto da falta de prazas en escolas infantís en Narón. De feito, no pleno do pasado 26 de maio, o BNG presentaba unha moción para instar á Xunta de Galicia a que constrúa unha nova escola infantil en Narón (Ferrol360 - El BNG pide una nueva escuela infantil para Narón). Nesa moción, aparte de solicitar que as escolas que están actualmente baixo a xestión municipal entren á estar xestionadas pola Xunta, solicitaban a construcción dunha nova no entorno do Polígono do Río do Pozo. Nas intervencións respecto a esta moción, ENE sinalaba -e cremos que de xeito acertado- que un polígono industrial non é o entorno máis apropiado para instalar unha escola infantil. A pesares disto, parece que seguen na súa teima, e veñen de facer movementos coa Asociación de Empresarios de Ferrolterra para solicitar a creación dunha escola infantil no Polígono do Río do Pozo (La Voz de Galicia - Los empresarios estudian solicitar ayudas de la Xunta para la guardería en Río do Pozo).

O curioso é que dende hai ben pouco dende o Concello se ven gabando á Escola Rural de Sedes, e ata PSdeG-PSOE e EU estaban a preparar unha Moción conjunta en Narón para solventar la carencia de plazas de escuela infantil en el rural, e que parte das demandas da veciñanza de Sedes. ¿Por qué se deixa a un lado este proxecto, que foi levado ante o Parlamento de Galicia por AGE e PSdeG-PSOE, e se insiste nunha ubicación tan pouco apropiada? Parece que cada unha das partes do tripartito estea a moverse sen ter en conta o que fan os seus socios de goberno. Por outra banda, sorprende que non se escoite as opinións dos proxenitores antes que a da asociación de empresarios. Sobre todo se se esgrime como principal interese a conciliación. Descoñecemos cal pode ser a vantaxe de que se impulse a solicitude de construcción da escola dende a Asociación de Empresarios de Ferrolterra. De feito, en caso de que evolucione positivamente esta petición, cumprirá analizar quen ostenta a propiedade do terreo onde se construiría a escola, por se existise algún interese económico nesta cuestión.

Por certo, volvendo á cuestión da Escola Rural de Sedes, atopamos en prensa que O PP felicita á Consellería de Política Social por dotar dun servicio de conciliación en Sedes, tras desbotar a proposta realizada pola veciñanza de ter unha escola de 0 a 6 anos. É coma quen precisa unha cadeira de rodas, pero lle dan unha muleta argumentando que xa se invertiu moito en xente que precisa cadeiras de rodas. Postos a argumentar, deberían aportar os motivos reais polos que se desbota o proxecto, xa que voltando de novo ás cifras, as prazas son necesarias en Narón. Nos estivemos a buscar algo máis, e atopamos tanto o texto da proposta [PDF - REUNIÓN DA COMISIÓN 4.ª, EDUCACIÓN E CULTURA - 16/06/2016 - 10:30] (ver páxina 13), como o vídeo [Comisión 4ª Educación e Cultura. do día 16/06/2016 ás 10:30 horas] da sesión da comisión parlamentaria de Cultura na que se debatía esta cuestión, e que sí aporta máis información: de xeito resumido, a proposta -que afirma o concelleiro e parlamentario Hipólito Fariñas que se estudará- non entra dentro das opcións que ofrece o modelo educativo que ofrece o actual goberno galego, e como vai de maravilla, se apostará por outras opcións que se consideren máis axeitadas, como o do servizo de conciliación concedido. Unha resposta que non vai moi en consonancia con un modelo político aberto e participativo, e que pecha a porta a iniciativas como a citada, que aportan solucións dende e para a cidadanía.

Máis sobre Sedes: a obra da casa reitoral

O alcalde, o edil de obras e a edil de cultura visitaron obra casa reitoral Sedes, e afirman que La parroquia de Pedroso dispondrá este mismo año de local sociocultural. Tocará ver qué tal o resultado final, e cal é a percepción dos seus usuarios. Lembramos que houbera controversia co proxecto, xa que parte da veciñanza non se achaba conforme co mesmo, tanto en tema de distribución, como dotación e unha estética que non respectaba a orixinal do edificio.

O Pleno do 30 de xuño

Xa mencionamos varias das cuestións que se presentarán a Pleno este xoves 30 de xuño [PDF - Orde do día]. Mencionaremos un par delas que nos quedan por sinalar:

Eliximos pide una unidad de desarrollo infantil y apoyo familiar mediante unha moción na que se solicitará ao Concello que concorra ás subvencións ofrecidas pola Xunta de Galicia para crear 12 novas unidades de atención temperá en Galicia, e que teñen por fin dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos de desenvolvemento ou con riscos de padecelo (Asociación Galega de Atención Temperá - O presidente da Xunta avanza unha orde de axudas pioneira, dotada con 2,25 millóns de euros, para proporcionar máis recursos á Rede Galega de Atención Temperá). Se ben a idea sería moi beneficiosa para a cidadanía, sería preciso estudar a futuro cómo se sosterán estas unidades. Inicialmente, o orzamento daría para unha media de 180.000€ para cada unidade nova. E polo que parece, os servizos serían de titularidade municipal, así que non sabemos qué servizo se pode dar con esa suma -máis o que aporte cada Concello- nun ano, nin se existe compromiso para soster esta aportación económica no tempo. Lembramos que estamos en período pre-electoral autonómico, e que hai que ter moito ollo con estas medidas.
Tamén abre novas posibilidades, xa que de ser ben recibida a proposta, podería aproveitarse a redacción do proxecto do novo Centro de Saúde para reservar un área do mesmo para este servizo.

Por outra banda, o PP presentará unha moción para condenar os ataques ás igrexas parroquiais de Sedes. Agrádanos ver unha moción tal, xa que se trata dunha moción de condena de violencia, e posicionamento respecto á mesma. Unha petición que a efectos prácticos non amañará nada, pero que servirá para que se definan políticamente, do mesmo xeito que outras presentadas por outros grupos políticos respecto a outro tipo de violencias -persoas represaliadas durante a ditadura, persoas refuxiadas, inmigrantes, etc...-. Evidentemente, un grupo político non debería ter actividade exclusiva neste campo, xa que as administracións requiren eminentemente accións prácticas. Pero concordarán con nos en que se non presentan esta moción, tal vez parte do seu electorado se sentise doído, do mesmo xeito que ocorre co electorado doutros grupos cando presentan cuestións semellantes, e iso tamén pode afectar aos seus resultados electorais.

Respecto a estes actos vandálicos, non volvemos a ter máis novas sobre as conclusións das investigacións, pero sí lembramos que houbo medios que tentaron agrandar a cuestión dándolle connotacións de "atentado terrorista", suxerindo a intención de transformalo en rédito político. Afortunadamente, ata no obispado puidemos atopar mostras de cordura nas que se sinalaba o acto como vandálico, evitando entrar suposicións.

Contratación

Esta semana tamén foi publicado o anuncio de licitación para a adxudicación por procedemento aberto do servizo denominado traballos de xestión da aula Cemit e impartición de accións formativas na zona rural. Un servizo cun valor estimado de contrato de algo máis de 150.000€. O anuncio foi publicado no BOP do 23 de xuño [PDF - Anuncio BOP], e as bases poden consultarse na seguinte URL: http://www.concellodenaron.com/web/cat/gal/concello/perfil-del-contratante/get/idC/140 . O prazo para presentar ofertas remata o vindeiro 8 de xullo. Polo que puidemos observar, este contrato non contén ningunha cláusula de tipo social, e o 80% da puntuación depende directamente da oferta económica.


A Comarca

Tras cinco anos de malos resultados, a Xunta deu por perdidos os areais de Caranza e a Cabana, desvelando o mal estado da ría. Neste panorama, e segundo anuncian na prensa, Ferrol hará análisis del agua de Caranza y A Cabana al margen de la Xunta. O que nos parece curioso -polo menos non trascendeu nos medios- é que este feito non afecte tamén á actividade pesqueira e marisqueira nesas zonas. As administracións levan moitos máis anos que 5 desentendéndose do estado da ría, e máis que aportar medidas para a súa recuperación, agravan a situación. Unha situación desgrazadamente común en Galicia, tal e como relata o artigo 33 praias galegas nas que (non) te deberías bañar este verán


Ferrol toma de novo a dianteira a Narón en cuestión de participación cidadá: anunciaban o pasado 22 de xuño que publicaran as actas de tódalas reunións de participación realizadas nos distintos barrios. En Narón seguimos pendentes de que se publiquen tódalas actas, e nos consta que tan so se entregou a cada asociación a acta do Consello Territorial no que participou, e non o resto: http://www.ferrol.es/decide/asembleas.aspx



Publican o vídeo do xuizo dun afectado polo IRPH en Ferrol, que pode servir de referencia para outras persoas afectadas e os seus avogados:


A conto desta cuestión ven este artigo do Diario de Ferrol no que se afirma que Cientos de personas en la comarca aún desconocen las cláusulas de sus hipotecas

Cambiando de tema, Seitura 22 presenta su candidatura para optar a los fondos Leader. Por desgraza, a noticia tan so informa que se optan a 5.000.000€ dos fondos LEADER, pero non da detalles do proxecto. Afortunadamente, Seitura22 está a lucirse en materia de transparencia, e publica de xeito rigoroso toda a documentación da súa actividade na sección de descargas da súa páxina web: http://seitura.blogspot.com.es/p/descargas.html. Non tivemos máis tempo que de botar un vistazo rápido ao documento da Estratexia de Desenvolvemento Local, pero en cuestión participativa pinta moitísimo mellor que a candidatura presentada de xeito conxunto por Ferrol e Narón ao Urban. Por certo, ¿sabe alguén en qué quedou ese tema? Nos aínda non temos novas ao respecto...

Medioambiente

Pechamos esta análise cunha nova interesante dende o punto de vista do aproveitamento da nosa riqueza e potencial a nivel agrícola. O artigo Chícharo bágoa, o caviar que nace da terra fala dunha variedade de chícharo que polo seu valor gastronómico, os esixentes coidados que debe recibir para poder obter ese valor culinario e a escasa produción fan que o seu prezo sexa inusitadamente elevado: máis de 300 euros por quilo. Unha variedade apenas explotada en Galicia, da que existen sementes autóctonas, e que suporía outra opción de xerar riqueza.


Seguiremos informando a semana que ven
Ler máis »

xoves, 23 de xuño de 2016

Un novo formato: análise da semana do 13 ao 19 de xuño

Esta redacción está a adoecer de dúas inconveniencias: falta de máns para atender a cantidade de cuestións que -potencialmente- poden facerse, e falta de tempo.

É por este motivo que imos tentar os poucos que estamos, e co pouco tempo que contamos, a elaborar un novo formato que sexa abordable por nos, e útil para a xente que nos lea. Lamentablemente, teremos que resignarnos e deixar de ser altofalante de anuncio de eventos, e quedarnos símplemente na análise do sucedido ao longo dunha semana.



Neste caso, como xa foi cuberta nas redes sociais parte da semana, comezaremos dun xeito lixeiro, relatando aquelas cuestións interesantes que quedaran fora do tinteiro.

Narón

EU Narón alerta de que peligra a acollida veraniega de nenos saharauis por burocracia e fondos, indicando que o problema é que, ainda que a administración colabora económicamente, non adianta os cartos, senón que os entrega unha vez se xustifique con facturas. Queremos lembrar que a Lei de Subvencións de Galicia permite que se entreguen os cartos por adiantado. De feito, temos un exemplo no Concello de Narón, que asinaba na acta da Xunta de Goberno do 2 de xuño de 2016 o adianto do pago do convenio asinado co Club Escudería Siroco Narón para a realización do XXIX Rally de Narón. Anuncian que haberá persoas da Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS) -como promotores do programa Vacacións en Paz- recollendo doazóns da cidadanía interesada en colaborar. É unha pena que, dado que o que precisan é o adianto, aparte de que se solicite ás administracións que empreguen unha fórmula de subvención que permita a realización deste programa, non se ofreza como posibilidade á cidadanía que colabore con microcréditos, que serían devoltos unha vez pague a administración a subvención correspondente.

O Borrador do REGULAMENTO MUNICIPAL DE CESIÓN DE USO/UTILIZACIÓN DE LOCAIS E DEPENDENCIAS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE NARÓN irá a Pleno este 30 de xuño para debater a súa aprobación. O 8 de abril, a Escola de Participación Cidadá enviaba este regulamento ás entidades asociativas e daba un prazo de 15 días para aceptar enmendas a este texto. Lamentablemente, non se fixo unha reunión para explicar este regulamento, e debater sobre él. Tampouco se presentou á cidadanía en xeral, a pesares de que serán usuarios destes locais. Temos que dicir que este borrador non ten nada que ver co documento que presentaran hai uns anos as entidades asociativas, elaborado en conxunto nos Consellos Territoriais de Participación Cidadá. Se non se lle da lexitimidade ao proceso participativo, nin ás conclusións ás que chega a veciñanza, ¿de qué serve?

Outra cuestión que tamén irá a Pleno será o da escola infantil rural en Sedes. Nas noticias NARÓN- Gobierno y EU demandan un proxecto educativo integral da escola rural e EU Narón defende o proxecto educativo para escola rural presentado polos veciños de Sedes, e denuncia a actitude do PP que rexeita o proxecto e tenta esconder esta realidade detrás de declaracións de intencións baleiras
explícase como o PP votou en contra do proxecto dos veciños de Sedes que levara AGE ao Parlamento de Galicia, pois ofertaban un Punto de Atención Infantil para nenas e nenos de 0 a 3 anos, en lugar dunha escola infantil para 0 a 6 anos. Por este motivo, plantexarán unha moción para instar que a Xunta se comprometa cun proxecto de escolas infantís rurais que tería como proxecto piloto a escola de Sedes, e do que se faría cargo a Xunta por ter as competencias en educación.

Por outra banda, ENE remitiu á prensa unha nota baixo o título O problema do punto limpo como reflexo do Concello de Narón, no que sinala que o Concello de Narón usa estas noticias para chamar a atención en prensa, mentres que as cousas levan anos sen cambiar. Nos non vemos moi ben fiada a relación, ainda que sí temos claro que, salvo en festas e programación cultural, o noso Concello está sumido no inmobilismo.

A Comarca

Por desgraza, e como ven sendo habitual a estas alturas do ano El Sergas bloquea 46 de las 400 camas del Marcide por el verano. Unha acción contra a que se manifestaron traballadores, e a Plataforma SOS Sanidade Pública. Algo que ven explicado neste artigo con Información sobre a última reunión da Plataforma SOS Sanidade Pública, no que, aparte dos peches de camas, se da información sobre mobilizacións que plantexa esta plataforma, e cuestións perigosas como a tentativa da Xunta de inxerencia nos comités de ética.  En canto aos peches de camas, o feito de que estean baleiras é decisión de Xerencia, que pode axilizar as listas de espera -permitindo hospitalizar a máis xente-, ou mover a pacientes a planta en lugar de telos ateigando os pasillos. Sobre esta cuestión, seguimos sen ter pronunciamento algún dende o Concello de Narón, a pesares de que a cidadanía é usuaria deste centro hospitalario.

Seguindo co tema dos hospitais, atopamos unha Carta aberta a Jorge Suárez da CIG-Saúde Ferrol ante a diminución do servizo de buses ao CHUF, xa que polo que comentan na mesma, foron eliminados servizos nas horas de maior demanda. Algo de interese para a cidadanía de Narón, que tamén é usuaria do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Ainda así, para as persoas de Narón, o maior hándicap segue a ser a escasez ou ausencia de servizos de transporte público para poder achegarse ata as liñas de Ferrol que viaxan cara o Marcide, sobre todo no rural.

Segue a voltas o tema de Reganosa: mentres O Comité Cidadán de Emerxencia presenta unha denuncia no Xulgado ante a chegada dun gaseiro a Reganosa, cando supostamente, ao carecer das licenzas non debería poder operar, e dado que o Supremo volveu a fallar na súa contra desestimando o recurso presentado hai uns días. Pola súa parte, O presidente do TSXG aclara que a nova situación procesal de Reganosa depende das partes, ou mellor dito, de como actúen. Respecto a isto, e tras 15 anos de loita, temos moi claro que o Comité Cidadan de Emerxencia non se botará atrás para conseguir que se respecte a legalidade, e se deixe de poñer en risco as vidas das persoas que viven próximas á planta, e o medioambiente.

E tras un par de semanas de queixas polas redes sociais da cidadanía, sae á luz que O auga de Ferrol aumenta levemente os seus niveis de cloro pola suba das temperaturas. E as queixas non eran sen motivo xa que segundo comentan na nova, o aumento nos niveis foi levado a cabo o 6 de xuño. Resulta ridículo que despóis de todo o que ocorreu o ano pasado se siga sen informar á cidadanía de xeito preciso nestas cuestións, e non se publiquen aínda os resultados das análises da auga. Isto tamén é transparencia.

E seguindo con servizos públicos -ainda que privatizados-, hai Tranquilidad en el Concello de Ferrol ante la posible venta de Urbaser a un grupo chino. A nos, o que nos sorprende é a propia venda, xa que neste noso país, os negocios máis rendables son sen dúbida as concesións de realización de servizos públicos.

Tamén en canto a servizos públicos, unha boa noticia para as xentes de Ferrol: O Xulgado da-lle a razón ao Concello de Ferrol, ante un recurso de Socamex/Urbaser, a parte privada de EMAFESA, dando por bo o acordo plenario de suspensión da taxa de depuración, suspensión á que só se opuxera o Partido Popular. É dicir, que os tribunais consideran adecuado suspender o cobro dunha taxa que se estaba a impoñer sen que se estivese a realizar o servizo de depuración. Volvendo ao tema de Urbaser, ¿entenden a nosa sorpresa sobre esa posible venda? Outro motivo máis para considerar a remunicipalización como a forma máis axeitada de abordar os servizos básicos para a cidadanía.

La asociación A Cortiña lleva a San Sadurniño a uno de los mayores expertos en pastos de España, un acto ao que polo visto, asistiu o concelleiro de ENE Alfonso Casal, que publicaba no seu Facebook esta nota: https://www.facebook.com/Eliximos.Naron/posts/1029329273770617. Un evento que podería aportar ideas moi interesantes que facilitasen a explotación sostible dos nosos recursos no rural. Polo que puidemos saber, o Concello de San Sadurniño asinou un convenio de colaboración con A Cortiña para promocionar a agroecoloxía. Algo que non lle viría nada mal ao rural de Narón. Para máis información sobre esta asociación: Facebook - Asociación Agroecolóxica A Cortiña

E unha cuestión que está a supor un gran problema para a agricultura en toda a comarca: o xabarín. Mentres La Xunta expone a entidades de Ferrol sus ayudas para daños causados por jabalíes, o Concello de Cerdido solicita a realización de novas batidas disuasorias polos danos ocasionados polo xabarín, por considerar que os perxuizos ocasionados están a exceder os medios implicados nesta cuestión.
Dende o noso punto de vista, parece que hai interese en que cada vez sexa máis complicado ter un cachiño de terra para realizar producción de subsistencia, en lugar de ter que mercar todo ás grandes explotacións, sobre as que non se ten información sobre cómo se produce. Meter por medio os intereses dos cazadores e poñelos por riba do dereito da xente a aproveitar as súas terras é unha forma de facelo ocultando a verdadeira motivación.

En canto a medioambiente, atopamos este titular: La ría de Ferrol, premio a la contaminación en las ‘Banderas Negras’ de Ecologistas en Acción. O estudo Bandeiras Negras 2016 realizado por esta organización ecoloxista sinala a Ría de Ferrol como un entorno cun gran potencial, pero degradado por mor da contaminación, a falta de saneamento e os recheos que obstaculizan a circulación das augas. Tamén que, para máis inri, coméntase que o grupo Popular Europeo está a tapar os resultados de contaminación que constataran os eurodiputados que visitaran a zona en 2013.

E na zona de información independente, temos un novo artigo de La Boca de la Ría de Ferrol que leva por título ¿Yolanda que haces ahí ?... Y con el DIEGO CALVO.... Ayyyy, e que aporta unha visión interesante sobre o consorcio Sociedade Mixta de Turismo Ferrol S.A., o seu historial, orzamentos, gastos, personalidades relacionadas, e que plantexa dúbidas sobre a súa necesidade e a inversión feita nela.


Ler máis »

sábado, 28 de maio de 2016

O útil das actas da Mancomunidade, e a tomadura de pelo da devolución no recibo da auga pola crise dos trihalometanos


Saúdos, lectoras e lectores! Tal vez polas datas correspondese máis unha análise do primeiro ano de goberno do mandato 2015-2019, pero vai ser un exercicio que coste bastante máis esforzo que expoñer a presente cuestión.

Como saberán, dentro da inquedanza na procura de coñecemento sobre os qués, cómos e porqués da nosa administración local, a transparencia é unha das nosas cuestións máis demandadas. Unha das fontes de información máis valiosas soen ser as actas de sesión das administracións e os seus órganos. E entre elas, está a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, un ente local supramunicipal ao que está vinculado o Concello de Narón, xunto cos de AresCabanasCedeiraFeneFerrol, Mugardos, Neda e Valdoviño. Poden acceder aos estatutos que a rixen na seguinte ligazón: [Estatutos]. Neles se describe o obxectivo deste ente -que de xeito resumido é aproveitar as vantaxes económicas que supón a xestión conxunta de determinadas cuestións que de xeito individualizado sería máis custoso ou inviable- e o seu funcionamento. Tamén ven a conto lembrar que hai uns meses o noso alcalde -José Manuel Blanco- foi nomeado vicepresidente da Mancomunidade.

Volvendo ao tema das actas, nun xesto de transparencia que no seu momento agradecemos, e seguimos a agradecer, ao principio deste mandato a Xerencia da Mancomunidade engadiu unha sección na web onde publicar as actas das sesións desta entidade. Ainda así, ata hai uns días permanecían so publicadas as actas do ano 2015, algo que nos inquedaba, polo que volvemos a pedir a súa publicación. Haberá quen pense que este "pasatempo" -nos preferimos chamarlle compromiso cidadán- non ten máis resultado que quentarlle a cabeza a xente moi ocupada, pero neste caso deu algún froito interesante -realmente sempre os da, pois o saber é un, pero neste caso cremos que atraerá a atención da xente-.

Para poñernos en situación, compre lembrar a crise dos trihalometanos que tivo á cidadanía de varios concellos da comarca sen poder consumir auga potable dos seus grifos durante tres días no mes de xullo de 2015. Ainda que había voces da veciñanza que consideraban reclamable unha parte do recibo polo perxuizo causado, e que o Concello de Ferrol aplicara un desconto na tarifa por este motivo, en Narón non houbo movemento algún ao respecto ata que no Pleno do 29 de outubro de 2015 o PP presentaba unha moción solicitando que se realizase a citada devolución co seguinte texto:



MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR PARA QUE SE APLIQUE NA
FACTURA DE COSMA UN DESCONTO POLOS DÍAS NOS QUE O AUGA NON FOI
APTA PARA O CONSUMO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Debido á que se veu en chamar como “crise do auga” houbo uns días en que o consumo de auga foi restrinxido o conter valores superiores aos permitidos no nivel de Trihalometanos. O día en que se estableceu a restricción foi o 16 de xullo, que durou ata o 19. Coñeceuse posteriormente, tras a restrición, que os primeiros resultados anómalos databan de mostras tomadas o 29 de xuño. Se ben é certo que en Narón temos unha compañía de augas propia, Cosma, da que o alcalde é o seu presidente, o cal non informou de que se houbese detectado nada, o feito fundamental é que Ferrol é quen nola suministra en última instancia. Polo tanto, o caso é que os veciños viñeron pagando por un suministro que non puideron consumir por non reunir os requisitos mínimos.

PROPOSTA
1º.- Instar ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, onde ten maioría, descontos na facturación polos días en que os veciños recibiron auga non apta para o consumo.

2º.- Instar ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, do mesmo xeito, que se inicie un procedemento de reclamación contra o Concello de Ferrol, para que desconte tamen a parte proporcional onde o auga non foi apta para o consumo.

En Narón, a 23 de outubro de 2015
Asinado: Marcos López Balado -  Voceiro Municipal do Partido Popular


Lembraremos tamén que nesa ocasión, e tal e como indica a acta dese Pleno, a moción foi desestimada polos votos en contra de TEGA, PSdeG-PSOE, BNG, EU e a abstención de ENE. Estivemos a buscar na hemeroteca e non atopamos referencias nas que ampararnos, pero lembramos claramente que os motivos que se aduciran para a desestimación eran complicacións co programa informático de xestión que emprega COSMA, e que lles impedía facer esa operación. Algo que no seu momento sinalamos como excusa ridícula, e que esas limitacións caían dentro da responsabilidade de COSMA, non na dos seus clientes.

Pois ben, o 28 de abril de 2016 o PP, tras un informe favorable á devolución enviado pola Valedora do Pobo, -e a negativa do Pleno a admitir a moción en marzo por vía urxente, por estar agardando resposta da Valedora a alegacións feitas polo Concello-, volve a presentar a seguinte moción para o desconto no recibo da auga do consumo estimado de auga potable para os días correspondentes á crise dos trihalometanos:


MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO PP PARA CUMPLIR INFORME DA
VALEDORA DO POBO E APLICAR COMPENSACIÓN NO RECIBO DE COSMA
POLOS DÍAS QUE A AUGA NON FOI APTA PARA O CONSUMO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS 
O Grupo Municipal Popular presentou unha moción ao pleno de outubro de 2015, na que se instaba ao goberno de Narón a propoñer no Consello de Administración de Cosma unha compensación na facturación aos usuarios, polos días en que os veciños recibiron un auga non apta para o consumo, nos días que durou a chamada “crise do auga”. Debido a esa “crise”, recordemos, houbo uns días en que o consumo de auga foi restrinxido o conter valores superiores aos permitidos no nivel de Trihalometanos. O día en que se estableceu a restricción foi o 16 de xullo, que durou ata o 19. Coñeceuse posteriormente, tras a restrición, que os primeiros resultados anómalos databan de mostras tomadas o 29 de xuño. Con data 11/02/2016 a Valedora do Pobo remitía aos concellos afectados pola mencionada “crise do auga” un escrito no que se lles suxería a eses Concellos “que no caso de non telo feita xa se determine unha eventual compensación derivada da falta de subministro de auga para consumo durante os días que durou o incidente obxecto das queixas, tal e como xa fixo un dos concellos afectados, e que se faga de forma proporcional aos días que durou o incidente”. En base ao exposto, este grupo municipal ven a facer a seguinte 

PROPOSTA
1º.- Instar novamente ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, onde ten maioría, que se determine unha compensación derivada da falta de suministro de auga polos días en que os veciños recibiron auga non apta para o consumo.

2º.- Instar ao goberno de Narón a propoñer no consello de administración de Cosma, do mesmo xeito, que se inicie un procedemento de reclamación contra o Concello de Ferrol, para que lle desconte tamen a parte proporcional onde o auga non foi apta para o consumo.

En Narón, a 23 de marzo de 2016

Asinado: Marcos López Balado Voceiro Municipal do Partido Popular

Neste caso -poden ler o debate completo na acta deste pleno de 28 de abril de 2016- a excusa para rexeitar de novo a moción é que segue sen haber contestación da Valedora sobre as alegacións feitas polo Concello de Narón. Ainda así, merece a pena ler o debate sobre esta proposta -e tódalas outras, pois a da rebaixa dos valores catastrais tampouco ten desperdicio algún-. Concretamente, sinalaremos esta parte da intervención do voceiro do grupo do PP:

"La valedora instó a todos los Concellos, a todos los que no lo hubieran hecho, a compensar a los vecinos porque hay ayuntamientos que ya lo hicieron, hablo de Ferrol, por ejemplo, el ayuntamiento de Ferrol ya compensó a sus vecinos. Y los ayuntamientos de Ares, Mugardos y Fene acaban de enviar un escrito también entre los tres para proceder a hacer lo que decía la valedora. El único que está descolgado y sigue sin reconocerlo es el Ayuntamiento de Naron (...)"

Algo que podemos facer xa que a deste pleno é a PRIMEIRA acta que se publica ÍNTEGRAMENTE tal e como comprometía a Ordenanza de Transparencia do Concello de Narón. ¿Ven o estupendo da transparencia? Permítenos comprender todo o que hai detrás dunha simple nota de prensa do Concello onde se preden tódolos matices importantes das cuestións tratadas en Pleno.

Volvendo ao caso, aquí é onde enlazamos coas actas da Mancomunidade, pois o que menciona o concelleiro Balado ven reflectido na acta da sesión plenaria da Mancomunidade do 14 de marzo de 2016. Literalmente:


É dicir, que estaban a reclamar a Emafesa, non so o custo da auga, senón que algún alcalde -o de Ares- suxería que se tivese en conta o custo da auga mineral que pagaron os concellos durante os días nos que o consumo estivo prohibido.

Pero isto non é todo. Na nosa lectura da acta da Mancomunidade do 11 de abril de 2016, atopamos algo se cabe máis interesante e revelador:




 É dicir, que Emafesa lle devolveu ao Concello de Narón -é dicir, COSMA- a cantidade correspondente ao consumo a deducir pola crise dos trihalometanos. Unha cuestión bastante sangrante polos seguintes motivos:

  1. Polo que vemos, o grupo municipal do PP -e supoñemos que o resto de grupos da oposición- descoñecían que EMAFESA tivese feito a devolución desta cantidade ao Concello de Narón, xa que o punto 2 da súa moción mantén a demanda desa devolución ao Concello de Ferrol. Isto plantéxanos dúbidas sobre a cantidade e nivel de información que flue cara os grupos da oposición nas comisións. ¿Informouse desta cuestión? ¿Hai obriga de facelo por parte do Concello? Dende hai un tempo deixaron de publicar a orde do día das sesións destes órganos, coincidindo cos cambios -supostamente a mellor- en materia de transparencia. ¿Haberá algún grupo político que se convirta no noso paladín e defenda as nosas demandas en materia de transparencia no Concello? Polo que se ve, tamén redundaría no seu beneficio.
  2. A pesar de ter ingresado a devolución, o Concello de Narón segue a porfiar a devolución deses cartos aos consumidores con alegacións á Valedora. ¿Acaso, se a Valedora as admite a trámite, devolverá Narón eses cartos a EMAFESA?
  3. Volvendo ao debate da última moción presentada polo PP, concretamente á intervencion da concelleira Ferreiro de TEGA:

    "Cando falan dos 6000 euros…. 6000 euros sería como xa lle aclaramos no seu momento, se houbese un corte total de suministro, pero é que non o houbo, é dicir, houbo unha restricción de auga para o consumo humano en 2 días, que non temos valorado canto serían esas cantidades porque non o podemos valorar e cando fala dos 500 euros da auga que puxo o concello, sobrou auga, é dicir, se lle puxo auga para os veciños e sobrou que se levou ao centro de recursos. Co cal esa cantidade de 500 euros foi máis que suficiente para as necesidades nese momento dos veciños de Narón. Nada máis. Moitas grazas."

    Resulta bastante divertido que nun pleno que tivo lugar DESPOIS -11 de abril vs 28 de abril- de que a Mancomunidade dese conta da devolución dunha cantidade dende EMAFESA a Narón, TEGA teña o valor de dicir que descoñecen qué cantidade deberían devolver e como valorala. ¿Acaso non o fixo xa EMAFESA?
 Tras ler estas liñas: ¿QUÉDANLLE DÚBIDAS Á CIDADANÍA DE NARÓN SOBRE O FEITO DE QUE O GOBERNO MUNICIPAL NOS ESTÁ A TOMAR O PELO?"

Agardamos que a próxima vez que esta cuestión se presente a Pleno, a cidadanía ateigue as bancadas do salón portando cartaces nos que expresen as súas demandas e o seu descontento. Cremos que esa é a mellor guía que teñen os distintos grupos políticos para saber cando están a cumplir co seu cometido dentro da administración local.
Ler máis »

xoves, 14 de abril de 2016

Narón: moito evento de nivel, e pouca planificación

Este luns chegaba á nosa páxina de Facebook a queixa de veciños da Gándara respecto ó estacionamento desordeado existente o domingo no entorno do pavillón de deportes, concretamente na zona da rúa Irmáns Pita. O móvil da queixa era que un dos vehículos situados sobre a beirarrúa impedía a un dos veciños da zona acceder ó seu garaxe.

Se ben, as imaxes que acompañaban o relato amosaban unha situación na que probablemente xa pasase o peor -aprécianse bastantes espazos libres para aparcar-, o feito de que haxa vehículos sobre a beirarrúa delata a existencia de certo caos, que contrasta coa "orde" existente na ocupación dun dos carrís de circulación, ou a mediana na parte da rúa que discorre paralela ó pavillón.


¿Cal foi o motivo? Segundo nos dan a entender as novas desta fin de semana, ese día tivo lugar o XIII Trofeo de Baile Deportivo “Cidade de Narón”, unha competición que tivo lugar de 11:00h a 21:00h [1], na que se agardaba a participación de entre 200 parellas de bailaríns [1] e da que a prensa dí que finalmente participaron uns 500 bailaríns [2]. Respecto a público, se ben inicialmente se falaba dun límite de 1.000 localidades [1], o concelleiro de deportes Román Romero falaba dunhas 1.200 persoas [3] as que se achegaron a ver o evento.
Deixando a un lado o curioso "baile" de cifras, a nos parécenos unha cantidade máis que razoable de asistentes ó entorno do pavillón como para realizar unha planificación dende o punto de vista de estacionamento e tráfico. Máxime, tendo en conta que según nos contan os veciños, unha carpa ocupaba o frontal do pavillón, eliminando así un bo número de prazas.

Polo que comentan os veciños, non houbo aviso ningún da Policía Local sobre o evento, nin a grande afluencia de vehículos que podería ter lugar. E aínda que existía certa "orde" que puidera deberse á acción dalgunha autoridade -como un dos carrís de circulación ocupado, así como a mediana- non había ningún axente nos arredores, nin ningunha sinalización indicando esta eventualidade na vía. Tampouco na páxina de Facebook da Policía Local de Narón, que soe emitir comunicados a este respecto. Na nota de prensa publicada polo Padroado de Deportes [4] so atopamos unha reseña a páxina www.bailegalicia.net, na que se di que está toda a información da competición. Tras entrar nela, so podemos ver información básica do evento, horarios e prezos, pero ningunha en relación a lugares de estacionamento e acceso ó pavillón.

Neste punto, e sabendo que o Concello contaba con información da cantidade de asistentes que tería o evento, e que se trataba da 13º ano que se organizaba, o único que se nos ven á cabeza é que se trata dunha cuestión de deixadez e falta de planificación. Algo ó que, polo que parece, o Concello non da moito valor, pois segundo [3][4] declaran que "Narón e todo un referente a nivel estatal neste tipo de competicións". Se ben é certo que congregan a moita xente, non o fan con moita elegancia -algo que aparentemente está relacionado con este deporte- , xa que hai asistentes que teñen que rematar deixando o coche enriba dunha beirarrúa, ocasionando ademáis así molestias ós veciños. Para poder considerarse unha referencia, debería haber unha organización de referencia. E aténdonos ás circunstancias, uns cantos detalles que se nos ocorren para acadalo serían:
  • Ordenar o tráfico de xeito que os participantes tivesen opción de baixar fronte a porta. Os que viñeran sos no seu vehículo, darlles opción a estacionar o máis preto posible do lugar. Idem para persoas con mobilidade reducida.
  • Que os conductores dos vehículos tivesen suficientes indicacións para acceder de xeito organizado a un lugar onde estacionar cómodamente: 
    • na contorna hai varios centros comerciais
    • hai a posibilidade de organizar a circulación facendo a rúa Irmáns Pita de sentido único, usando un dos carrís para estacionar sinalizándoa de xeito apropiado e informando públicamente da eventualidade á cidadanía. Segundo [5], a rúa ten 1.330m de lonxitude, así que deixando 4m por vehículo teriamos espazo nun carril para algo máis de 300 vehículos.
    • proporcionando planos sobre acceso, circulación e estacionamento á organización, federación, participantes, etc ...
    • dispoñendo dun número de axentes e efectivos apropiado para que todo funcione de xeito fluído, e evitando comportamentos incívicos ou de risco
Aparte diso, evitaríanse molestias ós veciños da zona ó mínimo, de xeito que a administración local estaría aportando un verdadeiro servizo tanto ós visitantes, como ós propios naronenses.

Por certo, e xa para despedir, queremos dar a noraboa ós deportistas locais polo bo nivel demostrado. Tamén redundaría no seu propio beneficio unha mellor organización destes eventos.

Fontes:
[1] Galicia Ártabra - XIII Trofeo de Baile Deportivo “Cidade de Narón” http://www.galiciaartabradigital.com/archivos/79647
[2] Diario de Ferrol - Más de 500 bailarines compitieron en el polideportivo de A Gándara http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/mas-500-bailarines-compitieron-polideportivo-gandara/20160411003409151247.html
[3] La Voz de Galicia - O Club de Baile Deportivo Narón domina o galego de latinos  http://galego.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/naron/2016/04/12/club-baile-deportivo-naron-domina-gallego-latinos/0003_201604F12C10991.htm
[4] Padroado de Deportes - Máis de medio milleiro de persoas participarán no xv trofeo de baile deportivo cidade de narón e campionato galego de latinos http://www.padroadodeportesnaron.com/web/cat/gal/noticias/get/217
[5] Concello de Narón - Abre ó tráfico o vial perimetral da gándara, de máis dun kilómetro de lonxitude http://www.concellodenaron.com/web/cat/gal/noticias/get/658/
Ler máis »

xoves, 31 de marzo de 2016

Información sobre o pleno do 31 de marzo de 2016

Chega a fin de mes, e con él, unha nova sesión plenaria. Por desgraza, o calendario na páxina web do Concello desapareceu, así que tivemos que tirar da xenerosidade allea para poder publicar a orde do día do mesmo: temos poucos colaboradores, pero de calidade.


Entre as cuestións interesantes, as seguintes:

  • Modificación da ordenanza reguladora da taxa por recollida do lixo: atención contribuíntes, haberá que ver de que vai o asunto. Polo momento, a transparencia no concello non permite que trascendan estas cuestións.
  • Orzamentos: sobre isto, varias cuestións
    • Bases de execución: hai unha proposta de modificación, e iso que aínda non as publicaron. De tódolos xeitos, tamén hai unha proposta de que se inclúan as bases "específicas" no acordo de aprobación dos orzamentos. Aínda así, non deberían andarse con tantas voltas, e publicalas. Agora que teñen un portal de referencia, habería que sacarlle partido, ¿non sí?
    • Modificación de crédito: e xa van 3 no que vai de orzamento. Teremos que ver a qué responde.
  • Mocións: deixamos aquí información sobre elas. Polo momento, tan so EU ten a ben publicar o texto íntegro das mocións que presentan, mentres que ENE publica bastante información ó respecto no seu facebook e prensa.

  • Como nota final a este punto, quixeramos mencionar que o PP pretendía presentar unha nova moción sobre a devolución no recibo da agua do correspondente á crise da auga do pasado verán, e en virtude do expresado pola Valedora do Pobo. O feito é que ó ser presentada pola via urxente, o goberno municipal desestimou a súa incorporación. Segundo a nova de Galicia Ártabra - En Narón, no a una moción urgente del PP, sí una de IU a favor de la 2ª República, na que o PP protesta pola inadmisión desta moción fronte a admisión da de EU sobre a II República, o alcalde contesta que "se les pidió que la retirasen a la espera de la contestación de un escrito que se le envió a la Valedora do Pobo hace unos diez dias y que además el tema se trataría sin problema alguno en la comisión correspondiente." engadindo que "a petición de los representantes del grupo de gobierno en la junta de portavoces el representante de Eliximos Narón retiró , sin problemas, dos mociones"

Desta vez, agardamos poder ter un corresponsal a grabar o pleno, aínda que cos mesmos humildes medios de sempre.

Para variar, incombustiblemente, e dada a boa a collida, seguiremos informando.
Ler máis »

martes, 23 de febreiro de 2016

Consellos Territoriais de Participación Cidadá 2016 (II) - O noso DAFO de Narón


Continuamos coa serie de artigos relativos ós Consellos Territoriais de Participación Cidadá 2016. Como xa comentaramos no anterior artigo desta serie, esta primeira convocatoria de reunións dos Consellos Territoriais faise de xeito "tutelado" polo Concello, xa que é este quen plantexa a orde do día, cun único punto: realizar unha análise DAFO de cada parroquia.

Unha análise DAFO non é máis que unha sinxela análise realizada a base de detallar Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades daquilo que se pretende estudar -neste caso unha parroquia-. Non é máis que un dos milleiros de métodos que poden empregarse para orientarse sobre qué cuestións é preciso abordar nun asunto, e para facerse unha imaxe global da situación antes de actuar.
Neste punto pode que moita da xente de Narón que nos le plantexe unha queixa do estilo "eu xa sei o que fai falla na miña parroquia e no meu concello". Non dubidamos que sexa o caso. Pero hai que ter en conta unha cousa: é posible que sexan os propios membros da corporación municipal quenes máis precisen facer este exercicio para poñerse en situación, e dado que forman parte do proceso participativo, é xusto poñer o listón o máis baixo posible. Polo tanto rogamos que teñan paciencia con eles. Por outra banda, tódalas suxestións que podan facer poden ser enmarcadas na sección de "oportunidades", ou como solución a debilidades ou ameazas que se detecten, así que tamén serven para facer un debuxo máis preciso da situación.

En fin, que postos a xogar, e polo ben do concello, quixemos facer unha análise DAFO xenérica e poñela a disposición do público, por se algunha entidade o vise interesante e quixese empregala nas reunións destes Consellos Territoriais. Nos polo momento non podemos facelo, xa que non estamos constituídos como asociación. E agardamos que en breve se aborde seriamente o grave feito de que o Regulamento de Participación so permite que participen as entidades asociativas, e non as persoas a título individual, algo que -por exemplo- sí recolle o regulamento vixente no Concello de Ferrol.

Nun principio nos plantexamos realizar un so DAFO, pero a medida que ía crecendo o seu tamaño, decidimos fraccionalo en varios: proceso de participación cidadá, termo municipal e administración local. Deste xeito é moito máis manexable e lexible. Non entraremos en cuestións exclusivas de cada barrio ou parroquia, xa que cremos que é a veciñanza que alí reside quen mellor poden falar sobre elas.

Velaquí os DAFOs:

Proceso de participación cidadá e consellos territoriais



Análise Interna Análise Externa
Debilidades
  • Falta de vontade política: a participación estivo a funcionar, pero paralizouse. Leva na mesma situación 5 anos. Non se traballou nas conclusións extraídas das sesións da Escola de Participación.
  • Horario de celebración dos Consellos Territoriais non apto para a xente que traballa
  • Non se permite a participación de persoas a título individual
  • Non se pon a disposición das asociacións servizos de apoio: tributación, protección de datos, formación, etc ...
  • Ausencia de autonomía: participación dirixida dende o Concello e a Escola de Participación.
  • Dificultade de relación coa administración local: complexidade normativa, falta de información, falta de transparencia
  • Proceso non vinculante: as decisións tomadas nos órganos de participación poden ser desbotadas polo Concello sen xustificación 
  • Ausencia de normativa de uso e cesión de locais sociais. Non mediación do Concello nos conflictos entre entidades asociativas.
  • Falta de promoción da participación no eido educativo
Ameazas
  • Falta de relevo nas asociacións
  • Descrédito no proceso participativo
  • Sociedade orientada ó lecer e consumismo
  • Eliminación de órganos de participación por outras administracións: comisións de participación cidadá das áreas sanitarias
  • Normativa autonómica e estatal en materia de participación e transparencia: pouco rigorosa ou inexistente
Fortalezas
  • Antecedentes participativos: creación dos padroados, mobilizacións cidadás, patrimonio local construído en común por veciños e asociacións (pistas polideportivas, locais, cooperativas, ...)
  • Gran número de asociacións
Oportunidades
  • Fondos de cohesión da Unión Europea: esixen a participación da cidadanía para a elaboración de proxectos.
  • Plan Salud 2020 da OMS/UE: definición de xeito participativo de estratexias de mellora da saúde



Termo municipal de Narón



Análise Interna Análise Externa
Debilidades
  • Dispersión da poboación
  • Desequilibrio do nivel de servizos entre a zona rural e urbán: saneamento, telecomunicacións, ...
  • Pobre ou nula infraestructura de transporte público no rural
  • Patrimonio histórico e paisaxístico sen explotar ou en mal estado de conservación
  • Ria contaminada
  • Existencia de industrias contaminantes e de risco (Megasa, cementeira)
  • Taxa de paro do 25%
  • Poucas medidas de accesibilidade en edificios e mobiliario urbán. 
Ameazas
  • Non se albisca un fin da crise
  • Destrucción do motor industrial da comarca: o naval
  • Ausencia de alternativas económicas ó naval
  • Ausencia de plans de formación ou emprego con perspectivas de reducir a taxa de desemprego
  • Emigración
  • Envellecemento da poboación
  • Núcleos de tráfico de estupefacientes
  • Desmantelamento do transporte ferroviario (FEVE, RENFE)
  • Política e normativa autonómica, estatal e europea con pouca orientación social
Fortalezas
  • Patrimonio histórico relevante
  • Patrimonio paisaxístico
  • Proximidade a núcleos de interese turístico
  • Proximidade á Universidade 
  • Proximidade ó CHUF
  • Conexión con grandes eixos de comunicación (AP-9, AG-64)
  • Productos con denominación de orixe local: pemento do Couto
Oportunidades
  • Fondos de cohesión da Unión Europea
  • Mancomunado con outros concellos de servizos comúns na comarca



Administración local



Análise Interna Análise Externa
Debilidades
  • Falta de transparencia: descoñecemento dos ingresos completos dos cargos electos, mínima información sobre actuacións municipáis e asuntos tratados en comisións ou plenos, ausencia de informes anuais xustificativos das concellerías, non publicidade de bases de convenios, mínima difusión de posibles bonificacións e subvencións ás que pode concorrer a cidadanía, etc ...
  • Falta de orientación participativa do goberno municipal
  • Falta de progresividade tributaria e en taxas como a da auga.
  • Axudas da administración reducidas á caridade en situacións extremas, e xestionadas por institucións caritativas.
  • Ausencia de métricas que permitan coñecer a situación económica e necesidades das familias: infrautilización da concellería de estatística
  • Ausencia de bonificacións dos servizos municipais para persoas empadronadas respecto a persoas alleas ó concello
  • Poucas bonificacións das taxas respecto ó que permite a lei  (por exemplo IBI ...)
  • Ausencia de proxecto municipal, máis aló do mantemento dos servizos existentes
  • Ausencia de vivendas sociais de aluguer como alternativa habitacional a desafiuzados, familias con poucos recursos, mulleres víctimas de violencia machista, etc ...
  • Ausencia de mediación municipal nos procesos de desafiuzamento
  • Ausencia de plans de formación contra o desemprego
  • Ausencia dunha bolsa de emprego municipal
  • Utilización mínima de cláusulas sociais nos contratos: máis orientados a minimizar o custo que a maximizar as prestacións sociais.
  • Ausencia de programas nos centros educativos en materia de igualdade, participación, e bullying
  • Sociocomunitario con pouco persoal e desbordado
  • Ausencia de conexión entre a concellería de salubridade co SERGAS
  • Salario da alcaldía moi por riba da situación económica das familias de Narón
  • Bonificacións por asistencia non dependentes do tempo de duración das sesións.
  • Existencia dun servizo de emerxencias en lugar dun de bombeiros 
  • Gasto en festas excesivo en proporción a outras cuestións máis urxentes/relevantes (emprego, formación, servizos sociais)
Ameazas
  • Normativa e política estatal: LRSAL, art. 135 da Constitución Española
  • Enfrontamentos políticos coa administración autonómica (p.ex: centro de saúde)
  • Normativa e política europea: TTIP
Fortalezas
  • Bo nivel de programación cultural, servizo de biblioteca e normalización lingüística.
Oportunidades
  • Fondos de cohesión da Unión Europea
  • Posibilidade de establecer acordos coa Universidade para desenvolver oportunidades de negocio emerxentes ou sen explotar, formación, etc ...
  • Mancomunado con outros concellos de servizos comúns na comarca
  • Remunicipalización/mancomundado do servizos privatizados (saneamento, auga, lixo, xardinería)


Quedamos a disposición da xente que nos le para corrixir estes DAFOs, contestar a dúbidas, ou incorporar cuestións que escapen ó noso coñecemento, e agardamos que sexan de utilidade nos procesos partipativos que estean en curso.
Ler máis »

venres, 19 de febreiro de 2016

Consellos Territoriais de Participación Cidadá 2016 (I) - Calendario e plantexamento


Este artigo formará parte dunha serie que terá por obxectivo analizar o  proceso participativo cidadán nos Consellos Territoriais de Participación Cidadá, coa fin de arroxar a nosa perspectiva sobre o mesmo, e xeitos que permitan a súa optimización.

Segundo a información compartida pola Escola de Participación Cidadá de Narón na súa páxina de Facebook "Narón Participa", as datas e lugares nas que se fará a primeira reunión dos Consellos Territorias de participación son as seguintes:



  • Luns 15 de febreiro ás 17:00 horas. CONSELLO TERRITORIAL DE FREIXEIRO (no local da AVV Virxe de Fátima de Freixeiro)
  • Luns 22 de febreiro ás 18:00 horas. CONSELLO TERRITORIAL DE SAN MATEO (no local da AVV San Mateo)
  • Mércores 24 de febreiro ás 17:30 horas. CONSELLO TERRITORIAL DE O ALTO (no local da AVV O Alto)
  • Venres 26 de febreiro ás 17:00 horas. CONSELLO TERRITORIAL DA GÁNDARA (no local da AVV Gándara)
  • Luns 29 de febreiro ás 19:00 horas. CONSELLO TERRITORIAL DE PIÑEIROS (no local da SC Areosa, centro municipal de Piñeiros)
  • Mércores 2 de marzo ás 17:00 horas. CONSELLO TERRITORIAL DE SAN XIAO (no local da AVV Ceibe San Xiao)
  • Xoves 3 de marzo ás 19:00 horas. CONSELLO TERRITORIAL DE CASTRO (no local da AVV Castro)
  • Luns 14 de marzo ás 17:30 horas. CONSELLO TERRITORIAL DE O COUTO (no local da AVV O Couto)
  • Martes 15 de marzo ás 17:00 horas. CONSELLO TERRITORIAL DE SEDES (no local da AVV Sedes)
  • Mércores 16 de marzo ás 17:00 horas. CONSELLO TERRITORIAL DE XUVIA (no local da AVV Xuvia)
  • Xoves 17 de marzo ás 17:00 horas. CONSELLO TERRITORIAL DE O VAL (no salón de actos do local municipal do Val)

Segundo a propia Escola de Participación, o plantexamento das xuntanzas será o seguinte:


Nestas xuntanzas realizaremos un diagnóstico das principais problemáticas de cada parroquia/barrio, coa idea de sacar adiante as propostas de zona. A sesión de traballo durará 2 horas aproximadamente, baixo o esquema:
  • Identificar as principais características e problemáticas da zona (reflexión individual e posta en común) 
  • Elaboración dun diagnóstico sinxelo (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) 
  • Ideas propostas para Corrixir as debilidades, Afrontar as ameazas, manter as Fortalezas e Explotar as oportunidades. Nesta fase, traballaremos prioritariamente sobre propostas de intervención para as que teña capacidade o concello (competencia municipal). Posteriormente o persoal técnico municipal poderá estudar a viabilidade das mesmas. Na segunda rolda de sesións de traballo dos Consellos Territoriais -previsiblemente despois do verán- poderemos avanzar sobre a factibilidade destas peticións, prioriozándoas para entregar un informe de cada barrio.
Están convocadas ás sesións dos Consellos todas as entidades desas zonas (pódense sumar novas asociacións que ainda non estean inscritas) e os/as representantes dos distintos grupos municipais (que foron nomeados no pasado pleno).

O feito é que, como estivemos a divulgar a través da nosa páxina de Facebook, achamos uns cantos inconvintes nesta convocatoria:
  • Os horarios non nos parecen axeitados para que poda participar a xente, xa que aquelas persoas que traballen a xornada partida veranse absolutamente imposibilitadas para asistir. Algo que xa se notou na primeira das reunións, na que había máis políticos que membros de entidades.
  • Por outra banda, hai unha limitación que plantexa o propio Regulamento de Participación Cidadá, que é o feito de que so permite a participación de entidades asociativas, deixando ó marxe a toda a veciñanza que non pertence a algunha delas. A este último respecto, recentemente, a Escola ven de comunicar que é consciente desta limitación:
    Ás sesións están convocadas todas as asociacións de cada zona e os representantes dos grupos políticos, tal e como recolle o actual Regulamento de Participación Cidadá (2009), se ben somos conscientes de que en breve será necesario realizar unha reflexión sobre a súa reforma, co ánimo de incorporar á veciñanza e poder participar dun modo máis áxil.

En caso de que alguén sexa quen de detectar calquera cuestión que poda mellorar estea a prexudicar substancialmente este proceso, convidámolo a que llo traslade á Escola de Participación a través da súa dirección de email: escoladeparticipacion@cidadania.coop

Por outra banda, lembramos que o Regulamento de Participación Cidadá é unha lectura máis que aconsellable para aqueles que pretendan comezar a introducirse nos procesos participativos de Narón: http://bop.dicoruna.es/bop/2009/03/18/09-2911-x.htm
Ler máis »